AD

Destacado

Bouza esixe a Rueda que actúe ante o novo colapso das Urxencias do CHUS

today7 septiembre, 2026

Fondo
share close
AD

Aitor Bouza denuncia que a saturación das Urxencias volve converterse nun problema recorrente e reclama medidas inmediatas para evitar que a cidadanía reciba “unha sanidade de segunda”.

O deputado socialista volverá levar a situación ao Parlamento de Galicia e esixe directamente a Alfonso Rueda que se implique ante a falta de resposta do xerente da área sanitaria.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2026. O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado autonómico, Aitor Bouza, esixiu directamente ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que se implique e adopte medidas inmediatas ante un novo colapso nas Urxencias do CHUS, para evitar que esta situación se converta en habitual e garantir unha atención sanitaria pública de calidade en Santiago e en toda a súa área de influencia.

Bouza advertiu de que “novamente volvemos a ver un novo colapso nas urxencias do CHUS” e respaldou as demandas da Asociación de Pacientes, que reclama “xustamente unha sanidade pública de calidade”. Para o socialista, a reiteración destes episodios evidencia que a Xunta segue sen dar unha resposta eficaz a un problema que afecta directamente ás persoas usuarias do complexo hospitalario.

O deputado socialista lamentou que, despois das reiteradas reclamacións realizadas, “xa non sabemos que facer, que reclamar á Xunta de Galicia para que se tomen medidas inmediatas, urxentes”. Neste sentido, esixiu unha solución que dea garantías de que “ninguén vai a ter que ter unha sanidade de segunda polo simple feito de ter que acudir ás Urxencias do CHUS”.

Ante a falta de avances, Bouza anunciou que o PSdeG volverá levar esta situación ao Parlamento de Galicia, pero desta volta quere “ir un pouquiño máis alá”. Así, despois de reclamar responsabilidades políticas sen que “se acometeu ningún tipo de decisión ao respecto”, os socialistas esixirán directamente a Alfonso Rueda “que adopte medidas para que isto non volva a ocorrer” e evitar que o colapso sexa “a tónica habitual”.

Para finalizar, Bouza explicou que esta reclamación se dirixe xa directamente ao presidente da Xunta porque “o xerente da área sanitaria pasa olímpicamente de atender” as demandas das persoas que precisan da sanidade pública. Por iso, fronte a unha xerencia que considera que “o único que fai é estar por estar”, esixiu a Rueda “que se implique en buscar unha solución neste ámbito no CHUS”, un complexo fundamental “para Galicia, para Santiago de Compostela e para todas as persoas da área de influencia de Santiago”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *