Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today8 enero, 2025
Ames, 8 de xaneiro de 2025.- O concello de Ames é o lugar escollido por Álvaro Lamas para a presentación de “Capturando a Natureza”, que terá lugar este xoves ás 20.00 na no Auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro e estará exposta ata o vindeiro 23 de xaneiro. A inauguración da exposición contará cun faladoiro e unha visita guiada polas obras da man do autor. Poderá visitarse, de forma gratuíta, desde o vindeiro venres día 9 ata o 23 de xaneiro en horario de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 22.00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro.
“Capturando a natureza” está composta por preto de 20 fotografías impresas en Aluminio Dibond nun formato de 50x75cm que permite observar as fotos cunha gran definición, nitidez e elegancia. Parte da mostra está composta por fotos dalgúns dos recunchos máis máxicos de Galicia, como Ferrolterra, Ortegal ou a Mariña Lucense, mais tamén se poden observar imaxes de Asturias e Cantabria. Deste xeito Álvaro plasmou dunha maneira única a súa conexión persoal coa natureza e estes lugares.
O autor explicou que ““Capturando a Natureza” pode parecer un título xenérico, pero representa á a esencia mesma do meu proxecto: capturar aqueles lugares e paisaxes que me sorprenden pola súa beleza, esplendor, maxia ou encanto. Ás veces son grandes paisaxes: fervenzas ruxentes, xélidos lagos de montaña ou solpores vertixinosos sobre acantilados. Outras, un pequeno cogumelo agochado entre follas pode representar un mundo enteiro e levarme a pasar media mañá no chan para capturalo”.
Álvaro Lamas e o proxecto Lost in Woodlands Photography
Álvaro Lamas é recoñecido pola súa paixón pola fotografía de paisaxe e polo seu proxecto Lost in Woodlands Photography, eixos centrais tamén desta mostra na que se proxectan fotos de diferentes puntos das comarcas de Ferrolterra e Ortegal.
O proxecto Lost in Woodlands Photography, creado polo autor, ten como obxectivo redescubrir o encanto da paisaxística rural de Galicia a través dunha nova perspectiva. Deste xeito, o artista pretende amosarlle ao espectador a beleza da natureza con elementos que, en moitas ocasións, pasan desapercibidos para o público máis xeral.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)