AD

Comarca

Galiza Nova Barbanza recolle 2000 sinaturas por un transporte digno para a mocidade

today11 septiembre, 2024

Background
share close
AD

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2024.- Membros de Galiza Nova na Comarca do Barbanza, xunto con outros do BNG, rexistraron hoxe as case dúas mil sinaturas recollidas dende o domingo 11 de agosto a través da campaña “Queremos mobilidade para a nosa mocidade”. Estiveron acompañados dos deputados do BNG na cámara Rosana Pérez e Paulo Ríos, así como da Secretaria Xeral de Galiza Nova, Marta Gómez.

“Con esta campaña de recollida de sinaturas percorremos os concellos de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo para esixirlle a Monbus e á Xunta a posta en marcha, así como tamén a súa inclusión na vindeira licitación do servizo, dunha liña de bus que conecte a nosa comarca coa estación de ferrocarril de Catoira” sinalaron os membros de Galiza Nova.

A proposta da organización xuvenil do BNG consiste na creación dunha liña de reforzo nas fins de semana, facendo o percorrido Catoira – Ribeira os venres, con saída ás 19:45 e ás 22:00, e o percorrido Ribeira – Catoira os domingos, con saídas ás 15:30 e ás 18:30. Deste xeito a mocidade da comarca podería ir e volver as fines de semana aos seus lugares de estudo “sen depender de ninguén”.

A proposta das mozas inclúe paradas en Ribeira (Estación de Autobuses), A Pobra do Caramiñal (Estación de Autobuses), Boiro (Praza do Concello) e Rianxo (Parada Setefogas) até Catoira (Estación de Ferrocarril). “Incidimos en que é unha proposta para dar inicio a unha liña de bus inexistente agora mesmo, atendendo a unha necesidade que vemos que ten a mocidade da nosa comarca” sinalan dende a organización.

No día de hoxe, tras case un mes recollendo, rexistraron no Parlamento de Galiza ás preto de 2000 sinaturas recollidas durante a campaña. Fixérono acompañados de Paulo Ríos e Rosana Pérez, deputados do BNG na cámara, que xa avanzaron que rexistrarán unha iniciativa para poder levar a proposta a debate no Parlamento Galego. Ademais, as mozas e mozos de Galiza Nova Barbanza tamén rexistrarán mocións nos catro concellos da comarca para incidir na presión institucional e irán avanzando outras accións e actividades no marco desta campaña.

Ademais da denuncia, dende a organización xuvenil do BNG tamén agradecen á veciñanza da comarca o apoio recibido nestas semanas. “Queremos agradecer aos centos de veciñas e veciños que se achegaron ás diversas mesas para apoiar este proxecto e que avogan por un país e un Barbanza máis e mellor conectado. Nós só queremos movernos con autonomía e total liberdade polo país e dispoñer dun transporte público, sostible e de calidade, agardamos que o Partido Popular non faga coma sempre e atenda ás nosas demandas” sentenciaron.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%