Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today28 octubre, 2026
A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, chama a participar neste evento solidario cuxa recadación se destinará integramente á investigación en cancro de páncreas. É posible inscribirse tanto na carreira absoluta como nunha andaina, ademais de probas infantís, e tamén doar a través do dorsal cero.
A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, presentou este mércores no Pazo de Raxoi a XII edición da Carreira das Cidades contra o Cancro de Páncreas, que por primeira vez se celebrará en Santiago. Na rolda de prensa de presentación estivo acompañada polo xefe do Servizo de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), Rafael López; pola oncóloga do CHUS Elena Brozos; e polo presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín.
A responsable municipal de Deportes anima a veciñanza e visitantes a participar nesta proba solidaria que o Concello apoia con obxectivo de “dar a coñecer, visibilizar e recadar fondos para a investigación desta enfermidade que representa unha verdadeira emerxencia de saúde pública e de extrema gravidade”, afirmou.
O evento terá lugar o domingo 22 de novembro con varias modalidades de participación, con distintos niveis de dificultade, dende unha andaina de 3 km ata a carreira absoluta de 6 km, incluíndo dúas probas infantís de 400 e 800 metros. As carreiras comezarán desde as 10.30 horas, con saída e meta no Estadio de Atletismo do Campus Vida da Universidade de Santiago.
Aposta pola investigación
Rafael López agradeceu a implicación do Concello no proxecto e marcou como obxectivo que Santiago sexa unha das cidades nas que máis se investigue en cancro de páncreas de Europa.
“Santiago é unha cidade universitaria que ten a investigación dentro do seu xenoma e que todos temos que solicitar investigación; para iso fan falta tres cousas: concienciación da sociedade, financiamento público e privado; e os investigadores, que temos que coidar porque sen eles no se fai ciencia”, sinalou o xefe de Oncoloxía do CHUS.
Na mesma liña, Elena Brozos, puxo o foco en que a colaboración entre as distintas institucións, as empresas, os profesionais e a cidadanía pode marcar a diferenza. “O obxectivo é transformar cada inscrición e cada paso nunha oportunidade de investigación”, apuntou a oncóloga .
Pola súa banda, Iván Sanmartín, amosou a súa confianza na capacidade de mobilizar a cidadanía do atletismo e fixo un chamamento á poboación compostelá en xeral e ao persoal do hospital en concreto para acadar un alto nivel de participación nesta proba, que agardou que teña máis edicións en Santiago.
A carreira está promovida pola Asociación de Cancro de Páncreas, a Asociación Española de Pancreatoloxía (AESPANC) e a Asociación Española de Gastroenteroloxía (AEG), e organizada pola Federación Galega de Atletismo coa colaboración do Hospital Universitario de Santiago.
As inscricións están abertas en Os cartos recadados coas inscricións serán doados integramente á investigación en cancro de páncreas. Tamén é posible facer doazóns a través do dorsal cero.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)