Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today6 febrero, 2024
Padrón. 6-2-2024.- O Día de Rosalía, que se celebra o 23 de febreiro coincidindo coa data do seu nacemento, encherá un ano máis Padrón de actos culturais ao longo de todo o mes de febreiro para homenaxear a autora galega máis universal. A programación padronesa foi presentada este luns na Casa de Rosalía coa asistencia do alcalde de Padrón, Anxo Arca, e a concelleira de Educación e Servizos Sociais, Mariló Saco, xunto ao secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da Casa de Rosalía, Anxo Angueira.
O acto central do Mes de Rosalía en Padrón será, unha vez máis, a ofrenda floral que se desenvolverá o propio 23 de febreiro diante da estatua de Rosalía de Castro no Paseo do Espolón. Este acto institucional, que se levará a cabo a partir das dez da mañá e no que participa alumnado dos institutos Camilo José Cela e Macías o Namorado, inclúe unha alborada co grupo de gaitas Carapaus e a intervención de diversas autoridades.
Xa ao mediodía, a celebración continuará cun pasarrúas no que, ademais dos Carapaus, contaremos cos cabezudos e a xigante Rosalía, cedida polo Concello de Rianxo. Tamén se sumarán á festa unha vez máis restaurantes e bares de Padrón, que ofrecerán á súa clientela a posibilidade de degustar un Caldo de Gloria inspirado no que Rosalía louba no seu poema ‘Miña casiña meu lar’. Nestes establecementos haberá tamén pequenas representacións do grupo de teatro Os Quinquilláns a partir das 20.00 horas.
O Caldo de Gloria será así mesmo o gran protagonista do acto que se desenvolverá na Casa de Rosalía ás 19.00 horas e que será elaborado por Suso, do Dezaseis, e a cantante Uxía. Un concerto de Faia, programado para as 20.00 horas, poñeralle a guinda o día.
A programación do Mes de Rosalía, realizada en colaboración coa Casa de Rosalía, iniciarase xa este xoves 8 de febreiro coa inauguración da exposición Herbario de Rosalía. Trátase dunha recompilación de imaxes de ata un total de corenta plantas e flores mencionados pola autora en diversas pasaxes da súa obra e que poderá verse de xeito gratuíto no claustro do convento do Carme ata o domingo 25 de febreiro no seguinte horario: de martes a venres, de 17.00 a 19.00 horas e sábados e domingos, de 11.00 a 13.00 horas.
O mércores 21 de febreiro, a rapazada de primeiro, segundo e terceiro de primaria dos colexios Flavia e Rosalía de Castro erá o que teña a oportunidade de achegarse á figura da escritora a través do espectáculo de títeres ‘A viaxe de Rosalía, que Larraitz Urruzola poñerá en escena no Auditorio Municipal.
Ao día seguinte, xoves 22, terá lugar a presentación do libro ‘Konpostela’, o poemario co que o escritor e enxeñeiro Francisco Javier Fernández Davila se erixiu en gañador da novena edición do certame poético Rosalía de Castro, convocado polo Concello de Padrón. Como remate da presentación, que se desenvolverá no Auditorio, proxectarase a curta ‘A rosa incandescente’, proxecto que se aproxima a Rosalía dun xeito cercano e directo e que nos conta, coa voz da autora, algúns aspectos fundamentais da súa obra.
Os actos que teñen como protagonista a Rosalía rematarán na fin de semana do 24 e 25 de febreiro. O sábado 24, baixo a organización da Asociación Cultural Rosalía de Castro, poderemos asistir a unha nova edición da Gala Rosalía Foliadeira. A cita terá lugar no Auditorio a partir das 19.30 horas. Xa o domingo 25, tamén no Auditorio, un concerto da Banda de Música Municipal pechará a programación do Mes de Rosalía en Padrón.
Promoción do libro en galego
Para celebrar o Día de Rosalía e promocionar a lectura en galego, a Xunta repartirá vinte mil exemplares de ‘Celebramos Rosalía’, unha antoloxía de textos rosalianos realizados por Anxo Angueira coa que se obsequiará a todas as persoas que entre o 6 de febreiro e o 3 de marzo compre un libro en galego.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)