AD

Actualidad

Brión impulsa o sector primario con Coworking Fest, Feira Labrega e visitas ás hortas

today29 agosto, 2024

Background
share close
AD

Estas actividades únense aos dous mercados semanais que teñen lugar os martes en Pedrouzos e os venres pola tarde no centro comercial Montebalado baixo o lema “Merca en Brión”

29 de agosto de 2024.- O Concello de Brión ten preparado un intenso programa de actividades para poñer en valor o sector primario e promover o comercio de produtos locais e sostibles que porá en marcha ao longo do mes de setembro. Unha programación que inclúe a realización da primeira edición do Coworking Fest, a sexta edición da Feira Labrega e a Ruta das Hortas, unha novidosa iniciativa que inclúe visitas guiadas a hortas de persoas produtoras locais.

A concelleira de Promoción Económica, Guarina Rey Vázquez, explica que “dende o Concello queremos apoiar o noso rural e promover o comercio dos mellores produtos que producen os nosos veciños e veciñas nas súas hortas. Uns produtos que, grazas a espazos colaborativos como o coworking de Brión, poden chegar ao mercado con todas as garantías sanitarias e con produtos elaborados como zumes, marmeladas, salsas, patés, cremas…que se producen e transforman dun xeito totalmente sostible”.

Ruta das Hortas

A primeira destas iniciativas será a Ruta das hortas, visitas guiadas, gratuítas e abertas a toda a veciñanza polas hortas de distintas persoas produtoras de Brión, que darán a coñecer como producen de maneira sostible. Trátase de catro explotacións que producen e fan venda directa dos seus produtos, “polo que a iniciativa servirá tamén para “dar a coñecer ás persoas consumidoras o que se produce en Brión, e que se fai de xeito sostible, para así favorecer unha relación de confianza entre produtor e consumidor”.

Así, o Concello de Brión e a asociación Daquí Darredor organizarán 4 visitas ao longo do mes de setembro: o xoves 5 á horta de Marisa (Pedrouzos, de 17:00 a 20:00 horas), o xoves 12 á de Alba e o martes 17 á de Pablo (ambos os dous nos Ánxeles, e en horario de 10:00 a 13:00 horas) e o martes 24 á explotación de Pilar (Trasouteiro, de 17:00 a 20:00 horas). Para participar non é necesaria inscrición previa. O punto de encontro das catro rutas será o Coworking “Transformando en Brión”, no terceiro andar do centro comercial Montebalado, media hora antes do seu inicio.

Coworking Fest

Precisamente para darlle máis visibilidade ao espazo colaborativo de Montebalado, que forma parte da Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña, o Concello de Brión organizará a primeira edición do Coworking Fest, que terá lugar o 18 e 19 de setembro. Así, o mércores 18 terá lugar unha xornada de portas abertas dirixidas a persoal da Administración Local e persoas que desexen coñecer o funcionamento destas instalacións.

O xoves 19 celebrarase unha xornada formativa en cooperativismo aberta tanto ás persoas usuarias do centro como a interesadas na temática. “Queremos aproveitar unhas datas como as do mes de setembro, que é cando moita xente comeza con novos proxectos, para tratar de darlle maior visibilidade ao coworking e captar novas persoas usuarias”, apunta Guarina Rey.

Feira Labrega

Finalmente, o domingo 22 de setembro, de 11:00 a 20:00 horas, terá lugar a sexta edición da Feira Labrega, que nesta ocasión trasládase ao Adro da Igrexa dos Ánxeles, toda vez que a carballeira de Santa Minia está pechada ao público. “O obxectivo desta feira é que sexa unha escaparate gastronómico e artesán de Brión, dar a coñecer a produción local, os oficios tradicionais e Brión en xeral”, explica a concelleira de Promoción Económica.

A proposta deste ano é darlle pulo aos produtos que se producen en Brión, sobre todo das nosas hortas, con degustacións en directo. A isto haberá que sumar unha exposición e veda de produtos agrícolas e de artesanía local, mostra de apeiros de labranza, obradoiros de oficios tradicionais, actuacións de grupos musicais e xogos tradicionais para a rapazada.

Merca en Brión

Toda esta programación especial únese aos dous mercados semanais que teñen lugar en Brión:

– o mercado urbano dos martes pola mañá en Pedrouzos, onde se pode comprar froita, plantas, roupa, artesanía…

– e o Mercado da Terra dos venres pola tarde no centro comercial de Montebalado, onde se vende produto fresco das hortas e conservas elaboradas no coworking.

O Concello, ademais de continuar poñendo un autobús a disposición da veciñanza para acudir ao mercado dos martes, organizará a campaña “Merca en Brión” para dinamizalos e dalos a coñecer entre a veciñanza tanto de Brión como da comarca de Compostela. A iniciativa incluirá a elaboración dunha guía de comercio local do concello e a posibilidade de dar a coñecer os distintos negocios locais a través da APP BrionInforma.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%