Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Pola esquerda: Chus Campos Varela, Mariló Saco Vigo, Anxo Arca, Yolanda Carbia Castro, Laura Horta Ignacio e Luis Mariño Castro
Padrón, 22-09-2026. María Yolanda Carbia Castro incorporouse ao Goberno municipal de Padrón tras tomar posesión como concelleira no Pleno ordinario da Corporación celebrado este 23 de setembro. A nova edil cubrirá a vacante producida polo pasamento de Ana Castro García, para quen o alcalde tivo palabras de recordo e agradecemento. A sesión comezou gardando un minuto de silencio en memoria e lembranza de Ana Castro.
Licenciada en Ciencias Económicas e Empresariales pola USC, Yolanda Carbia leva máis de vinte anos dedicada á docencia. Actualmente é profesora de Formación e Orientación Laboral e secretaria do IES de Valga. Durante os oito meses que restan de mandato, asumirá as competencias de Educación e cultura; Economía e facenda; Persoal; Promoción do emprego e traballo, e Benestar animal.
Antes de darlle a benvida á nova concelleira, Anxo Arca lembrou a “extraordinaria vocación de servizo público” de Ana Castro. “Durante os tres últimos anos da súa vida dedicouse a mellorar este pobo. Ata os últimos momentos estivo preocupada porque os padroneses e as padronesas tivesen as mellores oportunidades. Moitos dos proxectos nos que participou Ana serán desfrutados pola cidadanía durante mitos anos”, asegurou o alcalde.
De seguido, Anxo Arca deulle a benvida a Yolanda Carbia como nova concelleira de Padrón, “unha persoa con grande capacidade de traballo”. Tras entregarlle a insignia e a medalla a Corporación, o alcalde explicou que a incorporación de Yolanda Carbia leva aparellada unha ampla reorganización das áreas delegadas entre os membros do goberno socialista, así como das tenencias de alcaldía, como recolle o decreto asinado pola alcaldía.
Ademais das funcións propias da Alcaldía, Anxo Arca asumirá as áreas de Axenda 2030; Transición ecolóxica; Información e comunicación; Relacións institucionais e cos sectores económicos; Seguridade cidadá (Policía Local, Protección Civil e GES); Tráfico; Saúde pública; Urbanismo, e Vivenda e solo.
Chus Campos Varela continuará como primeira tenente de alcalde e responsabilizarase de Turismo; Festexos; Xacobeo 2027; Comercio; Medio ambiente; Parques e xardíns; Limpeza viaria, e Cemiterios.
Luis Mariño Castro pasará a ser o segundo tenente de alcalde. Terá ao seu cargo Deportes; Vías e obras; Abastecemento de auga potable; Saneamento; Alumeado público; Xestión enerxética; Recollida e tratamento dos residuos sólidos urbanos; Praza de abastos, mercado dominical e, en xeral, venda ambulante.
Laura Horta Ignacio ocupará a terceira tenencia de alcaldía e manterá as áreas que xa dirixía: Dixitalización e modernización da administración local; Novas tecnoloxías; Formación; Política lingüística, e Participación cidadá.
Pola súa banda, Mariló Saco Vigo continuará á fronte de Servizos sociais; Igualdade e muller; Relacións veciñais; Terceira idade; e Xuventude e voluntariado.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)