Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today20 julio, 2024
A cociñeira Lucía Freitas inaugurou esta nova edición das Festas do Apóstolo desde o balcón do Pazo de Raxoi, ante unha praza da Obradoiro na que se congregaron veciñanza e visitantes para bailar e gozar ao ritmo das gaitas e as pandeiretas. A pregoeira transmitiu nas súas palabras o seu amor por Compostela e as súas xentes a través da súa aposta por unha gastronomía que fusiona raíces e vangarda e da defensa dos nosos produtos locais e do labor das mulleres do sector primario.
A recoñecida cociñeira, escollida como pregoeira destas Festas pola súa vinculación con Compostela, cidade na que naceu e na que desenvolve a súa vida e profesión e polo seu prestixio tanto a nivel nacional e internacional, ofreceu desde o balcón do Pazo de Raxoi un discurso dedicado «á mellor cidade do mundo» e ás súas xentes e defendeu a cociña que recupera o mellor da tradición local para reinterpretalo a través da modernidade.
Lucía Freitas arrancou o pregón resaltando a emoción que supón para unha picheleira abrir as festas da súa cidade, «é como ter outra «estrela» máis». E «dende o corazón e o sentimento de pertenza» debullou a súa vida, marcada pola decisión de ser cociñeira, na que foron claves «meu pai e o Mercado de Abastos».
A partir de aí, saíu fóra de Galicia para formarse e comezar a traballar «e para descubrir a morriña de Santiago e de Galicia. Fixo «un Camiño invertido», aínda que sempre tivo claro «que quería voltar para traballar dende aquí». Xa en Santiago, comezou un tempo de «esforzo sen recursos, traballo, humildade, sen socios capitalistas…» ata acadar recoñecemento internacional. Hoxe en día leva por bandeira o «orgullo de ser embixadora de Santiago e de Galicia polo mundo adiante».
E polo mundo adiante leva tamén a súa filosofía persoal, que na parte culinaria se basea «na vangarda primaria: a orixe, a esencia e a memoria para crear vangarda, inmersión e investigación na tradición e o pasado para innovar. Eu cociño Galicia». Pero que se completa coa «miña faceta activista, querer axudar e pór grans de area para cambiar a cousas a nivel social».
De este activismo nace o seu proxecto ‘Amas da terra’, que busca pór en valor «as mulleres invisibilizadas que son o sostén da gastronomía e do territorio: labregas, mariscadoras, horticultoras, cociñeiras de casas de comidas, gandeiras, produtoras, artesás…As facedoras, as coidadoras, as custodias dos saberes».
Tamén fixo fincapé na súa aposta pola promoción do comercio de proximidade e dun turismo sostible no que prime a calidade, ofrecendo tanto a visitantes como á veciñanza unha experiencia gastronómica que lles permita achegarse á nosa esencia.
Lucía Freitas rematou o seu pregón, acompañada pola alcaldesa, cunha referencia a Rosalía de Castro, «a nosa galega universal que me acompaña no día a día» e finalmente animou a «picheleiras e picheleiros, visitantes e amigas» a desfrutar das festas do Apóstolo. «Desfrutade da mellor cidade do mundo», engadiu antes de que voltase á praza a foliada popular que amenizou a tarde dende as 20.30 h. A xornada rematou na praza da Quintana co concerto da banda galega Dakidarría, que presentou o seu novo disco ‘XX’.
Lucía Freitas
Lucía Freitas naceu en 1982 en Santiago de Compostela (Galicia, España). Aos 19 anos comezou os seus estudos na Escola Superior de Hostalería de Artxanda (Bilbao).
Nas súa ampla traxectoria destaca o seu paso por Mugaritz, onde descubriu o mundo verde e as hortas e onde se impregnou da filosofía e dos valores que rodean o produto de proximidade e que, a día de hoxe, caracterizan o seu traballo. Tamén pasou por Relais Chateau como xefa de pastelería do seu restaurante Tápies, o que lle permitiu definir a súa visión económica e estratéxica da gastronomía como negocio e foi o momento chave que deu lugar á apertura do seu primeiro restaurante: A Tafona, inaugurado en 2009 en Santiago.
Desde entón, a chef galega logrou diversos recoñecementos: o segundo posto no concurso nacional Cociñeiro do Ano (2016), unha estrela Michelin (2018) e dous soles (2019) para A Tafona . Ademais en 2017 abriu os proxectos «Tomiño, Taberna Galega» en Nova York e LUME en Santiago. En 2020 lanzou a súa liña de xeados de autora, Cinza, e o seu delivery «Misto».
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)