Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today15 mayo, 2026
Boqueixón, 15 de maio de 2026.- O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, e o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, participarán este domingo 17 de maio na LII Festa das Carrozas do San Cidre, que terá lugar en Oural (Boqueixón). Unha celebración que este ano estréase como Festa de Interese Turístico de Galicia cun programa cheo de novidades.
Unha celebración que arrincará mañá sábado 16 de maio, ás 22:00 horas, coa tradicional misa na honra á Nosa Señora de Fátima, e procesión nocturna, acompañada pola agrupación “Sete Pontes”. A partir das 23:00 horas, gran verbena co Grupo Tatoo e Discoteca Móbil Pirámide XXL co DJ Marcos Kintana.
Domingo 17 de maio
O domingo 17 de maio terá lugar a 52 edición do Desfile de Carrozas do San Cidre. Unhas carrozas que estarán expostas en Camporrapado dende as 11:00 horas e que ao mediodía sairán en desfile polas rúas do Oural, coincidindo coa misa na honra a San Cidre. Un desfile no que as carrozas estarán acompañadas pola música das charangas BB+ e Os Atrevidos, así como pola banda de gaitas Nova Fronteira.
As 14:00 horas, inauguración oficial coa entrega de premios ás mellores carrozas participantes e o pregón, que este ano correrá a cargo da actriz e presentadora María Mera. Un acto presidido polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, e o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, que estarán acompañados polo presidente da Asociación das Carrozas do San Cidre, Alejandro Pena; e Juan Neira, representante da Comisión de Festas, entre outros.
Tras a entrega de premios, degustación de viños e petiscos nas distintas carrozas. Ademais, como novidade, este ano o campo da festa acollerá os food-trucks de Bico de Xeado, Orixes Galegas e Eivissa, para degustar unha selección de xeados artesáns, delicias elaboradas con porco celta e outros manxares artesanais. A partir das 15:00 horas, concerto da banda de gaitas “Nova Fronteira”.
Pola tarde, de 16:00 a 20:00 horas haberá xogos e inchables de balde para os máis cativos, así como actuacións das charangas BB+ e Os Atrevidos. E a partir das seis da tarde, gran fin de festa coa orquestra La Ocaband. A organización ten preparado varias zonas de aparcadoiros gratuítos a carón do campo da festa.
Ademais, todas as persoas que asistan á festa poderán participar no III Concurso de Fotografía do San Cidre “Capturando a Tradición”. Para participar só é preciso tomar unha foto da festa e compartila en Facebook ou Instagram co cancelo #concursocarrozas, mencionando o perfil da Asociación das Carrozas do San Cidre en Instagram (@carrozas.sancidre) ou Facebook (Carrozas San Cidre), contas que é preciso seguir previamente. A publicación ten que facerse antes das 23.59 horas do luns 18 de maio.
O xurado escollerá as dez mellores fotos, que serán publicadas en redes o 22 de maio para sometelas a votación popular. O 31 de maio publicaranse as 3 fotografías gañadoras, que levarán: un primeiro premios de estancia e almorzo para dúas persoas en Cabanas Enoturismo María Manuel; un segundo premio de estancia e almorzo para dúas persoas en Casa da Capilla e descenso polo río Ulla para dúas persoas con UlllaXtreme; e un terceiro premio consistente nun lote de viño Martín Códas e produtos de Orixes Galegas.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)