Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today7 abril, 2024
Padrón. 7-4-2024.- Padrón despide este domingo unhas Festas de Pascua que amosaron a seu poder de atracción a pesares do mal tempo durante a última semana. Nun domingo de Pascuilla soleado milleiros de persoas achegáronse ata a capital do Sar para participar no último dia das festas de 2024. A tradicional xuntanza da Irmandade dos Fillos e Amigos de Padrón e o Festival de Bandas Capital do Sar foron dous dos actos máis destacados, despois dos multitudinarios concertos do sábado protagonizados por Celtas Cortos e Olympus.
O bo tempo permitiu que, por primeira vez nestas festas de Pascua, o público puidese ver os xigantes nos tradicionais pasarrúas no que participan un grupo folclórico local e os cabezudos. A mediodía, a Irmandande dos Fillos e Amigos de Padrón volveu celebrar a súa xuntanza anual. O alcalde, Anxo Arca, e integrantes do goberno presidiron os actos oficiais, no que a Irmandade entregou as insignias de ouro e placas de honra a Raquel Cortizo Almeida, Ángeles Gundín Díez, Manuel Bascoy Blanco, Eloy Rodríguez Carbia, Evaristo Lemos, aá Confraría Virxe das Dores e a Cristalería Padronesa.
Tras a foto de familia diante da igrexa parroquial, o goberno municipal, directivos da Irmandade, homenaxeados e asistentes aos actos participaron na tradicional ofrenda no paseo do Espolón e, nesta ocasión, tamén na praza de Pepe Domingo Castaño. Anxo Arca e o presidente do colectivo, Arturo Reboyras, depositaron a coroa de Loureiro diante da estatua de Rosalía, facendo o mesmo a tenente de alcalde Chus Campos e Evaristo Lemos diante da de Camilo José Cela. A terceira coroa de loureiro foi colocada pola concelleira Mariló Saco Vigo e Gonzalo Castaño, irmá do finado comunicador padronés Pepe Domingo Castaño. A Coral Polifónica Padronesa cantou o himno de Padrón e a banda municipal tocou o himno galego.
Despois da recepción na casa consistorial, unhas 150 persoas participaron no habitual xantar da Irmandade, celebrado no pazo da Retén, no que se entregaron as condecoracións deste ano.
A música tradicional tamén foi protagonista a mañá do domingo de Pascuilla, coa actuación das agrupacións folclóricas Arreixeira e O Pedrón na praza de Macías.
Festival de Bandas Capital do Sar
Pola tarde a música tradicional cedeulle a quenda a música de banda. No Festival Capital de Sar participaron as bandas de Padrón, Touro e Caldas de Reis, nun acto que volveu xuntar a centos de persoas na praza de Macías, que foi presenciado por máis de 400 persoas.
Xa pola noite, as orquestras Atenas e Marbella volveron animar unhas verbenas multitudinarias coas que Padrón se despide das Festas de Pascua ata o vindeiro ano, despois dun fin de semana con moita asistencia de público.
O sábado pola note, Celtas Cortos enchía o paseo do Espolón no primeiro dos concertos da súa xira de 2024 que levará o grupo vallisoletano por diferentes localidades españolas e que ten programado rematar en Vigo no mes de setembro.
Jesús Cifuentes ‘Cifu’, líder de Celtas Cortos, amosouse encantado de actuar “ao lado do río que tanto cantou Rosalía de Castro”, asegurou ao principio do concerto. Hora e media despois, despedíase dos milleiros de persoas que estaban no Espolón afirmando que “a música é poesía compartida”.
Gran parte do público quedouse para ver os fogos artificiais da Pascua, que nesta ocasión lanzáronse dende o monte Santiaguiño. Xusto ao rematar o espectáculo pirotécnico a orquestra Olympus enchía de público Fondo de Vila para compartir con milleiros de persoas de todas as idades a música e o espectáculo do seu tour Red-volution.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)