AD

Comarca

Melide reparte os seus doces tradicionais nos puntos de doazón para difundir a XXXIV Festa do Melindre

today22 abril, 2026

Fondo
share close
AD
  • Melide impulsa un ano máis o reparto dos seus doces tradicionais nos puntos de doazón para difundir a XXXIV Festa do Melindre
  • As accións comezarán o 29 de abril en Lugo e desenvolveranse tamén na Coruña, Santiago e Melide ata o 8 de maio, como antesala da cita dos días 9 e 10

O Concello de Melide colabora un ano máis coa Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue nunha campaña de difusión da Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional a través do reparto dos seus doces tradicionais nos puntos de doazón de sangue.

A iniciativa arrancará o vindeiro 29 de abril en Lugo, en horario de 09:30 a 14:30 horas, e continuará o 30 de abril na Coruña, de 15:30 a 21:00 horas. Xa no mes de maio, a campaña chegará a Santiago de Compostela o día 6, tamén en horario de tarde (15:30 a 21:00 horas), e rematará en Melide o 8 de maio, cunha xornada completa.

Durante estes días, as persoas que se acheguen a doar sangue recibirán melindres e outros doces tradicionais da vila, nunha acción coa que o Concello reforza a proxección da XXXIV Festa do Melindre, que se celebrará os días 9 e 10 de maio na localidade.

Esta proposta súmase a outras iniciativas desenvolvidas ao longo do ano para difundir a festa, como foron a presentación do cartel en Madrid no marco de Fitur, a promoción realizada en Foz durante o Certame de Baristas, ou a presenza recente en Santurtzi. Ademais, repartíronse 20.000 manteis de papel promocionais da festa entre establecementos de hostalería e restauración.

A XXXIV Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional, declarada Festa de Interese Turístico Galego no ano 2013, rende homenaxe aos tres doces que identifican a tradición reposteira da vila (melindres, ricos e amendoados), elaborados nos fornos locais seguindo receitas transmitidas de xeración en xeración. A celebración naceu no ano 1991 por iniciativa do Concello co obxectivo de protexer e poñer en valor este saber facer.

Programa da XXXIV Festa do Melindre

Sábado, 9 de maio
11:00 horas: apertura da feira.
11:30–15:00 horas: animación de rúa coa charanga Achicoria e Herba Grileira.
13:00–14:00 horas: obradoiro doce ‘Coas mans na masa’, con Mary Mosteiro.
17:00–18:00 horas: maridaxe de viños e doces con Martín Ribeirao.
18:00 horas: Actuación de Herba Grileira na Praza das Coles.
18:30–19:30 horas: showcooking ‘Melide en petiscos: saborosa memoria da tradición doce’, con Manuel Garea.
20:00 horas: peche da feira.

Domingo, 10 de maio
11:00 horas: apertura da feira.
11:30 horas: animación de rúa con Froito Novo, Os da Taberna e a charanga Brassica Rapa.
12:00 horas: nomeamento de embaixadores e pregón no Cantón de San Roque.
13:00 horas: animación musical nas rúas.
17:30 horas: concerto infantil tributo ‘Lembra Xabarín’, no Cantón de San Roque.
18:00 horas: peche da feira.
19:00 horas: Actuación de Sabela na Praza das Coles.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *