Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today19 febrero, 2024
19 de febreiro de 2024. O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, logo de acadar a súa primeira maioría absoluta, reivindicou esta tarde a “contundente” vitoria acadada polo seu partido nas eleccións autonómicas do 18 de febreiro apelando á mobilización histórica que se deu nestes comicios: “Galicia participou como nunca e votou como sempre”.
Ante os membros da Xunta Directiva do PPdeG e acompañado polo presidente nacional do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo; o líder dos populares galegos quixo dar as grazas aos máis de 700.000 galegos que confiaron no seu proxecto e puxo de manifesto a responsabilidade que isto supón para el.
“Galicia tiña que escoller entre as mentiras que algúns intentaron contar e o camiño da palabra. Eu creo no valor da palabra dada e por iso me comprometo a manter a miña palabra e a cumprir todo o prometido. Ese será o fundamento de todo o que faga”, asegurou.
Neste sentido engadiu que asume desde hoxe mesmo a obriga de gobernar para todos os galegos, tanto os que o votaron como os que non, porque “xuntos, en liberdade, con tranquilidade e con sentidiño, conseguimos superar o intento de separarnos e de levantar muros entre galegos bos e malos”.
“Queremos traballar desde o primeiro día porque entramos nas eleccións cuns Orzamentos aprobados e saímos delas cuns Orzamentos xa en funcionamento, con moitas ganas de traballar e co apoio da maioría dos galegos”, subliñou ao tempo que facía un chamamento a non dar nada por gañado porque “a confianza dos galegos hai que gañala día a día”.
Fronte aos intentos de manipulación, ás descualificacións e ao dano feito só por obter rédito electoral, Alfonso Rueda asegurou que isto “nin funcionou nin funcionará” nunca en Galicia e avogou, en cambio, pola humildade e a tranquilidade que sempre triunfan.
En clave nacional, o presidente do PPdeG afirmou que onte Galicia deu claramente “un frenazo en seco a Pedro Sánchez e aos seus socios separatistas” e que os galegos dixeron que “nin queren nin van admitir chantaxes nin privilexios”. O que o pobo galego manifestou onte nas urnas, explicou, é que quere igualdade, entendemento, responsabilidade, sentidiño e dignidade para Galicia.
“A mensaxe que mandamos a través das urnas foi que nos sentimos moi orgullosos do que somos, do que facemos e do que queremos facer”, concluíu Rueda reivindicando a Galicia que funciona fronte ao fracasado intento de importar modelos que non paga a pena “nin intentar facelos funcionar”.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)