Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today15 octubre, 2026
A XXIV edición de AMAL estará dedicada ao cinema palestino e á identidade cultural e a memoria, reivindicando a cultura como ferramenta de resistencia fronte á violencia e ao esquecemento
O festival inaugurarase o luns 26 de outubro coa longametraxe de ficción «The Voice of Hind Rajab», de Kaouther Ben Hania, nominada a ‘Mellor Película’ nos Premios Óscar, e contará coa presenza do actor protagonista, Motaz Malhees
Haberá un pase único diario, coas entradas á venda en Ataquilla.com ou unha hora antes de cada sesión no despacho de billetes do teatro, agás a primeira xornada que será de balde
A Fundación Araguaney-Puente de Culturas presentou hoxe a XXIV edición da Semana de Cine Euroárabe AMAL 2026, que se celebrará do 26 ao 30 de outubro no Teatro Principal de Santiago de Compostela. O acto contou coa participación do presidente da Fundación Araguaney e director de AMAL, Ghaleb Jaber Martínez, e da concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica, Míriam Louzao.
Ghaleb Jaber Martínez agradeceu a colaboración do Concello de Santiago e da Xunta de Galicia nesta nova edición de AMAL, destacando o seu apoio ininterrompido durante estes 24 anos para manter un espazo que achega o cinema árabe contemporáneo á cidadanía compostelá e favorece o diálogo entre culturas.
Esta nova entrega de AMAL estará dedicada integramente a palestina e xirará arredor da identidade e a memoria colectiva. Baixo o lema ‘EXISTIR É RESISTIR’, o festival reivindica a creación artística como unha forma de preservar a identidade, transmitir a memoria histórica e manter viva a capacidade de creación dunha sociedade marcada por décadas de ocupación e violencia.
A programación de AMAL 2026 reunirá no Teatro Principal cinco proxeccións, catro longametraxes de ficción e un documental, que percorren a memoria, a historia e a vida cotiá palestina: The Voice of Hind Rajab (Kaouther Ben Hania), Todos somos Gaza (Hernán Zin), Palestine 36 (Annemarie Jacir), Once Upon a Time in Gaza (irmáns Nasser) e All That’s Left of You (Cherien Dabis). O luns contaremos coa visita do actor Motaz Malhees (protagonista de The Voice of Hind Rajab) e o mércores coa do actor Karim Anaya (protagonista de Palestine 36), quen participarán en coloquios presenciais co público tras as proxeccións nun espazo directo de diálogo e reflexión na capital galega..
A intención é amosar Palestina non unicamente como unha realidade atravesada pola guerra, senón tamén como unha sociedade viva, cunha ampla riqueza cultural e capacidade para imaxinar e crear.
O director do festival puxo de manifesto a determinación da creación audiovisual palestina:
«Queremos volver a reflexar desde a Fundación a realidade que vivimos e que se resume no noso lema: ‘Existir é Resistir’. Pese á situación que se vive en Palestina e ao intento de borrar toda unha identidade, séguese facendo un cinema extraordinario. O cinema é parte dunha resistencia cultural da que formamos parte desde o festival para seguir trasladando a nosa mensaxe e a nosa loita».
Na súa intervención, Ghaleb Jaber Martínez fixo especial fincapé no proceso de madurez que viviu o cinema palestino e na necesidade de romper visións reducionistas sobre a sociedade árabe:
«Os creadores e creadoras non están acadando premios nos festivais internacionais por pena, senón por méritos propios e por ter un discurso cinematográfico propio e con identidade. É moi relevante ver como as mulleres directoras son un actor fundamental que rompe cos estereotipos habituais. Demóstrase que hai unha capacidade intelectual e de creación que non se pode borrar».
Así mesmo, defendeu a capacidade da cultura para desmontar discursos de enfrontamento e conectar á cidadanía:
«Ese prexuízo de que estamos nun túnel sen saída ou nunha liña de enfrontamento de culturas é de cartón pluma; créase de xeito artificial. A realidade é que na vida cotiá, cando nos coñecemos de preto, ese medo non existe porque os problemas reais son comúns para todos. Mentres os pilares sigan firmes, a Fundación Araguaney seguirá aí para construír pontes».
Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Míriam Louzao, revalidou o compromiso institucional co festival e coa difusión da cultura como dereito:
«AMAL leva máis de 20 anos conectando realidades que moitas veces nos chegan a través de imaxes fragmentadas, axudando a humanizar a complexidade do mundo. Preservar a memoria, contar as historias propias e defender a lingua e a cultura son tamén formas de resistencia, unha reflexión que conecta directamente coa sensibilidade galega. Este festival fai que Compostela sexa unha cidade aberta ao mundo, solidaria e espazo de diálogo crítico».
Pruden asina a nova identidade visual de AMAL 2026
‘Pruden’ é o proxecto creativo de Anxo Varela e Lúa Lomo, dous artistas galegos que traballan entre a ilustración, a tatuaxe e o deseño gráfico.
A súa linguaxe visual combina tradición e contemporaneidade, desenvolvendo unha obra recoñecible que transcendeu o ámbito da tatuaxe para colaborar con institucións e marcas como Le Monde, Netflix ou as Tendas Museo da Bauhaus de Dessau, entre outras.
A súa capacidade para crear imaxes cunha identidade propia, conectadas cos códigos visuais actuais e cunha forte presenza nas redes sociais, convérteos nunha proposta especialmente interesante para contribuír á renovación visual de AMAL e achegar o festival a novos públicos.
Cinco proxeccións para achegarse á realidade palestina
AMAL 2026 celebrarase do 26 ao 30 de outubro no Teatro Principal de Santiago (rúa Nova, 21), cunha programación de cinco proxeccións, catro longametraxes de ficción e un documental, que se proxectarán nun pase único diario, de luns a venres. A xornada inaugural, o luns 26 de outubro ás 20.00 horas, estará protagonizada por «The Voice of Hind Rajab», de Kaouther Ben Hania, unha longametraxe de ficción que reconstrúe a chamada de emerxencia dunha nena palestina de seis anos atrapada nun coche baixo o fogo en Gaza. A sesión contará coa presenza do actor protagonista, Motaz Malhees, para participar nun coloquio co público.
O martes 27 de outubro, ás 21.00 horas, será a quenda do documental «Todos somos Gaza», de Hernán Zin, que documenta cronoloxicamente a violencia exercida contra a poboación civil palestina desde o 7 de outubro de 2023.
O mércores 28 de outubro, tamén ás 21.00 horas, proxectarase «Palestine 36», de Annemarie Jacir, unha película que traslada o espectador á Palestina de 1936, durante a revolta contra o dominio británico. A sesión contará coa presenza do actor protagonista, Karim Anaya.
O xoves 29 de outubro, ás 21.00 horas, chegará «Once Upon a Time in Gaza», dos irmáns palestinos Tarzan Nasser e Arab Nasser, unha ficción ambientada en Gaza en 2007 que combina a vida cotiá, o humor e a crítica social.
Finalmente, o venres 30 de outubro, ás 21.00 horas, o festival pecharase con «All That’s Left of You», de Cherien Dabis, unha longametraxe que percorre a historia de tres xeracións dunha familia palestina desde 1948 ata a actualidade.
As entradas de martes a venres terán un custo de tres euros (+ gastos de xestión) e estarán á venta en Ataquilla.com (https://entradas.ataquilla.com) Tamén as entradas restantes poderanse adquirir no despacho de billetes do Teatro Principal, unha hora antes de cada proxección.
Venda de entradas (ENLACES en ataquilla.com)
Como é habitual, o Restaurante ‘Caney’, situado no Hotel Eurostars Araguaney, organizará a Semana Gastronómica de AMAL, que este ano se celebrará do 26 ao 31 de outubro, incluíndo tamén o sábado para facilitar que un maior número de persoas poida degustar a proposta gastronómica.
O menú árabe estará deseñado por Pedro Roca, chef do restaurante, coñecido polo seu gusto pola gastronomía intercultural. A proposta achegará o seu toque persoal, conservando as características e propiedades da auténtica cociña árabe.
Consulta a programación en https://www.festivalamal.com.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)