Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
O orzamento ascende á cifra de 32.568.424,74 euros, medrando en 2.843.117,97 euros respecto do anterior orzamento de 2023. A principal área de gasto pasa a ser educación co 22,30% do total do orzamento. En dita área entran todos os servizos de conciliación que ofrece o Concello (comedores, lúdicos, Bos días coles, Tardes divertidas…).Esta área medra respecto a 2023 un 3,56%
A segunda área con maior gasto é benestar comunitario co 16,80%, e na terceira posición está servizos sociais e promoción social, que representa o 9,80% do orzamento total. Outras partidas importantes son Vivenda e Urbanismo (6,80%), Cultura (6,30%), Medio Ambiente (4,40%), Infraestruturas (4,30%), Promoción do Emprego (3,70%) e Deportes (3,50%)
Ames, 23 de febreiro de 2024.- A Corporación municipal aprobou de xeito inicial o orzamento municipal de Ames para o exercicio 2024, nunha sesión plenaria extraordinaria que se desenvolveu este xoves, 22 de febreiro. Agora, dende a súa publicación no BOP, o documento orzamentario estará en exposición pública durante 15 días hábiles. Trátase do oitavo orzamento que se aproba de xeito consecutivo dende o ano 2017. O orzamento xeral de 2024 ascende á cifra de 32.568.424,74 euros. Trátase dun orzamento que segue a mesma liña de orzamentos de anos anteriores, onde se blindan áreas como a educación, os servizos sociais e os servizos básicos. A principal área de gasto pasa a ser educación co 22,30% do total do orzamento. Esta área medra respecto a 2023 un 3,56%. A segunda área con maior gasto é benestar comunitario co 16,80%, e na terceira posición está servizos sociais e promoción social, que representa o 9,80% do orzamento total. Premendo nesta ligazón podes ver o vídeo do pleno extraordinario sobre o orzamento de 2024.
O Pleno deulle luz verde á aprobación inicial do orzamento de 2024, que ascende á cifra de 32.568.424,74 euros. A orde do día recollía dous puntos. O primeiro foi a aprobación inicial do Orzamento Xeral 2024, integrado polo orzamento do Concello de Ames e o da Entidade Publica Empresarial Augas de Ames. Neste punto votaron a favor os oito concelleiros/as do goberno municipal (PSdeG-PSOE), mentres que os/as concelleiros do Partido Popular de Ames e maila concelleira de Espazo Común votaron en contra. Os/as edís do BNG de Ames abstivéronse. Ao existir un empate con 8 votos a favor e 8 en contra houbo que repetir a votación na que volveu haber empate. Ao persistir o empatedecidiu o voto de calidade do alcalde segundo establece o ROM. Deste xeito, apróbase o oitavo orzamento consecutivo dende o ano 2017.
O segundo punto da orde do día foi sobre a aprobación da masa salarial do persoal laboral do Concello de Ames e da Entidade Pública empresarial Augas de Ames para o exercicio 2024. Este punto foi aprobado co voto a favor dos 15 concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e do Partido Popular de Ames. Os 6 concelleiros e concelleiras do grupo municipal do BNG e de Espazo Común abstivéronse. Aínda que a orde do día recollía dous puntos o debate fíxose de xeito conxunto.
A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, foi a encargada, por parte do Goberno municipal, de explicar as grandes cifras do novo presuposto. Susana Señorís destacou que “é o oitavo orzamento municipal consecutivo, e o primeiro para min como concelleira de Asuntos Económicos, e quero agradecer o traballo feito pola concelleira anterior, Genma Otero. O orzamento é a ferramenta que nos permite levar a cabo políticas públicas e traballar para Ames. Este orzamento segue a mesma liña e criterios que os orzamentos de anos anteriores, aumentando aquelas partidas que o precisan, xa que para este goberno o benestar dos veciños e veciñas de Ames é o primeiro. Destacar que é o orzamento máis alto de todos, con un importe total de 32.568.424, 74 euros no que se inclúe o orzamento da EPEL, a entidade pública empresarial Augas de Ames”.
A concelleira de Servizos Económicos engadiu “este orzamento segue a blindar as tres áreas máis importantes para a veciñanza, como son a área de Servizos Básicos, a área Educativa e a de Servizos Sociais, promovendo actuacións e investimentos que melloran a calidade de vida das nosas veciñas/os con investimentos en infraestruturas básicas, tanto nos núcleos urbanos coma no rural, mellora nos servizos de conciliación, así como na atención dos nosos maiores e promoción da saúde. Todo isto acompasado con políticas de gasto que aumentan e reforzan o resto das áreas con programas de fomento do emprego, promoción e fomento do deporte, dinamización comercial e promoción turística, dinamización e ampliación das actividades culturais, desenvolvemento de políticas para a xuventude, programas de coñecemento e coidado do noso medio, actividades de mellora da comunicación e transparencia e de promoción da nosa lingua, reforzo da seguridade, etc”.
Ademais, dixo “neste orzamento para o 2024 quero destacar a creación da EPEL, a posta en marcha do plan de saúde mental e do plan de soidade cero, o servizo de mantemento de alumeado público, a creación de axudas a deportistas de base, a mellora na recollida do lixo e maila posta en marcha dun plan de promoción turística. O orzamento do 2024 do Concello de Ames, segue a mesma liña que en anos anteriores, dotando de máis crédito aquelas partidas que o precisan e facendo novos investimentos, para a mellora da veciñanza de Ames”.
Intervención dos partidos da oposición
A concelleira de Espazo Común, Luísa Feijóo, explicou que se trata dun orzamento continuista. “Din que son uns orzamentos de esquerdas, pero uns verdadeiros orzamentos de esquerdas non baixan a partida de acción social, nin permite que desapareza nominalmente a promoción da igualdade. Tampouco se incrementarían os prezos dos servizos e incluiría unha partida de participación. Este goberno confórmase con que Ames sexa un Concello prestador de servizos. Lembremos que se queremos que Ames sega medrando, hai que seguir ofrecendo servizos de calidade aos nosos veciños e veciñas”.
Luísa Feijóo tamén dixo que “a partida de benestar social sufre un recorte que a sitúa novamente nas cifras de 2022, que representaba un 10,6% do total do orzamento municipal, e pasa a un 9,8%. Din que é o orzamento máis alto da historia de Ames, pero tamén é o máis caro para a veciñanza. As veciñas e veciños de Ames quedarán un ano máis sen un plan de accesibilidade universal, sen un plan de arranxo de beirarrúas, sen canles de participación, sen un departamento de promoción económica que implemente axudas directas para pequenos comercios, emprendedores e axudas á formación, quedaremos sen ofertas de programación para os máis novos, e non sabemos nada da área de igualdade. Por último dicir que nos quedaremos con servizos cada vez máis externalizados, con menos calidade e máis caros, con sobrecustes nas obras, obras que se certifican con deficiencias, etc”.
O voceiro do BNG de Ames, David Santomil, comezou a súa intervención lanzado a pregunta de “se os Concellos teñen a capacidade para innovar na elaboración dun orzamento. Nós cremos que non, porque o 85% do orzamento xa está comprometido entre o capítulo de persoal e mailo capítulo de gasto corrente que é o que financia os servizos municipais e mailos contratos que xa están adxudicados. Un orzamento é a principal ferramenta de acordo político que ten un Concello e nese sentido hai que ter altura de miras e afrontar a negociación con diálogo e responsabilidade, pero tamén con transparencia, para nós isto é algo fundamental. Este é un orzamento que ten a mesma estrutura e que é continuista respecto ao dos anos anteriores, no que o grupo municipal do BNG formaba parte do goberno municipal. Este é un orzamento necesario para facer política de esquerdas, como fixemos en anos anteriores, a pesar de que modificaran a composición do goberno”.
David Santomil tamén dixo que “dende o BNG destacamos dúas grandes áreas. En primeiro lugar o aspecto social. Aí queremos facer especial fincapé na política de vivenda pública e nas actuacións ligadas ao ámbito da mocidade, que teñen que estar reflectidas nos orzamentos. Tamén nos parece fundamental o benestar para os nosos maiores, a creación de emprego e maila innovación, e por suposto, darlle continuidade á Axenda Urbana. Na segunda área destacamos a prestación de servizos. O Concello de Ames é un Concello prestador de servizos. Ames ten máis que identificado que cos seus servizos de conciliación e educación atrae poboación nova. Resulta indispensable fortalecer os programas de conciliación deste concello que son a nosa bandeira. Tamén é indispensable que haxa un compromiso firme coa Mancomunidade Serra do Barbanza, coa cultura, deporte e fomento da lingua galega”.
A voceira do Partido Popular de Ames, Oliva Agra, destacou que “son uns orzamentos continuistas, a pesar de mudar o goberno, de tripartito a un goberno en minoría en solitario. A verdade é que nos esperabamos uns orzamentos distintos para este concello, polo que non deixan de ser decepcionantes e continuistas, do anterior goberno socialista co BNG e Podemos. De feito, determinadas actuacións significativas deste orzamento correspóndense coa subida de taxas. A estimación de ingresos é demasiado optimista, no sentido de que se finalmente non se recadan os importes previstos, haberáconsecuencias para a estabilidade financeira do concello. Todos os capítulos de ingresos se caracterizan polo incremento. No capítulo 1, impostos directos: aumenta a recadación por IBI a 250.000 euros. Porén, é importante sinalar que neste ano Audasa xa non disporá da bonificación que viña tendo polo IBI da AP-9, polo que se recadarán 16.000 euros máis. O resto, 235.000 euros, saen directamente do peto dos veciños de Ames”.
Oliva Agra engadiu “o que se destina a benestar comunitario redúcese en 1.100.000 euros, e en servizos sociais tamén se reducen 300.000 euros. En comercio, turismo e pequenas empresas, redúcese o rozamento en 260.000 euros. Tendo en conta que xa de por si o que se destina a promoción do comercio en Ames é escaso, peor aínda o recorte deste ano. Polo que queda clara a postura deste goberno con respecto ao desenvolvemento do comercio local: non é unha prioridade, a pesar de que nos vendan o contrario. Son os orzamentos do novo goberno en minoría, pero son uns orzamentos idénticos aos do goberno tripartito. Non son uns orzamentos de cambio. Non son uns orzamentos nos que se apuntalen os servizos públicos nin se pretenda mellorar o día a día dos veciños. Son os orzamentos de sempre”.
Intervención do Goberno municipal
A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, explicou que “o equilibrio e a sustentabilidade das contas acádanse cun maior esforzo económico no ámbito dos servizos básicos servizos sociais, educativo e de benestar social, coa máxima eficiencia dos recursos públicos e garantindo a prestación de servizos básicos. Acádase así o cumprimento dos obxectivos e políticas de mellora dos servizos públicos municipais, na procura dunha mellor calidade na prestación dos mesmos, sen a necesidade dun incremento de taxas e impostos e cun incremento de infraestruturas que se demandan desde a cidadanía polo continuo crecemento poboacional que segue a estar presente no noso concello, lográndose unha estabilidade económica e de xestión para a prestación de todos os servizos”.
“Este orzamento é un orzamento solidario, social, equilibrado, responsable, e sobre todo, é sostible, que segue a medrar ano tras ano garantindo a mellora dos servizos que redundan no aumento do benestar da nosa comunidade, dos veciños e veciñas de Ames, e desde este goberno é o que queremos”, dixo Susana Señorís.
Por último, o alcalde de Ames, Blas García, comezou dicindo “quero agradecer ao BNG que facilite a aprobación destes orzamentos, porque este é un acordo que é bo sobre todo para a veciñanza”. Ademais, destacou “está claro que estes son uns orzamentos de esquerdas, pensando sobre todo nas persoas; por iso inclúen, por exemplo, un plan de saúde mental municipal, un plan de soidade cero ou un plan de axudas aos deportistas de base, porque van directamente pensando nas persoas. Claro que son un orzamentos continuistas, como non van selo se nos anos anteriores tamén gobernaba o PSOE. Son tan continuistas que algún dos concelleiros e concelleiras que hoxe están aquí, e que tanto se queixan destes orzamentos, os aprobaron en sete ocasións e ademais defendían eses orzamentos”.
Principais áreas de gasto
O orzamento ascende á cifra de 32.568.424,74 euros, medrando en 2.843.117,97 euros respecto do anterior orzamento de 2023. Segundo o Goberno local continuase incrementando o orzamento ano tras ano e consolidando ese incremento co compromiso de reforzo e ampliación dos distintos servizos prestados polo Concello nas distintas áreas de gasto e continuando co esforzo inversor con fondos propios, que acompañan aos investimentos financiados con transferencias do Estado, da Comunidade Autónoma e da Deputación da Coruña.
A principal área de gasto pasa a ser educación co 22,30% do total do orzamento. En dita área entran todos os servizos de conciliación que ofrece o Concello (comedores, lúdicos, Bos días coles, Tardes divertidas…).Esta área medra respecto a 2023 un 3,56%. A segunda área con maior gasto é benestar comunitario co 16,80%, e na terceira posición está servizos sociais e promoción social, que representa o 9,80% do orzamento total. Outras partidas importantes son Vivenda e Urbanismo (6,80%), Cultura (6,30%), Medio Ambiente (4,40%), Infraestruturas (4,30%), Promoción do Emprego (3,70%) e Deportes (3,50%).
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)