AD

Arte y Cultura

O belén con movemento máis grande de Galicia inaugúrase en Valga o 3 de decembro

today12 noviembre, 2023

Fondo
share close
AD

Dende Campaña xa se albisca o Nadal. A trafega de persoas e materiais no local do Belén Artesanal é sinal de que estamos ás portas dunha nova edición do nacemento con movemento máis grande de Galicia, a número vinte e nove, que a bo seguro volverá a sorprender coas incorporacións de figuras e escenas nas que xa están traballando os membros da asociación Amigos do Belén.

Como é habitual, a festividade da Virxe do Pilar marcaba o inicio das tarefas de remodelación do Belén, no que cada ano cambia a montaxe, os persoaxes e os ambientes que rodean ao nacemento de Xesús, recollendo os acontecementos máis salientables dos últimos meses a nivel local, nacional e internacional en ámbitos coma a política, o entretemento ou o deporte. Estas novidades son máximo secreto ata o día da inauguración, o día 3 de decembro.

“Comezamos o pasado día 13 de outubro e, polo de agora, estamos a ordear as ideas e preparando os materiais. Nestes primeiros días desmontamos as partes nas que haberá cambios e, en paralelo, outra parte do grupo comezou xa a traballar na nova montaxe aproveitando que agora as forzas aínda están intactas”, explica a presidenta de Amigos do Belén, Mari Carmen Castiñeiras.

Arranxar as figuras con movemento, crear os mecanismos das novas esceas, construir edificacións con madeira e pedra, dar forma ás novas figuriñas e confeccionarlles a vestimenta, son algúns dos principais quefaceres dos artífices do Belén, que está declarado de Interese Turístico de Galicia e que durante o pasado Nadal recibiu arredor de 35.000 persoas. E durante o resto do ano continuaron incesantes as visitas con cita previa de grupos e excursións procedentes dos lugares máis diversos. “Foi un ano de récord, con xente ata o día previo á desmontaxe, o 12 de outubro. No verán chegaron autobuses practicamente todas as fins de semana”, confirma Mari Carmen Castiñeiras.

Tómbola benéfica e premios aos valgueses do ano

Como é habitual, o Belén poderá visitarse entre o primeiro domingo de decembro e o segundo de xaneiro. Para este período, Amigos do Belén teñen previsto, ademais, outros dous eventos. Por unha parte, a terceira edición da tómbola benéfica que terá lugar o día 9 de decembro e cuxa recadación irá a beneficio da fundación de Ángel Carracedo para investigacións médicas; e por outra, os Premios Valgueses do Ano, para os que está aberto o prazo de presentación de candidaturas e que se entregarán o 23 de decembro nunha gala no Auditorio Municipal.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%