AD

Comarca

Santa Comba denuncia a falta de apoio económico para afrontar a seca

today23 septiembre, 2026

Fondo
share close
AD

• O Concello leva destinados máis de 80.000 euros desde finais de xullo a garantir o abastecemento a máis de 4.000 usuarios, entre particulares e empresas, e hoxe viuse obrigado a realizar un novo corte de auga de polo menos 24 horas
• O goberno local asegura ter solicitado reunións e apoio a distintos organismos, e reclama á Xunta de Galicia a habilitación de axudas económicas para facer fronte aos custos derivados da falta de auga

Santa Comba. 23-9-2026. O Concello de Santa Comba denuncia a falta de apoio económico e de medios por parte das administracións supramunicipais para afrontar unha situación de seca que obriga o goberno local a asumir en solitario un importante esforzo para garantir o abastecemento de auga á poboación.

Desde o primeiro corte da traída municipal, o pasado 29 de xullo, o Concello leva destinados máis de 80.000 euros á contratación de empresas e medios extraordinarios para non ter que cortar a subministración a máis de 4.000 usuarios, entre particulares e empresas, nunha situación que hoxe, 23 de setembro, volveu obrigar a realizar un novo corte de polo menos 24 horas. A falta de caudal suficiente no río do que se extrae a auga para a rede municipal impide nestes momentos garantir o servizo con normalidade.

Esta nova incidencia prodúcese despois do verán máis seco das últimas décadas. A primeira interrupción do servizo produciuse o 29 de xullo, cando o Concello se viu obrigado a cortar a traída municipal en diferentes núcleos ante a insuficiente achega de auga. A partir dese momento contratáronse dúas empresas e alugouse un vehículo para realizar achegas extraordinarias á rede e garantir o abastecemento durante os meses de verán. Unhas actuación que “supuxeron xa un desembolso de máis de 80.000 euros”, destaca o alcalde, Alberto Romar.

Peticións de colaboración a distintas administracións

Desde o corte de xullo, o Concello solicitou reunións e colaboración a diferentes organismos públicos para analizar posibles medidas de apoio ante esta situación.

Entre eles figuran Augas de Galicia, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático; a Consellería do Medio Rural; a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias; Presidencia e Vicepresidencia da Xunta de Galicia, así como a Deputación Provincial da Coruña, coas que se contactou fin de estudar que tipo de axudas poderían concederse para paliar os efectos da seca.

Ata o momento, só o Consorcio de Bombeiros e o Distrito Forestal V foron os organismos que prestaron axuda efectiva para afrontar a situación. Pola contra, o Concello afirma non ter recibido ata agora recursos económicos nin medidas específicas da Xunta ou da Deputación que permitan sufragar os gastos extraordinarios que está asumindo.

“Este Concello non está a percibir axuda algunha da Xunta de Galicia nin da Deputación Provincial da Coruña para abordar esta situación con recursos e medidas concretas e inmediatas, como poderían ser sufragar os custos coas empresas portadoras de auga, fretar camións ou calquera outra axuda, atopándose nunha situación total de desamparo pola inacción institucional”, denuncia o alcalde de Santa Comba.

Alberto Romar explica que, malia ser recibido no seu día polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, este remitiuno á Xunta ao considerar que é competencia súa dar unha solución a esta problemática, “ao entender que a Xunta de Galicia o que ten que facer é reverter o canon da auga íntegro nos concellos”. De aí que o rexedor reclame que “os concellos afectados sexamos recibidos pola Administración autonómica para darlle a coñecer de primeira man as necesidades de cada municipio e instala a que habilite liñas específicas de axudas económicas directas para afrontar os gastos extraordinarios derivados da seca”.

O Concello considera insuficiente a resposta recibida ata o momento e entende que a Administración local está asumindo practicamente en solitario un gasto extraordinario derivado dunha situación excepcional que afecta directamente á prestación dun servizo básico á poboación.

Unha problemática trasladada a Augas de Galicia en 2025

O Concello lembra que xa en outubro de 2025 o alcalde de Santa Comba entregou a Augas de Galicia unha memoria coa que se pretendía buscar unha solución á problemática do abastecemento “da que se fixo caso omiso, polo que esiximos responsabilidade aos entes superiores”, conclúe Romar.

O Concello de Santa Comba reclama que os municipios afectados poidan ser recibidos pola Administración autonómica para expoñer directamente a situación de cada territorio e abordar tanto medidas inmediatas para garantir o abastecemento como solucións a medio e longo prazo que eviten que episodios coma o actual volvan repetirse.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *