Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today8 septiembre, 2026
O candidato socialista á Alcaldía avanza as tres prioridades do seu proxecto para Santiago: “ordenar a casa para que os servizos municipais e os servizos públicos funcionen, impulsar as políticas de benestar e de vivenda, e apostar por unha cidade innovadora e con desenvolvemento económico”
“A maioría de veciños e veciñas coincidimos no punto de partida, este goberno non dá máis de si, necesitamos pasar páxina e recuperar a ilusión, o protagonismo e a capacidade de liderar”, sinala Blanco afirmando que “quero que cando Santiago fale, Galicia escoite”
Anuncia o inicio dunha campaña de visitas aos barrios para escoitar directamente á veciñanza e aos diferentes sectores para definir o programa de goberno “coas necesidades reais da cidade”
Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2026. O candidato do Partido Socialista á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, asegurou hoxe que “quero ser alcalde de Santiago para liderar un goberno valente, que tome decisións e resolva problemas, e recupere o orgullo de Compostela”. Fíxoo nun almorzo informativo este martes, acompañado dos concelleiros do Grupo Municipal Socialista, Marta Abal e Gumersindo Guinarte, aos que recoñeceu “o seu traballo e compromiso co partido e coa cidade”.
“Quero dicir alto e claro que quero ser alcalde de Santiago”, afirmou, convencido de que o traballo dos próximos meses permitirá “convencer a unha gran maioría de que son a persoa adecuada para liderar un novo tempo”. Neste sentido, Pedro Blanco avanzou as liñas de traballo do proxecto socialista, do que remarcou que nesta primeira fase terá un denominador común “escoitar para acertar”.
Blanco situou como primeira prioridade conseguir que Santiago sexa unha cidade que funcione. Neste sentido, defendeu a necesidade de “ordenar a casa” e situou os servizos municipais como “a sala de máquinas que impulsa o proxecto de cidade”. Apostou por reforzar os cadros de persoal e dotar de medios aos traballadores públicos, aos que trasladou o seu recoñecemento.
“Se o Concello non funciona, a cidade non pode funcionar”, sinalou, reclamando tamén servizos públicos eficaces que permitan recuperar “unha cidade amable e agradable para pasear, para vivir e para desfrutar”.
O candidato socialista puxo como exemplos cuestións que forman parte do día a día da cidadanía, como a limpeza, a recollida do lixo, o transporte público ou o servizo de taxi. “Os veciños teñen que sentir que viven nunha cidade limpa, cómoda e amable, e iso é responsabilidade do goberno”, afirmou.
A segunda prioridade será impulsar a renovación urbana e as políticas de vivenda e benestar social. Blanco apostou por devolver protagonismo aos barrios, desenvolver políticas eficaces de vivenda e reforzar o benestar social, atendendo tamén ás necesidades dos colectivos deportivos, sociais e veciñais. “Todos coñecemos os problemas de vivenda, dos servizos sociais e mesmo a nivel deportivo”, indicou, defendendo a necesidade de “escoitar estas demandas, ser sensibles aos problemas da xente e dar resposta”.
Como terceira prioridade, situou a construción dun Santiago innovador e con capacidade para impulsar o seu desenvolvemento económico. Neste ámbito, comprometeu o apoio á Universidade, o impulso do comercio e do tecido empresarial e a procura dun espazo industrial propio. “Non imos renunciar a competir desde os nosos polígonos cos grandes focos industriais de Galicia”, afirmou. Para Blanco, o Concello debe exercer como “facilitador dese impulso industrial e non como un obstáculo”, co obxectivo de xerar emprego de calidade e riqueza para a cidade.
“Un goberno que non dá máis de si”
Durante o encontro, o candidato socialista considerou que a cidade “perdeu folgos” e que actualmente “vai ao ralentí”. Nesta liña, asegurou que “non vemos un horizonte claro” e que existe unha maioría social que percibe “un goberno que non responde nin acompaña as ganas que ten a cidade”. Desde o respecto, Blanco afirmou que considera que “este goberno está esgotado” e que “Santiago necesita un cambio”.
“Santiago non necesita indecisións nin experimentos nin dúbidas. Merece un goberno decidido, un goberno valente, un goberno que escoite pero que non se recree na indecisión”, sinalou. O seu obxectivo, dixo, é liderar “un proxecto de ilusión renovada” que permita recuperar o protagonismo da cidade: “Quero que cando Santiago fale, Galicia escoite”.
Conversa directa cos barrios
Como primeiro paso para construír ese proxecto, Pedro Blanco avanzou que iniciará “unha conversa directa cos diferentes barrios da cidade”. A proposta combina encontros con colectivos e entidades coa presenza directa nas rúas: “Imos escoitar á veciñanza, imos patear o barrio, imos comer no barrio, imos achegarnos aos parques. Imos vivir cada barrio dunha maneira intensa”.
O obxectivo será coñecer de primeira man “os problemas cotiáns da xente, as demandas e necesidades” e utilizar esas achegas para configurar “un programa claro e definido de cada barrio”. As conversas completaranse con encontros con colectivos sociais, empresariais, educativos e deportivos.
“Queremos estar con todos, queremos escoitar a todos e queremos que a cidade se sinta partícipe e que de feito participe neste proxecto, porque o éxito será de todos”, explicou.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)