Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today6 noviembre, 2026
O secretario municipal xustificou a urxencia da moción na necesidade de que sexa publicada a nova orde antes de finais de 2026 (calcúlase que o 29 de decembro) e a baixada poida entrar en vigor en 2027
6 de novembro de 2026.- O pleno do Concello de Brión, reunido hoxe de forma extraordinaria e urxente, aprobou a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxe por actividades e servizos relacionados coa hixiene urbana. Unha modificación que saíu adiante cos votos a favor de PSOE e BNG, e a abstención do BNG.
A modificación aprobada esta mañá afecta ao Concepto 1207 (Fábricas, talleres de reparación de automóbiles, aserradeiros e grandes almacéns), concretamente aos de dimensións de máis de 1.000 m2, que pasarán a pagar 2.006 euros (fronte aos 7.526.02 establecidos na ordenanza en vigor), e os de entre 600 m2 e 1.000 m2, que pasarán a pagar 1.033,44 euros (fronte aos 3.775,49 euros establecidos na ordenanza en vigor). Unha revisión á baixa para adecuar as cotas á realidade económica do municipio, explicou o secretario municipal.
De feito, foi o propio secretario municipal quen explicou e xustificou diante do pleno as razóns que motivaron a convocatoria da sesión plenaria extraordinaria e urxente. Ademais de deixar claro que se trata dunha decisión completamente legal que pode adoptar o alcalde de calquera municipio de España, xustificou a convocatoria de hoxe na necesidade de que a modificación aprobada esta mañá poida entrar en vigor en 2027. Para iso é necesario que o acordo desta mañá sexa publicado no BOP, supere o correspondente período de exposición pública, se resolvan as alegacións presentadas (se houbera) e volva publicarse de forma definitiva no BOP. Unha publicación que, aínda que será tramitada por vía de urxencia, tería lugar o martes 29 de decembro.
Críticas do BNG
O voceiro do BNG, Xosé Luís Penas Corral, xustificou a abstención do seu grupo na falta de tempo para analizar a documentación, o que cualificou como falta de respecto institucional e mesmo uniu á decisión do alcalde no pleno ordinario anterior de deixar a contestación das preguntas para o seguinte pleno ordinario. Nin PSOE nin PP fixeron intervención algunha durante o pleno.
Aprender a normativa
O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, apunta que “o acontecido esta mañá, unido ao da sesión plenaria do pasado 21 de outubro, deixa en claro unha cousa: o BNG está en modo campaña electoral e o seu voceiro, que sempre presume dos seus coñecementos administrativos e legais, non tivo tempo nos 12 anos que leva como concelleiro de lerse o regulamento orgánico que rexe os plenos municipais de Brión, que foi aprobado en 2011. Iso si que é unha falta de respecto a todos os veciños e veciñas de Brión, que o máximo responsable do grupo minoritario da oposición non saiba sequera cales son as normas polas que se rexe o Pleno Municipal e pretenda darlle leccións ao Secretario Municipal, habilitado nacional”.
Neste sentido, compre lembrar que o artigo 46.2b) da Lei 7/1985 establece que “son sesións extraordinarias de carácter urxente as convocadas polo alcalde cando a urxencia do asunto ou asuntos a tratar non permita convocar a sesión extraordinaria con antelación mínima de dous días soltos esixida en dito precepto. Neste caso, incluirase como primeiro punto da orde do día o pronunciamento do pleno sobre da urxencia. Se esta non resulta apreciada por maioría do mesmo, levantarase acto seguido a sesión”. Algo que se cumpriu na sesión desta mañá, cos votos a favor de PSOE e BNG fronte á abstención do BNG. Ademais, Pablo Lago lembra que “non é un procedemento que se repite cada ano, como trata de facer ver o BNG. Non estamos falando da actualización anual da taxa, senón dunha modificación da ordenanza, que é algo moi distinto e que non se fai todos os anos” e recorda tamén que “a oposición ten tempo para consultar a documentación como calquera outro veciño e tamén poden presentar alegacións, se o consideran oportuno, durante o tempo de exposición pública polo que non estamos faltándolle ao respecto a ningún grupo municipal”.
Por outra banda, o artigo 35 do regulamento orgánico do Concello de Brión especifica que “as preguntas poden ser feitas tamén ao remate dunha sesión ordinaria e aquel órgano ou persoa ás que van dirixidas poderán optar entre respostalas de contado ou na seguinte sesión, tamén ordinaria. Se as preguntas foron formuladas por escrito con cinco días naturais de antelación á celebración do Pleno, deben ser contestadas no momento”. Pablo Lago explica que “dende o meu Goberno levamos dous mandatos contestando a todas as preguntas no mesmo pleno e ofrecendo toda a información posible para facilitar o labor dos grupos da oposición, pero o que non se pode pretender é facer 36 preguntas, moitas delas de petición de datos exactos, con tan so dous días de prazo. Ante a imposibilidade de contestar a todas elas, decidimos optar por contestar na seguinte sesión, tal e como recolle a normativa vixente”.
Neste sentido, o alcalde lamenta que “mentres dende o Equipo de Goberno traballamos por mellorar o día a día dos veciños e veciñas de Brión, o BNG estea xa en plena campaña electoral, utilizando os plenos para dar mítines políticos e distorsionando a realidade municipal para tratar de sacar beneficios políticos”.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)