AD

Destacado

Durmir nun muíño do século XIV ou en cabanas a un paso da Catedral: así nace Luar do Sarela

today16 abril, 2026

Fondo
AD

José Manuel Pose relata como transformou un antigo muíño do século XIV nun refuxio sostible con cabanas, combinando tradición, innovación e unha visión turística diferente en Santiago.

O Luar do Sarela non é un hotel ao uso. É o resultado dunha historia persoal, dunha aposta arriscada e dunha relación íntima co territorio. Así o explica o seu xerente, José Manuel Pose, durante unha entrevista na que debulla con detalle o camiño percorrido ata converter un antigo muíño do século XIV nun singular complexo de cabanas en plena natureza, a apenas quince minutos a pé da Catedral de Santiago.

“Comprei un muíño sen saber moi ben que facer con el”, recoñece Pose, quen inicialmente concibira o espazo como unha vivenda familiar. Porén, as limitacións urbanísticas ao tratarse dun inmoble catalogado obrigárono a reformular completamente a idea: “Dixéronme no Concello que non podía ser unha vivenda particular, tiña que ser un negocio”. A partir dese momento comezou un proceso de reflexión e transformación que acabaría definindo a identidade actual do proxecto.

A primeira opción foi a hostalería tradicional. “Chegamos a ter aprobado un proxecto para un restaurante, pero coa pandemia vin que non era o camiño”, explica. Foi entón cando xurdiu a idea das cabanas, inspirada en modelos que visitou en distintos puntos de Galicia: “Empecei a ver cabañas por aí e rebentoume a cabeza. Vin que iso encaixaba co sitio”.

O enclave, ás beiras do río Sarela, foi determinante. “Son catro mil metros cadrados ao lado do río, cun canal precioso. É un sitio para pasear tranquilo, para desconectar”, destaca. Esa conexión coa natureza converteuse no eixo central do proxecto: “Queremos que a xente escoite os paxaros, vexa o río, sinta que está nun lugar especial”.

José Manuel Pose, propietario de Luar do Sarela
José Manuel Pose, propietario de Luar do Sarela

O camiño non estivo exento de dificultades. A tramitación administrativa, as restricións de Patrimonio ou mesmo a execución das obras supuxeron importantes retos. “Isto dá para escribir un libro. Tivemos nove meses para facer un proxecto de case 500.000 euros”, lembra. A situación complicouse aínda máis coa falta de man de obra: “Quedamos sen albanel en pleno proceso e pensei que perdía a subvención”.

Finalmente, grazas a unha combinación de recursos propios, apoio familiar e colaboracións profesionais, o proxecto saíu adiante. O resultado son cinco cabanas e dúas habitacións no antigo muíño rehabilitado, cunha estética coidada e integrada na paisaxe. “Quedaron como pequenas aldeas separadas, respectando o patrimonio. Incluso mellor do que pensabamos”, afirma.

Desde a súa apertura, a acollida foi moi positiva. “Temos un 9,6 en Booking e somos número un en Santiago”, sinala con satisfacción . A experiencia que ofrece o Luar do Sarela é, segundo Pose, o seu principal valor diferencial: “Levántaste pola mañá, escoitas os paxaros, ves o río… e en quince minutos estás na Catedral”.

O perfil do visitante combina turistas internacionais e escapadas curtas. “A maioría queda unha ou dúas noites, pero hai estranxeiros que xa se quedan unha semana”, explica. Con todo, tamén recoñece a estacionalidade do sector: “En verán estamos cheos todos os días, pero novembro ou xaneiro son meses moi complicados”.

De cara ao futuro, o proxecto segue medrando. Pose traballa na apertura da “Despensa do Sarela”, un espazo gastronómico que complementará a experiencia: “Queremos facer algo pequeno, con viños e tapas, tranquilo, que encaixe co entorno”.

Máis alá do negocio, o xerente reivindica un modelo turístico diferente para Santiago: “Hai vida máis alá da Catedral. O Sarela é precioso e hai que poñelo en valor”. Unha visión que conecta co espírito do proxecto: recuperar o pasado, respectar a contorna e ofrecer unha experiencia auténtica.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *