Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today18 octubre, 2026
O concello de Ames acolleu hoxe unha nova edición da carreira pedestre popular que se desenvolveu na localidade de Bertamiráns e a súa contorna. Na proba absoluta 10K masculina o gañador foi Mehdi Elnabaoui, cun tempo de 31.29. Na segunda posición quedou o atleta local de Ames, Lucas Pena, cun tempo de 32.03, e terceiro foi Salama Loutfi El Ghazali, cun tempo de 32.55. Na categoría feminina a gañadora foi Sandra Mosquera, cun tempo de 37.34. A segunda posición foi para Patricie Viadel Turjanicová, cun tempo de 38.07, e na terceira posición quedou Soledad Leiro, cun tempo de 38.34. Esta proba pertence ao XII Circuíto provincial de carreiras populares da Deputación da Coruña. Premendo nesta ligazón podes consultar todas as clasificacións da carreira pedestre.
A localidade de Bertamiráns acolleu hoxe domingo, 18 de outubro, a XXV edición da Carreira pedestre popular Concello de Ames, cuxa saída e chegada estivo situada na rúa Alcalde Lorenzo de Bertamiráns. Nesta proba inscribíronse 1.203 atletas. Deles, 682 inscribíronse nas categorías escolares femininas e masculinas (pitufos, prebenxamín, sub 10, sub 12, sub 14 e sub 16), mentres que na proba dos 10 quilómetros inscribíronse 521 corredores/as pertencentes á categoría absoluta e sub18.
Na proba absoluta 10K masculina o gañador foi Mehdi Elnabaoui, do Club de Atletismo Fent Camí Mislata, cun tempo de 31.29. Na segunda posición quedou o atleta local de Ames, Lucas Pena Carracedo, da Sociedade Ximnástica de Pontevedra, cun tempo de 32.03, e terceiro foi Salama Loutfi El Ghazali, cun tempo de 32.55.
Na categoría feminina a gañadora foi Sandra Mosquera Losada, do Comesaña Sporting Club, cun tempo de 37.34. A segunda posición foi para Patricie Viadel Turjanicová, do Club Atletismo Santiago, cun tempo de 38.07, e na terceira posición quedou Soledad Leiro López, da SD Compostela Atletismo, cun tempo de 38.34. Consulta a clasificación completa da proba 10K.
A clasificación por equipos estivo liderada polo Club Atletismo Sar con 291 puntos. En segunda posición quedou a SD Compostela Atletismo con 311, terceiro foi o Club Atletismo Fontes do Sar con 1127, e cuarto quedou o Noitebra FC con con 2150 puntos.
Premiación local 10K
A clasificación do corredores e corredoras locais do concello de Ames estivo liderada por Lucas Pena Carracedo e Laura Saavedra Delgado. Deste xeito, na categoría masculina os primeiros atletas locais en chegar á liña de meta foron Lucas Pena Carracedo, da Sociedade Ximnástica de Pontevedra, cun tempo de 32.03; Pablo Díaz Oíza, do Club Triatlón Inforhouse Santiago, cun tempo de 33.52; e Carlos Fraga Adrio, da SD Compostela Atletismo, cun tempo de 35.28.
Por outra banda, na categoría feminina as tres primeiras atletas foron Laura Saavedra Delgado, do Club Deportivo Brión Hyupersa, cun tempo de 42.44; Maica Viaño Nieto, cun tempo de 45.34; e Susana Nieto Pazos, cun tempo de 46.33.
Categorías sub18
Os/as atletas sub18 tiveron que dar unha volta ao circuíto completando 5,25 quilómetros. Na categoría masculina, subiron ao podio, Mauro Fuentes Sosa, do Club Atletismo Tambre, cun tempo de 16.56; na primeira posición; Martí Miguens Solana, do Atletismo Obradoiro, cun tempo de 17.15, na segunda posición; e Javier López San José, cun tempo e 17.51, na terceira posición.
Na categoría feminina a gañadora foi a atleta Icía Castro Fandiño, do Club Atletismo Tambre, cun tempo de 22.09; en segunda posición quedou Lucía Ros González, do Club Triatlón Inforhouse Santiago, cun tempo de 22.59; e a terceira posición foi para Carla Gil Leis, tamén do Club Triatlón Inforhouse Santiago, cun tempo de 22.11. Consulta as clasificación da categoría sub 18.
Categorías escolares
Cómpre destacar a gran cantidade de rapaces e rapazas que participaron nas carreiras das categorías pitufo/a, prebenxamín, sub 10, sub 12, sub 14 e sub 16. Preto de 700 rapaces e rapazas participaron nestas probas escolares. Unha gran cantidade de persoas presenciaron estas carreiras creando un gran ambiente na rúa Alcalde Lorenzo e nas súas proximidades. Podes consultar as clasificación das carreiras escolares premendo nesta ligazón.
Entrega de premios
Unha vez rematadas as carreiras, procedeuse á entrega de trofeos no podio instalado na rúa Alcalde Lorenzo. Foron galardoados cun trofeo os tres primeiros clasificados de cada categoría, masculina e feminina. Houbo tamén catro premios en metálico: 250 euros para o gañador, 200 para o subcampión, 100 para o terceiro clasificado e 50 para o cuarto. Na proba absoluta, ademais, tamén recibiron un trofeo os tres primeiros corredores empadroados no concello de Ames que chegaron á liña de meta. Os máis pequenos foron premiados cunha medalla.
Como vén sendo habitual durante as últimas edicións, tamén se entregou un trofeo aos tres primeiros clubs da carreira absoluta, e premios en metálico aos catro primeiros (250 euros para o gañador, 175 para o segundo clasificado, 100 para o terceiro e 75 para o cuarto).
Ademais, a empresa BeOne, que xestiona o Centro deportivo A Telleira, situado en Bertamiráns, agasallou á primeira atleta e ao primeira atleta, empadroados no concello de Ames que chegaron á liña de meta, cun vale de tres meses de ximnasio gratis.
Organización do evento
Organizada polo propio Concello, en colaboración coa Federación Galega de Atletismo, a proba pertence ao XII Circuíto provincial de carreiras populares da Deputación da Coruña. Nesta iniciativa tamén colaboraron os clubs de atletismo do concello (MillaRaio, Sar e Ames Atletismo). Ademais, a Policía Local organizou un operativo especial no que colaborou a Agrupación de Protección Civil de Ames e o club ciclista Os Esfola Arrós. O control da carreira correu a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo da delegación de Santiago de Compostela.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)