Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Rois. 04-01-2024. Xa está todo preparado para a celebración este vindeiro domingo 7 de xaneiro da primeira edición do Trail e Andaina Montes de Oleirón que organiza o Concello de Rois.
Un total de 335 persoas inscribíronse nesta proba que conta con dúas modalidades diferenciadas: un trail, no que os case 120 atletas percorrerán 21,5 quilómetros, e unha andaina cun itinerario de dez quilómetros.
O polideportivo dos Dices será o punto de saída e de chegada deste trail que percorrerá Pontenova, Cornes, O Aido, Reibó, a caseta do monte de Santa Icía e a aldea de Abelendo, antes de voltar cara a Rois. Os puntos de avituallamento estarán situados no quilómetro 6 (Reibó), no 11 (Abelendo) e no 17 no cruce de catro camiños.
O trail, de natureza competitiva, está dividido en seis categorías: xeral, absoluta (ata 39 anos cumpridos o día da proba), veterano A (de 40 a 49 anos), veterano B (máis de 50 anos), por equipos e local. Poderá haber controis na saída, meta ou ao longo do percorrido.
Por outra banda, a andaina consta de dez quilómetros e é aberta ao público en xeral. Constará dun único punto de avituallamento no quilómetro 6,4 (cruce de catro camiños).
Tanto para o trail como para andaina, a recollida de dorsais efectuarase entre as 8.30 e as 9.30 horas no polideportivo dos Dices. Os participantes do trail tomarán a saída neste punto ás 10.00 da mañá e os da andaina farano un cuarto de hora máis tarde, ás 10.15 horas.
Os trofeos do gañador e da gañadora da categoría xeral consistirán nunhas tallas de madeira realizadas polo artista roisense Camilo Seira. Así mesmo, os tres primeiros clasificados das categorías xeral, absoluta, veterano e por equipos, así como o primeiro home e a primeira muller de Rois que crucen a meta, recibirán uns trofeos solidarios de madeira elaborados de xeito artesanal por persoas con discapacidade intelectual integradas na Asociación AMIPA.
Todas as persoas inscritas recibirán de agasallo unha camiseta co seu dorsal e poderán desfrutar duns petiscos ao rematar a proba.
Entre as sorpresas que se foron desvelando nos últimos días para esta estrea tan especial está a presenza do speaker Jabalí do Sacho, unha fichaxe de luxo con experiencia en animar e insuflar folgos nas probas de montaña de toda Galicia.
O Concello de Rois está firmemente comprometido coa organización desta gran cita deportiva e agradece á Deputación da Coruña, Gadis, Agronovo Rois, Casa Benjamín, Agroesparís e Panificadora San José a súa colaboración.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)