Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today1 octubre, 2024
Ames, 1 de outubro de 2024.- O Concello de Ames organiza, co control técnico da Federación Galega de Atletismo, a primeira edición do Cros Concello de Ames, que será a súa vez Campionato da Xunta de Galicia de campo a través absoluto por remudas mixto. As probas realizaranse o sábado, 12 de outubro, na localidade de Aldea Nova, a carón das pistas municipais de tenis de dita localidade. A saída e chegada de cada proba farase preto deste punto, o cal estará debidamente sinalizado. Para dispor de máis información e tramitar a inscrición preme nesta ligazón.
Esta mañá a urbanización de Aldea Nova acolleu a presentación da primeira edición do Cros Concello de Ames – Campionato da Xunta de Galicia de campo a través absoluto por remudas mixto. A dita presentación acudiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Deportes, Susana Señorís; o presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín; e o atleta do Club Atletismo Santiago, Fernando Vales Ferreira. Por parte dos clubs deportivos de Ames estiveron en dita presentación; José Fernando Sainz García, presidente do Club de atletismo Sar; e Jose David Garcia Arcos, director deportivo do Club Ames Atletismo.
A primeira edición do Cros Concello de Ames, que será a súa vez Campionato da Xunta de Galicia de campo a través absoluto por remudas mixto, celebrarase o sábado 12 de outubro, na localidade de Aldea Nova, ao carón das pistas municipais de tenis de dita localidade. A saída e chegada de cada proba farase preto deste punto, o cal estará debidamente sinalizado. Nas probas (agás no Campionato da Xunta de Galicia) poderán participar todas aquelas persoas que o desexen, con ou sen licenza federativa. O control da carreira estará a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo.
O alcalde de Ames, Blas García, dixo “hoxe, con esta presentación, cumprimos un dos obxectivos que levamos traballando fai tempo, que é poder dispoñer dun circuíto de cross no concello. Dentro das probas atléticas que facemos era algo que eu, persoalmente, tiña ganas de ter; temos falado coa concelleira, co departamento e coa federación para buscar un espazo. Finalmente, atopámolo aquí en Aldea Nova, ao lado de Bertamiráns”.
Ademais, engadiu “é un circuíto integrado nunha zona ‘rurbana’ cunha ampla extensión de monte, e penso que quedará moi ben, moi vistoso. Ademais, é un espazo grande, con aparcamento en toda a contorna. O que facemos é seguir apostando, desde o departamento e desde o goberno, polo deporte, non só co que facemos xa habitualmente, senón tamén incrementando este tipo de probas e contando con novos espazos onde facelas. Ao concello vén moita xente de fóra a adestrar ao circuíto de 5K ou 10K, do que proximamente presentaremos a proba; tamén temos o circuíto da milla e o de marcha, e agora contamos con este circuíto de cross, intentando seguir coa creación de novas actividades”.
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, explicou que “celebramos por primeira vez no concello de Ames a proba de campo a través absoluto por remudas. O que intentamos é darlle a posibilidade á veciñanza de Ames, estean federados ou non, de poder practicar diferentes modalidades deportivas e neste caso a través dunha proba de cros que se vai a celebrar nos arredores da urbanización de Aldea Nova. Agardo que o bo tempo acompañe e que haxa unha alta participación”.
Características técnicas da proba
En canto ás características técnicas da proba, o presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín, destacou que “comezarase á primeira hora da mañá coas probas escolares dende sub10 ata sub18, que terán que percorrer unha distancia de entre un quilómetro e quilómetro e medio. Para as probas escolares temos dous circuítos deseñados. Na parte final, vaise celebrar o campionato de Galicia de remudas mixto, que este ano vai ser a edición con máis participación e máis nivel de todos os anos, polo que nos están transmitindo os clubs e os propios atletas. Agardamos unha participación de 150 atletas en categorías escolares e na proba de remudas mixto; na anterior edición houbo oito equipos participantes, e nesta edición agardamos un mínimo de 30 equipos. Hai que agradecerlle ao Concello de Ames a implicación que sempre ten para poder organizar este tipo de probas”.
Por último, interviu o atleta do Club Atletismo Santiago, Fernando Vales Ferreira, que é dúas veces campión galego de 800 metros lisos, medalla de bronce no Campionato de España Universitario, e destacado atleta de cros. O club Atletismo MillaRaio colabora estreitamente co Club Atletismo Santiago. Fernando Vales dixo “eu falo como parte activa, como atleta. É un circuíto bastante atractivo, e o máis positivo é que ao ser mudas curtas, de 1,5 quilómetros, pódense xuntar atletas que veñen de probas máis curtas con aqueles que compiten en probas máis longas. Isto aumenta tanto o número de atletas nas competicións como a afluencia de público”.
Trámite de inscrición
As inscricións das probas populares (de sub 10 a sub 16), abertas a todos/as os/as que desexen participar, realizaranse a través da web de carreiras galegas enchendo o formulario de inscrición. Para o Campionato da Xunta de Galicia de campo a través absoluto por remudas mixto deberán realizarse a través da ligazón https://sdp.rfea.es (exclusivo para clubs federados).
O prazo de inscrición para as probas populares rematará o mércores 9 de outubro ás 23:59 horas. O prazo de inscrición para o Campionato da Xunta de Galicia de remudas mixtas rematará o luns 7 de outubro ás 20:00 horas. As inscrición son gratuítas, tanto para as categorías escolares (de sub 10 a sub 16) coma para o campionato que está dirixido a clubs federados en atletismo. Non se admitirán inscricións fora do prazo establecido, nin o día da proba.
Os dorsais retiraranse ata media hora antes do inicio de cada proba na secretaría da organización situada a carón do circuíto de cros de Aldea Nova. Os/as atletas participantes no Campionato Xunta de Galicia de Remudas Mixtos deberán ter en conta os horarios de cámara de chamadas publicados na web https://www.atletismo.gal/ e incluídos na propia circular do Campionato.
Categorías, distancias e horarios
Establécense 9 categorías: relevo mixto (6.000 metros aproximadamente – 4×1.500 metros); sub 16 feminino e masculino (3.000 metros aproximadamente); sub 14 feminino e masculino (1.500 metros aproximadamente); sub 12 feminino e masculino (1.000 metros aproximadamente); e sub 10 feminino e masculino (1.000 metros aproximadamente). As probas comezarán ás 11.00 horas co relevo mixto e pecharanse ás 13.35 horas coa proba sub 10 masculina. A entrega de trofeos está prevista para as 13.50 aproximadamente. Para máis información pódese consultar o regulamento do I Cros Concello de Ames.
As probas estarán controladas por un chip – dorsal que deberá levarse colocado na parte anterior do corpo, en toda a súa extensión. Todo/a corredor/a que chegue á meta sen o seu dorsal – chip, será automaticamente descualificado/a. Os horarios das saídas poderán ser modificados, a criterio do xuíz árbitro da proba, en función do número de participantes de cada categoría.
Entrega de trofeos
Recibirán un trofeo os/as tres primeiros/as clasificados/as de cada categoría establecida no presente regulamento. En cada proba popular (de sub 10 a sub 16), darase a maiores un trofeo ao primeiro/a amesán e amesá (deberá estar empadroado no Concello de Ames no momento de celebración da proba). Este premio/trofeo será acumulativo cos da clasificación xeral de cada proba. Para o Campionato da Xunta de Galicia de remudas mixtos, outorgaranse os premios publicados na web https://www.atletismo.gal/ e incluídos na circular do Campionato da Xunta de Galicia de campo a través absoluto por remudas mixto
Escrito por Líder Redacción
ames campo a traves deportes radio lider santiago vidam radio lider santiago
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)