AD

Comarca

Ames estimula o uso da lingua galega na actividade económica do concello

today19 octubre, 2026

Fondo
share close
AD

O alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, dixo “o principal obxectivo destes premios é impulsar e normalizar o uso da lingua galega a nivel comercial. É moi importante usar o galego no ámbito económico e social porque serve para promocionar a nosa lingua, pero ademais crea referentes positivos. Todos os establecementos comerciais que levan un premio acaban sendo referentes para outras empresas para que poidan sumarse a esta campaña e participar nestes premios. Desde o Concello imos seguir apostando por este tipo de actividades para apoiar o uso do galego”

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, comezou destacando que “como dicimos sempre, en Ames témolo todo, e temos comercios e empresas da hostalería implicadas coa nosa lingua. Cada ano que pasa imos sumando empresas que se presentan, imos tendo novas empresas que poñen en valor e falan en galego. Cando nun comercio ou local hostaleiro se fala galego, ademais de poñer en valor a nosa lingua, estamos estimulando que a clientela tamén use a lingua galega”

Ames, 19 de outubro de 2026.- O Concello de Ames pon en marcha por noveno ano consecutivo os Premios Lingua e Empresa, co obxectivo de recoñecer o uso e fomento da lingua galega na actividade empresarial. Poderán optar a este recoñecemento todas as empresas, con sede social ou centro de actividade no concello de Ames, que presenten a súa candidatura antes do 20 de novembro. A dotación económica dos dous premios que se outorgan en cada unha das dúas categorías é de 1.500 euros. Un total de 75 empresas presentáronse a este certame nas oito edicións anteriores, das cales 18 foron premiadas. Premendo nestas ligazóns pódense descargar as bases do concurso e a ficha de participación.

O salón de plenos, na Casa do Concello, acolleu esta mañá a presentación da novena edición dos Premios Lingua e Empresa, nun acto no que estiveron presentes o alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; a técnica do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras; e varios representantes de Xuntanza de Empresarios de Ames: Jorge López, Germán Mariño, Olaia Alvite e Beatriz López.

Trátase do noveno ano consecutivo no que se pon en marcha esta iniciativa co obxectivo de estimular o uso da lingua galega na actividade económica do concello de Ames, concretamente na actividade empresarial, e para recoñecer publicamente a contribución desde este sector ao aumento e á mellora do uso social do galego. Esta iniciativa está dirixida ás empresas que teñan a súa sede social ou un centro de actividade no concello de Ames.

Presentación dos premios Lingua e Empresa

O alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, agradeceu “a colaboración de XEA e da Asociación de Empresarios do Novo Milladoiro porque é moi importante que as actividades que facemos no Concello conten co apoio e respaldo das distintas asociacións e colectivos municipais. Todas estas actividades que organizamos están dirixidas ao apoio do comercio local. O principal obxectivo destes premios é impulsar e normalizar o uso da lingua galega a nivel comercial. É moi importante usar o galego no ámbito económico e social porque serve para promocionar a nosa lingua, pero ademais crea referentes positivos. Todos os establecementos comerciais que levan un premio acaban sendo referentes para outras empresas para que poidan sumarse a esta campaña e participar nestes premios. Desde o Concello imos seguir apostando por este tipo de actividades para apoiar o uso do galego”.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, comezou destacando que “como dicimos sempre, en Ames témolo todo, e temos comercios e empresas da hostalería implicadas coa nosa lingua. Teño que agradecer ás asociacións que poñen en valor esta iniciativa e que lle envían toda a documentación aos seus socios”. Ademais, explicou que “desde Promoción Económica hai pouco que publicamos unha guía de empresas de todo Ames, co cal tamén lle achegaremos a documentación a todas as empresas que figuran neste rexistro. Cada ano que pasa imos sumando empresas que se presentan, imos tendo novas empresas que poñen en valor e falan en galego. Cando nun comercio ou local hostaleiro se fala galego, ademais de poñer en valor a nosa lingua, estamos estimulando que a clientela tamén use a lingua galega”.

A técnica do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, destacou que se trata “dunha actividade estable, xa que imos pola novena edición, a través da cal se pretende visibilizar a rede de empresas en galego do concello de Ames, e con isto estimular o uso da lingua galega na actividade empresarial e tamén recoñecer publicamente a contribución deste sector para o aumento e mellora do uso social da lingua galega. O galego é un activo moi importante para as empresas porque é unha marca de calidade, modernidade e de diferenciación neste mundo tan globalizado que temos agora mesmo, por iso é importante diferenciarnos. Ademais, achéganos modernidade, diferenciación, distinción, proximidade coa clientela, innovación e fiabilidade”.

O vogal de Xuntanza de Empresarios de Ames, Jorge López, dixo que “desde XEA apoiamos un ano máis esta iniciativa que tanto nos gusta. A maior parte das empresas recoñecidas nestes premios son asociados nosos, hai poucos que non o sexan, e parécenos importante a promoción que se fai do galego a través esta iniciativa, nun momento no que o galego está perdendo falantes. Desde XEA queremos aportar para que o galego continúe usándose no noso comercio e siga sendo unha marca de identidade. Estes premios son un estímulo para seguir reforzando o uso do galego entre o sector comercial”.

Bases da convocatoria

Os aspectos que se valoran para a concesión deste recoñecemento son a utilización do galego na comunicación interna e externa, tanto oralmente como por escrito, e o impacto que a actividade da empresa poida ter en sectores especialmente relevantes para o proceso de normalización lingüística.

Teranse en conta a páxina web e as redes sociais da empresa, se as utilizase, así como as campañas publicitarias ou materiais promocionais que empregue en calquera soporte. Tamén se valorará a sinaléctica e a comunicación do establecemento empresarial de cara á clientela (uso habitual do galego co seu público e nas súas actividades e servizos), así como entre o persoal e os diversos departamentos (se os houbese).

Para a comprobación deses méritos, as empresas candidatas deberán achegar os enlaces de información web correspondentes ou achegar materiais impresos, ademais de facilitar ao Concello toda a información que se lles requira sobre a súa comunicación interna e externa.

Categorías e dotación económica

A novena edición dos premios divídese, un ano máis, en dúas categorías. A primeira engloba ás empresas que teñen un uso consolidado e estable do galego dende hai máis de dous anos, mentres que a segunda recoñece a todas aquelas que naceron nos últimos dous anos ou que incorporaron o galego nese período. En ambos os casos a data que se toma como referencia é o 20 de novembro de 2024. As empresas que mudaron os seus usos lingüísticos para incorporar o galego deben acreditar os ditos cambios.

A dotación económica será de 3.000 euros, 1.500 para cada unha das categorías. Ademais, as gañadoras contarán cunha campaña de difusión en Ames Radio, a emisora municipal do concello.

Gala de entrega de premios

A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá o luns, 14 de decembro, a gala de entrega de premios. Segundo dixo a técnica do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, o máis importante da gala é que serve como “un encontro entre empresas moi diversas do concello de Ames, que forman parte da rede empresarial do municipio. A estes premios poden concorrer desde grandes empresas cun centro de actividade en Ames ata calquera persoa autónoma ou pequeno negocio. É un gala aberta, para que poida asistir calquera persoa que o desexe, e que conta cunha actuación. Nesta gala, antes non, é cando se desvelan as empresas recoñecidas polo xurado”.

Prazos de presentación das novas candidaturas

O prazo de presentación de novas candidaturas remata o día 20 de novembro de 2026 ás 14:00 horas.

As persoas interesadas deberán descargar e cubrir a ficha de participación que se pode atopar nesta ligazón e enviala ao correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, xunto coa documentación correspondente, ou presentala de xeito telemático a través da Sede electrónica do Concello de Ames. Para máis información ou para solicitar a ficha de participación pódese contactar co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames a través do número de teléfono 662 377 215 ou mediante o correo normalizacion@concellodeames.gal / promocioneconomica@concellodeames.gal.

As empresas non premiadas que se presentaron en 2025 e autorizaron a seguir sendo candidatas en edicións posteriores non terán que realizar ningún trámite nesta edición, a non ser que queiran achegar novos méritos.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *