Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today23 septiembre, 2026
Dentro da iniciativa #ConversasDeBarrio, o candidato socialista á Alcaldía reuniuse con representantes de SALVA Sabugueira – Non ao PIA de Lavacolla e analizou as súas principais preocupacións en relación co proxecto e coas posibles afeccións sobre vivendas, fincas e a súa contorna “Queremos un Concello áxil e eficaz no impulso dunha estratexia industrial seria, ambiciosa e ben planificada coa Xunta e coa veciñanza”
Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2026. O candidato socialista á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, reivindica un Concello que lidere o desenvolvemento industrial da cidade e garanta, ao mesmo tempo, que calquera novo proxecto empresarial sexa compatible cos dereitos da veciñanza, coa protección do territorio e coa calidade de vida das persoas que viven nel.
Pedro Blanco trasladou esta posición durante a reunión mantida con representantes de SALVA Sabugueira – Non ao PIA de Lavacolla, enmarcada na iniciativa #ConversasDeBarrio, que analizou as súas principais preocupacións en relación co proxecto e coas posibles afeccións sobre vivendas, fincas, recursos hídricos, mobilidade, paisaxe e contorna do Camiño de Santiago
O candidato socialista, acompañado da concelleira Marta Abal e da deputada autonómica Patricia Iglesias, subliñou que Santiago necesita solo industrial e debe estar preparada para acoller novas empresas, investimento e emprego, pero advertiu de que esa necesidade debe estar liderada por “un Concello áxil e eficaz no impulso dunha estratexia industrial seria, ambiciosa e ben planificada coa Xunta e coa veciñanza”. “A Xunta no debe limitarse a tramitar expendientes, ten que asumir a súa responsabilidade, sentarse co Concello e falar cos veciños e veciñas”.
Neste sentido, Pedro Blanco sinala que o liderado do Concello debe ir acompañado dunha xestión áxil, eficaz e garantista para evitar dilacións nos procedementos que deben permitir o desenvolvemento de chan industrial para evitar a fuga de industrias e favoreza a chegada de novas empresas innovadoras e de valor engadido.
“Santiago necesita medrar industrialmente, pero non se pode facer de costas á xente. O Concello ten que liderar ese desenvolvemento, non poñerse de perfil”, sinalou. Para Blanco, a cuestión non debe reducirse a estar a favor ou en contra do PIA como instrumento de ordenación, senón a determinar se esa localización é a máis axeitada, como debe desenvolverse e que garantías deben existir para as persoas que viven na zona.
“O desenvolvemento industrial é necesario, pero tamén o é garantir os dereitos dos veciños e das veciñas. A urxencia por conseguir solo industrial non pode xustificar atallos nin que se tomen decisións sen contar coa xente afectada”, afirmou. Neste senso, defendeu que o Concello de Santiago debe traballar nunha estratexia de solo industrial para a cidade, que permita atender tanto as necesidades actuais como as futuras e que identifique os ámbitos máis axeitados para acoller novos proxectos empresariais. “O Concello ten que ser áxil cos procedementos, non podemos estar agardando meses por licencias e trámites que se eternizan”.
Blanco apuntou que, ademais da ampliación da Sionlla actualmente en tramitación, é urxente poñer a disposición novas bolsas de solo empresarial que permitan acoller proxectos de maior envergadura e, sobre todo, garantir que as empresas que queren medrar, investir e xerar emprego poidan facelo en Santiago. “Santiago non necesita improvisación. Necesita un Concello á altura, que impulse unha estratexia industrial seria, suficiente e planificada, construída coa veciñanza”, defendeu.
Escrito por Líder Redacción
Pedro Blanco politica PSdeG PSOE sabugueira Santiago de Compostela


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)