AD

Actualidad

Gonzalo Louzao: “A Festa do Salmón leva 52 edicións consolidándose como unha das festas importantes de Galicia”

today12 mayo, 2026

Fondo
AD

O alcalde da Estrada destaca o carácter desta celebración declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, que este ano contará cun récord de 18 restaurantes participantes na degustación popular, máis de 5.500 racións previstas, a coincidencia co Día das Letras Galegas e un amplo programa festivo que terá a Fernando Romay como pregoeiro

A Estrada xa quenta motores para vivir unha das citas máis emblemáticas do seu calendario coa celebración da 52ª Festa do Salmón, unha edición que este ano apunta a cifras récord e que volverá converter o municipio no gran escaparate da gastronomía, da música, da cultura e da tradición arredor do río Ulla.

En declaracións a Radio Líder Santiago, o alcalde estradense, Gonzalo Louzao, destacou a consolidación dunha celebración que definiu como “unha das festas importantes de Galicia”, poñendo especialmente en valor o ambiente vivido xa durante esta fin de semana coa celebración das tapas do salmón e co tradicional concurso internacional de pesca do Río Ulla.

Louzao puxo en valor “o gran apoio” da hostalaría estradense á Festa do Salmón, lembrando que 15 locais participaron nesta antesala gastronómica da celebración, convertendo durante toda a fin de semana a Estrada nun punto de encontro para veciñanza e visitantes.

Xunto á vertente gastronómica, o alcalde quixo tamén destacar o papel do concurso internacional de pesca do salmón organizado pola Sociedade Deportiva Río Ulla, que este ano celebrou o seu 50 aniversario nun contexto marcado polas restricións existentes en Galicia para a pesca deste peixe.

Neste sentido, defendeu que “os propios pescadores son os principais valedores do propio río” e insistiu en que non son “o problema desta circunstancia, senón unha vítima máis”. “O concurso segue mantendo o seu sentido”, afirmou Louzao, destacando que, malia non rexistrarse capturas, a cita deportiva permitiu manter viva unha tradición histórica da Estrada ligada ao río Ulla e ao salmón.

Récord de participación na degustación popular

O alcalde puxo especialmente en valor a implicación da hostalaría estradense, lembrando que o cambio de localización da degustación popular realizado o ano pasado “foi un gran éxito”. Louzao destacou que os 13 hostaleiros que participaron na pasada edición non só repiten este ano, senón que se incorporan novos establecementos ata alcanzar os 18 restaurantes participantes na degustación popular, a cifra máis alta da historia da festa.

“Esta festa non tería sentido sen o empuxe da hostalaría”, asegurou o rexedor, que salientou tamén o esforzo conxunto dos locais estradenses para seguir facendo medrar unha celebración que este ano apunta a cifras récord.

O alcalde explicou que xa se puxeron á venda anticipada 3.000 tíckets para unha degustación na que inicialmente se prevé repartir máis de 5.500 racións de salmón baixo a gran carpa, que comezou a súa instalación este luns na Praza da Constitución.

Louzao amosouse convencido de que a edición deste ano volverá ser “un gran éxito como foi o ano pasado” e asegurou que o obxectivo é “incluso superarnos”.

“A Festa do Salmón leva 52 edicións consolidándose como unha das festas importantes de Galicia”, destacou o alcalde, quen tamén puxo en valor a combinación de gastronomía, música, cultura e tradición arredor desta celebración.

A degustación popular do domingo 17 volverá ser un dos grandes atractivos da programación. O alcalde salientou que os hostaleiros estradenses “están desexando ofrecer o mellor deles” nunha edición que combinará pratos máis tradicionais con propostas gastronómicas máis innovadoras arredor do salmón.

Música, Letras Galegas e Salmóns de Ouro

A programación cultural e festiva arrancará oficialmente este xoves 14 de maio e prolongarase ata o domingo 17 cun amplo programa de concertos, folclore, DJs, exposicións, actividades culturais e propostas gastronómicas.

Entre as citas destacadas estarán o concerto de Mondra, o Festival Folclórico do Salmón, o Latexo Fest ou o tardeo coa París de Noia, que servirá ademais para estrear a nova Praza de Galicia xa peonil.

O domingo 17 será o gran día da celebración e coincidirá ademais co Día das Letras Galegas. A xornada contará cun pregón específico das Letras Galegas a cargo de Neves Rodríguez e tamén co pregón institucional da Festa do Salmón, que este ano correrá a cargo de Fernando Romay.

Louzao destacou tamén o papel dos Salmóns de Ouro, as máximas distincións da festa, que este ano recoñecerán á exalcaldesa Elvira Fernández, á Academia Galega de Seguridade Pública e aos estradenses Darío Loureiro e Ariadna Silva, ambos recentemente galardoados nos Premios Mestre Mateo.

O alcalde puxo especialmente en valor a figura de Elvira Fernández como “a primeira e única alcaldesa da Estrada”, destacou tamén o orgullo que supón para o municipio o recoñecemento acadado polos estradenses Darío Loureiro e Ariadna Silva e subliñou o importante papel da AGASP como institución de referencia en Galicia con sede na Estrada.

“Vai ser unha xornada festiva espectacular que une música, gastronomía, cultura e tradición”, resumiu o alcalde, convidando á veciñanza e aos visitantes a achegarse á Estrada para desfrutar dunha das grandes citas festivas do municipio.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *