AD

Destacado

Así defendeu Goretti Sanmartín a súa xestión de goberno no Debate do Estado do Municipio

today16 enero, 2025

Fondo
share close
AD

Na súa intervención a alcaldesa reiterou a aposta do Goberno por “pór en marcha medidas estruturais que deixen de lado o curtopracismo e traballen no día a día por sentar as bases dunha profunda transformación do noso concello”. Tras ano e medio á fronte do executivo, Goretti Sanmartín congratulouse de ir na “dirección adecuada” e deu conta na súa intervención dos obxectivos fixados   “non acadados aínda, mais tamén dos fitos positivos, que non son poucos”.

Sanmartín recordou que Santiago é “un lugar único na súa complexidade” que ademais rematou o ano con 100.000 persoas empadroadas, que polas súas características demanda “un alto nivel de servizos e de recursos públicos”, o que require “priorizar e recomenda adoptar perspectivas a longo prazo para adecuar a capacidade estrutural do Concello”.

Neste sentido a alcaldesa reivindicou o compromiso do Goberno municipal por “afrontar reformas de calado”. “Renunciamos á política cosmética e apostamos polas mudanzas profundas. Son lentas, si; tardan en verse, tamén; non xeran grandes titulares de apertura,  por suposto. Mais sinalan unha liña firme e coherente co programa con que nos presentamos”,

A alcaldesa fixo un repaso dos principais logros acadados en todos os ámbitos, poñendo en valor a aposta do Goberno municipal polo social, “apoiando os colectivos máis vulnerábeis e poñendo os coidados no centro”, coa sustentabilidade e o urbanismo de calidade, cos servizos e a diversificación económica, coas mudanzas na mobilidade, co cambio de modelo turístico, a perspectiva de xénero ou a potenciación da cultura, da lingua e da memoria.

Xestión interna, cultura e sustentabilidade ambiental 

A nivel da xestión interna do Concello, Goretti Sanmartín destacou o redeseño da estrutura organizativa, o reforzo do persoal, a actualización da relación de postos de traballo, a creación dun comité de simplificación administrativa, a centralización de procesos e integración das plataformas informáticas, ou a elaboración dunha ambiciosa planificación normativa, entre outras

A rexedora tamén salientou a redución do  período medio de pagamento a provedores “quedando a finais de decembro nos 42 días” e que “a débeda a provedores está por debaixo da que herdamos e ficou ao remate do exercicio catro millóns por debaixo do anterior”.

Tamén se reforzou o diálogo e se impulsou a interacción coa veciñanza a través do lanzamento da nova web municipal, da reestruturación das redes sociais “para dar máis contido informativo e útil cun tratamento máis atractivo para a cidadanía” así como da reactivación e creación de múltiples órganos de participación en varios ámbitos como os consellos ou a recuperación dos orzamentos participativos para a mocidade.

No eido cultural, para  a alcaldesa, o Goberno asumiu con boa nota a “extraordinaria responsabilidade co papel que Compostela exerce como capital do país e de referente cultural”, cunha aposta por “chegar a máis persoas cun proxecto de mediación que conecta con novos colectivos e elimina barreiras que impiden o acceso ás actividades culturais”, co próximo lanzamento dunha liña de programación integral e estable para a infancia ou a desestacionalización da programación con iniciativas como ‘Contemporáneas’.

Tamén se lle prestou especial atención ás festas, “que combinan cultura, memoria e identidade colectiva”, con novas propostas participativas e outras dirixidas á cativada, así como  ás actividades deportivas a través da mellora das infraestruturas deportivas, entre outros avances.

No ámbito da sustentabilidade, Goretti Sanmartín destacou o pulo á compostaxe dos biorresiduos, chegando na actualidade aos 6.000 fogares facendo uso do programa «Ti tes a chave» para o colector marrón e outros máis de 1.500 fogares con composteiros individuais. Tamén se constituíu unha comisión plenaria para atopar a fórmula máis adecuada para a xestión da auga na cidade.

Tamén se avanzou no programa “Entre o Sar e o Sarela’ financiado polos fondos NextGenerationEU para a renaturalización de varios espazos da cidade e no proxecto Ecobosque de reforestación. Neste ámbito tamén se realizaron varias campañas informativas para incrementar a sensibilidade ambiental e a concienciación do coidado dos animais, así como melloras en liña co Plan de mobilidade sustentable dirixidas a facilitar o uso da bicicleta, darlle prioridade ao transporte público ou a mellorar a seguranza.

Políticas centradas nas persoas

No ámbito das políticas destinadas a mellorar a calidade de vida “das persoas”, a rexedora destacou o incremento do “73% os recursos económicos dedicados aos servizo de axuda no fogar para garantir a súa calidade e aumentar as horas dispoñíbeis” e de case un 40% nas bolsas de comedor, material e actividades extraescolares, ate chegar a 1,1 millóns de euros.

Tamén se recuperou o proxecto do Centro de Atención ás Persoas sen Fogar de Belvís cuxas obras “están por rematar e ao longo de 2025 definirase o seu modelo de xestión”. Goretti Sanmartín tamén mencionou outros fitos como a próxima licitación para acondicionar a Casa das Persoas Maiores e o novo Centro Sociocultural do Ensanche, a elaboración do I Plan municipal de saúde do Concello de Santiago ou os traballos para a mellora da accesibilidade nas vías públicas.

Na loita contra a desigualdade, a rexedora recordou a posta en marcha do Protocolo Troula Segura para reducir as agresións machistas e LGBTfóbicas nos espazos de ocio nocturno e o reforzamento da programación e do servizo da Casa Xohana Torres. Tamén se potenciaron os programas de conciliación e implantouse un novo modelo para os comedores escolares “no que prima a alimentación con produtos de proximidade e cunha importante compoñente educativa”.

Goretti Sanmartín tamén puxo en valor o labor do Goberno municipal a prol da recuperación da memoria con iniciativas como a creación da marca “Compostela é memoria”, o proxecto “As mil marías” para recuperar a memoria das mulleres ou a organización de eventos para “dar a coñecer os fitos máis escuros do noso pasado para traer ao presente a nosa historia en todas as súas dimensións” como os dedicados a Begoña Caamaño ou Ruth Matilda Ánderson, así como a instauración da Alba de Compostela, acto no día central das festas maiores de Santiago, inspirada no discurso da Alba de Gloria de Castelao.

Vivenda e calidade urbana

Para a rexedora, outro dos eixes prioritarios do mandato é a vivenda, no que o Goberno segue a traballar para acadar a declaración de mercado residencial tensionado “para que se aplique a declaración e as necesarias medidas de regulación de prezos”.  Neste ámbito, a rexedora fixo un repaso por algúns dos avances realizados, como a creación dunha entidade pública de vivenda pública que prioriza a rehabilitación e o alugamento.

Tamén se avanzou na busca de alternativas para a parcela do antigo Peleteiro, na activación do rexistro de soares, na rehabilitación de pezas delicadas como a Caramoniña, no peche da regulación iniciada na modificación do PXOM ou no proxecto de impulso á vivenda protexida en Xoán XXIII.

Na procura da mellora do modelo de calidade urbana, o Concello convocou o pasado ano o concurso público de ideas para a remodelación do eixe conector central da cidade. Tamén se traballou na mellora e posta ao dispor da cidadanía de varios equipamentos  municipais como a Casa das Máquinas, o Centro para Persoas sen Fogar, a rehabilitación do Estadio Municipal Verónica Boquete e se avanzou para facer realidade o novo parque de bombeiros que dará servizo á comarca desde a nova localización no ámbito do Plan especial de infraestruturas e dotación de Amio. A alcaldesa tamén mencionou outras obras relevantes como a reurbanización da rúa do Pombal ou as próximas intervencións nas rúas de García Lorca, Puente la Reina ou Mallou e os proxectos para o Ensanche e a zona norte da cidade.

“A atención ao espazo urbano non nos fixo descoidar o rural, ao que dedicamos unha porcentaxe superior ao 3 % do orzamento en 2024, un feito histórico na planificación orzamentaria”, destacou Sanmartín, que fixo un repaso polas diferentes obras realizadas ou próximas a executar en varios puntos do rural para a mellora da rede de saneamento e abastecemento e para a rehabilitación das calzadas.

Turismo Sostible e diversificación económica

No seu discurso, a alcaldesa reiterou o compromiso do Concello con facer de Compostela, unha cidade aberta e acolledora “co convencemento de que o que é bo para nós tamén o é para quen nos visita”, cunha aposta firme por un turismo consciente e respectuoso coas persoas residentes, no que prime a calidade sobre a cantidade, e nesta liña congratulouse polos pasos dados cara un modelo que “deixou de colocar como primeira meta o incremento de visitas para traballar de cara a lograrmos un turismo máis consciente e con maior repercusión económica”.

Ao respecto do eido económico, a rexedora recordou que “é necesario darlle pulo á economía, diversificala, aproveitar os potenciais autóctonos e diminuír a fenda de xénero” e destacou o labor municipal na posta en marcha de múltiples medidas de apoio ao tecido comercial autóctono, a potenciación do diálogo con sectores como a hostalaría a través da conformación dunha mesa ou a colaboración con Mercagalicia para “converter Compostela nun nodo loxístico de mercadorías”.

Colaboración con outras entidades

No referente ás relacións con outras institucións e entidades, a rexedora destacou a “capacidade de diálogo para defender os intereses de Compostela” a través dun “diálogo franco” co Arcebispado, da sinatura dun acordo marco coa USC ou do entendemento coa Xunta de Galicia para resolver os problemas de aparcamento no Hospital Clínico ou a implantación do imposto por estadías, “que acabará sendo unha realidade grazas ao empeño deste Goberno”. Tamén aludiu aos acordos de colaboración coa Deputación da Coruña para facer realidade proxectos como a Vía Verde, os proxectos do POS ou a rehabilitación do Estadio Vero Boquete, e coa Administración do Estado para a construción da depuradora EDAR, conseguindo que “a achega estatal pasase do 65 % a un 80 %, o que significa ao redor de 11 millóns de aforro”.

Nesta liña, tamén mencionou o relevante papel do executivo municipal no Consorcio de Santiago, na presidencia do Grupo de cidades Patrimonio da Humanidade no ano do seu 30 aniversario e as conversas con ADIF para aumentar o número de prazas do aparcadoiro da Estación Intermodal Daniel Castelao.

Para pechar a súa intervención, Goretti Sanmartín defendeu que “é tan relevante valorar o proceso e as decisións que se toman, cando levamos ano e medio á fronte desta casa, como os resultados xa obtidos que non son poucos”. “Con toda a humildade, mais con ambición, traballamos arreo sobre o alicerce de facer unha Compostela boa de vivir e orgullosa de si, baixo o convencemento de que o benestar das veciñas e dos veciños fará tamén da capital galega un lugar mellor para quen nos visita”, concluíu.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *