AD

Destacado

Brión aproba dúas modificacións de crédito por case dous millóns de euros

today22 noviembre, 2023

Background
share close
AD
  • Aprobada por unanimidade a adhesión a un convenio co GDR Terras de Compostela para promoción turística e enogastronómica

22 de novembro de 2023.- O Pleno de Brión celebrou esta mañá unha sesión extraordinaria na que aprobou dúas modificacións de crédito por importe de 1.954.000 euros para investimentos e financiamento do gasto ordinario. En concreto, tratouse dun suplemento de crédito e dun crédito extraordinario, ambos os dous con cargo ao Remanente Líquido de Tesourería.

A primeira operación foi un suplemento de crédito por 997.000 euros que inclúe múltiples actuacións executadas ao longo deste ano 2023 pero onde o crédito inicialmente aprobado resultou insuficiente. Así, inclúense investimentos en pavimentación de camiños (260.000 euros), reparación de beirarrúas en Bastavales e nos Ánxeles (16.000 euros), abastecemento no Cabo (22.000 euros), alumeado no Piñeiro (14.000 euros), dotación de paneis solares á biblioteca municipal (13.000 euros) ou a instalación dun punto de recarga para vehículos eléctricos no pavillón municipal de Pedrouzos (18.000 euros). Ademais, tamén se inclúen gastos correntes como os 130.000 euros para o incremento do custe da luz, os 150.000 euros para actuacións de mellora nos parques infantís ou os 18.000 euros de arranxos en instalacións deportivas.

O suplemento de crédito foi aprobado cos seis votos a favor do PSOE, as catro abstencións do BNG e os dous votos en contra do BNG. O BNG xustificou o seu voto en contra no feito de que algunhas destas actuacións, como unha tiroliña nun parque infantil, foron executadas xusto antes das eleccións, argumentación que foi tamén usada polo PP para xustificar a súa abstención. Pola súa banda, o alcalde Pablo Lago xustificou as actuacións en que “todo o que fixemos foi por petición e para desfrute dos veciños”, lembrando que Brión conta cun Remanente importante e que no 2024 volven aplicarse as regras de gasto.

O crédito extraordinario por 957.845 euros foi aprobado cos 10 votos a favor de PSOE e PP, fronte aos dous en contra do BNG, que se reafirmou na súa tese anterior. Neste caso, a partida máis importante correspóndese co acondicionamento da AC-543: 815.000 euros. “Puidemos ter a obra feita para as eleccións pero, cando vimos o estado no que se atopa o saneamento e abastecemento na zona, que foi o primeiro que se fixo neste concello, fomos responsables e optamos por ampliar a obra e arranxar todo como é debido, a pesar das eleccións”, puntualizou o alcalde brionés. Ademais desa actuación, neste crédito extraordinario consígnase partidas para actuacións xa realizadas como o alumeado do campo de fútbol da Luaña ou un muro de contención na escola dos Ánxeles, entre outras.

Finalmente, o pleno aprobou por unanimidade un recoñecemento extraxudicial de crédito de 926 euros para o pago de dúas facturas de exercicios anteriores presentadas o pasado mes de outubro. O secretario municipal deu conta tamén do período medio de pago: 20,9 días.

Convenio co GDR

Por outra banda, o pleno municipal aprobou por unanimidade o convenio co GDR Terras de Compostela para o desenvolvemento do Plan de Sostenibilidade Turística Terras de Santiago, polo que esta entidade recibirá unha partida de 1,3 millóns de euros con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado con fondos europeos do programa Next Generation. O convenio consiste na delegación no Concello de Brión da execución das actuacións que lle son propias e a cesión das competencias naqueles proxectos comúns aos municipios que integran o GDR (A Baña, Ames, Boqueixón, Brión, Negreira, Santiago, Teo, Val do Dubra e Vedra).

No caso de Brión contémplanse tres actuacións: reforma de sendas agropecuarias xa existentes (26.000 euros), instalación de paneis fotovoltaicos para dar servizo ao mercadiño da Carballeira de Santa Minia (43.000 euros) e posta en marcha da iniciativa espazos gastronómicos na carballeira (17.000 euros). Nos próximos meses procederase á licitación de cada unha das actuacións.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%