AD

Actualidad

Blas García reclama unha nova conexión para O Milladoiro ante a previsión de case mil vivendas máis

today29 octubre, 2026

Fondo
share close
AD

O alcalde de Ames pide á Xunta un estudo para mellorar os accesos a través do polígono empresarial, destaca os datos de emprego do municipio e reivindica o diálogo entre administracións nunha entrevista en Radio Líder Santiago.

O crecemento residencial do Milladoiro require novas solucións de mobilidade. Así o defendeu o alcalde de Ames, Blas García, nunha entrevista en Radio Líder Santiago na que reclamou á Xunta un estudo para conectar o núcleo urbano coa autovía a través do polígono empresarial. O rexedor advertiu de que as dificultades actuais para entrar e saír da localidade poden aumentar co desenvolvemento de case mil vivendas previstas na contorna do novo colexio e da igrexa.

«O Milladoiro está medrando moito», afirmou García, que situou nese ámbito unha previsión de arredor de tres mil residentes máis. Segundo explicou, ese incremento de poboación traerá consigo máis vehículos e unha maior presión sobre os accesos. A proposta busca tamén facilitar a circulación dos camións que se dirixen ao parque empresarial, cunha conexión que lles permita acceder directamente.

O alcalde enmarcou esta petición nas emendas socialistas aos orzamentos da Xunta e ofreceu os estudos realizados previamente polo Concello para avanzar nunha solución. Entre as alternativas analizadas citou tamén unha saída pola rotonda de Paramuíño, nas proximidades do novo centro educativo. «Temos que traballar conxuntamente para poder atender as necesidades dos veciños», sostivo, tras lembrar que O Milladoiro concentra preto de 14.000 habitantes nun espazo reducido.

A mobilidade foi un dos asuntos centrais dunha conversa na que García reivindicou a evolución económica de Ames. O rexedor situou o desemprego por baixo do 6 % nun municipio de máis de 30.000 habitantes e cualificou esas cifras de «datos excelentes». Aínda que recoñeceu que o emprego non depende directamente da Administración local, vinculou parte desa evolución ao apoio municipal ás empresas, ás persoas emprendedoras, aos autónomos e ao comercio, así como á formación destinada a quen ten máis dificultades para acceder ao mercado laboral.

García destacou especialmente o peso da innovación e da tecnoloxía. Segundo os datos que expuxo na entrevista, a porcentaxe de persoas que traballan nese sector achégase ao 10 % en Ames, fronte ao 5 % de media en Galicia e ao 7 % en Santiago. Para o alcalde, estes indicadores reflicten unha realidade que ás veces queda relegada polas incidencias cotiás e permiten presentar Ames como «un concello moderno» e «referente agora mesmo en Galicia».

A posta en valor do rural ocupou tamén unha parte da entrevista coa sexta edición da Feira do Monte, anunciada para os días 14 e 15 de novembro en Trasmonte. García lembrou que a iniciativa naceu cun espazo pequeno e poucos expositores, mentres que agora a demanda obriga a pensar en ampliar o recinto para próximas edicións. «Agora os expositores xa veñen eles, xa se nos ofrecen», destacou.

O alcalde subliñou que a feira pretende achegar o mundo rural á veciñanza e dar visibilidade ás actividades económicas vinculadas a el. Pero insistiu tamén na súa dimensión social: «É un evento que o que fai é crear comunidade». Nesta edición, os veciños de Trasmonte participarán na xestión da cantina e na preparación de castañas, unha implicación que o rexedor relacionou coa consolidación da cita.

No ámbito cultural, García fixo balance da vixésimo primeira edición do certame de maxia, polo que pasaron máis dun milleiro de persoas. Destacou a presenza de artistas de distintos puntos de España e do estranxeiro e unha programación que incluíu propostas específicas para bebés e persoas maiores, ademais da gala presentada por Dani Polo. «Facemos unha actividade que é para todos os públicos», resumiu.

O responsable municipal de Cultura defendeu, ademais, que a valoración destas propostas debe ir máis alá das cifras de asistencia e atender tamén á súa continuidade. Nesa liña, considerou que manter o certame durante 21 edicións constitúe xa un éxito. Sobre o Nadal, avanzou que o Concello leva meses preparando a programación e anunciou cambios na localización do acendido do alumeado e unha nova actividade de fin de ano, pendentes de concretar publicamente.

A relación coa Xunta deixou as declaracións máis críticas. García asegurou que varias solicitudes de reunión con Ángeles Vázquez para abordar asuntos como a depuradora de Sisalde ou a presa de Ponte Maceira non foran atendidas. O alcalde defendeu a necesidade de preservar a interlocución institucional por riba das diferenzas partidarias: «O que non debemos aplicar é a ideoloxía política ás nosas relacións institucionais».

Na reflexión final, o rexedor expresou o seu rexeitamento ao clima de confrontación política, aos insultos e aos ataques ás familias, e reclamou acordos entre as principais forzas. Como exemplo, aludiu á súa relación coa oposición municipal, coa que mantén discrepancias, pero tamén alcanza pactos. «Iso é a política. A política do consenso, a política do traballo conxunto», concluíu.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *