Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today4 octubre, 2024
Ames, 4 de outubro de 2024.- O departamento de Cultura do Concello de Ames estrea a súa programación do último trimestre do ano con tres obras teatrais que se representarán no mes de outubro, dúas para público adulto e unha para público infantil. Todas terán lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns. As entradas poden adquirirse na Billeteira electrónica do Concello de Ames, e hai descontos e prezos reducidos para colectivos especiais.
Tras os meses estivais, a Concellaría de Cultura volve a poñer en marcha a súa oferta de artes escénicas para o último trimestre do ano. Desta volta, inclúe dous espectáculos para público adulto, “Go Home” e “Testosterona”, e un para público infantil, “Geometría del Alma”. As propostas para adultos enmárcanse dentro da programación da Rede Galega de Teatros, subvencionada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). O espectáculo infantil forma parte do programa Camiño Escena Norte.
Esta programación cultural terá continuidade ao longo do último trimestre do ano co festival de maxia FestiMax, durante a última fin de semana de outubro, e co festival de cinema infantil e xuvenil, Cinema Miúdo, do 14 ao 17 de novembro.
Teatro para público infantil
A primeira obra é “Geometría del alma”, de Teatro Plus, que chegará á Casa da Cultura de Bertamiráns o 18 de outubro ás 18:00 horas. Este espectáculo é unha fusión entre teatro visual, danza contemporánea e manipulación de obxectos que expresan a relación entre as formas xeométricas e o corpo humano; un corpo que tratará de dar alma á xeometría para poder comprender a xeometría da alma que está no seu interior.
Teatro para público adulto
A segunda das obras desenvolverase tamén o 18 de outubro. Trátase de “Go Home”, da compañía Etiqueta Negra, que pasará polo auditorio de Bertamiráns ás 20:30 horas. Nela cóntase a historia de David, un fanático das viaxes que xa pensa que xa viviu todas as aventuras que as axencias de turismo poden ofrecer, ata que unha sorpresa o leva a pasar unha noite en O Cebreiro. Este será o punto de partida dunha peripecia na que o protagonista experimentará emocións moi intensas. Trátase dunha peza dirixida por Tito Asorey e protagonizada por David Amor e Josito Porto que observa o mundo cara a cara, así como as súas problemáticas asociadas a Galicia.
Por último, “Testosterona”, de Malasombra Produccións, chega ao auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns o venres 29 de novembro, ás 20:30 horas. Este espectáculo narra unha historia que comeza cando o director dun importante medio de comunicación debe deixar o seu posto n mans dun dos seus dous subdirectores: unha é muller, o outro home. Que influirá nesta decisión? A capacidade?, o sexo?, a experiencia?, a audacia?, o engano?, a trampa? “Testosterona” propón unha reflexión profunda sobre a desigualdade laboral por razóns de sexo, pero de xeito que o público se sorprenda cun sorriso debuxado nos beizos vendo as peripecias das personaxes protagonistas.
XIX Festival internacional de Maxia
O Festival internacional de Maxia de Ames volve un ano máis cunha programación que incluirá espectáculos e obradoiros para todos os públicos durante os días 25, 26 e 27 de outubro. O evento, organizado polo departamento de Cultura do Concello de Ames, que conta co apoio da Deputación da Coruña, incuirá iniciativas como espectáculos de maxia para bebés, maxia para os maiores ou a gala máxica internacional. Tamén se celebrarán obradoiros dirixidos a cativos e maiores.
VII Festival Cinema Miúdo
O festival internacional de cinema infantil de Ames celebrará a súa sétima edición entre o 14 e o 17 de novembro, nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. O certame está xestionado por terceiro ano pola entidade cultural galega Abella Producións, que desvela hoxe o cartel e temática deste ano: os pioneiros do cinema.
A temática será transversal a moitas das actividades do festival. A través de proxeccións, unha exposición e actividades interactivas, a cativada terá a oportunidade de explorar a maxia do cinema desde os seus inicios. Ao mergullarse no legado dos pioneiros da sétima arte, as nenas e nenos de Ames aprenderán sobre técnicas cinematográficas e desenvolverán un sentido de apreciación pola arte e a narrativa visual.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)