Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today18 julio, 2026
O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, foi proclamado este sábado candidato do PP á Alcaldía de Santiago de Compostela nun acto celebrado na Cidade da Cultura, no Monte Gaiás, presidido polo presidente nacional do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, e no que tamén participou o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda.
Na súa intervención, Verea deu a benvida aos candidatos e representantes do Partido Popular chegados de toda España e expresou a satisfacción dos composteláns por acoller un encontro destas características. “Para min é unha enorme alegría recibirvos hoxe aquí. Estou seguro de que falo en nome de todos os composteláns cando vos digo que esperamos que vos sintades como na vosa casa”, afirmou.
O líder popular destacou que para Santiago “é un auténtico orgullo” recibir aos candidatos do Partido Popular ás capitais de provincia de toda España e agradeceu a Alberto Núñez Feijóo a elección da capital galega para celebrar un acto “tan importante”. Tamén trasladou o seu agradecemento ao presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, polo seu apoio e confianza.
Durante o seu discurso, Verea reivindicou unha maneira de entender a política baseada no compromiso coas persoas. “Hai quen entende a política como unha profesión. Nós entendémola doutra maneira. Entendémola como un compromiso. Como unha paixón”, asegurou.
Nese sentido, defendeu que a política municipal “é a máis humana que existe”, porque “é a que escoita, a que acompaña e a que está ao lado das persoas”. Por iso, afirmou que o labor dun goberno “non consiste só en xestionar”, senón en “converter o traballo de cada día en esperanza”.
Verea puxo tamén en valor o significado de Santiago como cidade de encontro, lembrando que “leva séculos demostrando que as grandes transformacións comezan cun paso adiante”. “Santiago é un lugar de encontro. Onde sempre comezan novos camiños”, afirmou.
O candidato popular asegurou que a cidade “está preparada para abrir unha nova etapa, para volver crer en si mesma e para mirar ao futuro”, convencido de que “Santiago pode máis, Santiago quere máis e Santiago merece máis”.
“Para un santiagués, este é o reto máis ilusionante que existe. Pero é tamén unha gran responsabilidade”, afirmou. Por iso, comprometeuse a seguir “deixándose a pel” para axudar a abrir esa nova etapa na cidade.
Verea concluíu a súa intervención reiterando a súa confianza no futuro de Santiago: “Santiago pode máis. Santiago quere máis. Santiago merece máis. E, ademais, estará en boas mans”.
PROCLAMACIÓN CANDIDATOS
A Cidade da Cultura, no Monte Gaiás, foi o lugar elixido como epicentro da política nacional, nun acto no que, ademais da intervención dos sete candidatos galegos ás alcaldías das cidades, tamén participaron os candidatos chamados a liderar as capitais de provincia de España.
O presidente nacional do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, foi o encargado da proclamación oficial dos candidatos, aos que deu a palabra por orde alfabética tras a tradicional foto de familia.
A presentación, na que tamén interveu o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, produciuse un día despois da celebración na Coruña do Comité Electoral Nacional do Partido Popular, no que se aprobaron os nomes dos candidatos das capitais de provincia para as eleccións municipais de 2027, nunha reunión na que participaron o secretario xeral do PP, Miguel Tellado, e o presidente do Comité Electoral Nacional, Diego Calvo.
Na actualidade, o Partido Popular goberna en 30 das 50 capitais de provincia de España. Das 20 capitais nas que non ostenta a alcaldía, 11 renovan candidatura para as próximas eleccións municipais, o que supón o 55 % do total. Ademais, 21 das 50 candidaturas están encabezadas por mulleres, representando o 42 % do total.
No caso galego, o acto contou coa intervención dos sete candidatos das cidades: Borja Verea, por Santiago de Compostela; Miguel Lorenzo, pola Coruña; José Manuel Rey Varela, por Ferrol; Elena Candia, por Lugo; Ana Méndez, por Ourense; Rafa Domínguez, por Pontevedra; e Luisa Sánchez, por Vigo. Ademais, durante o acto proxectáronse vídeos relacionados co papel que estes líderes desempeñan nos municipios que representan.
Todos eles estiveron arroupados por compañeiros e compañeiras de partido, así como por numerosos cargos e representantes do PP de toda España, nun acto que converteu Santiago de Compostela na capital do inicio do reto electoral das eleccións municipais de 2027.
Escrito por Líder Redacción




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)