Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today21 febrero, 2024
O responsábel local agradece a implicación das persoas que participaron nesta campaña coa que se conseguiron 20.848 votos en Santiago (36,98%)
Sen extrapolar datos, posto que cada proceso electoral ten as súas especificidades, isto supón un pulo á actuación do Goberno local de Santiago
Míriam Louzao, portavoz municipal dos nacionalistas, participaba este mércores en directo en Radio Líder Santiago (97.7 Fm) unha vez concluída a rolda de prensa
Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2024.- O responsábel local do BNG, Xan Bello, e a portavoz municipal do BNG, Míriam Louzao, ofreceron unha rolda de prensa para trasladar a análise das eleccións galegas en Santiago de Compostela realizada polo Consello local do BNG, que valorou “moi satisfactoriamente os resultados, porque é a única forza que sobe en Compostela en porcentaxe e en número de votos”.
O BNG tivo un incremento de 8,38 puntos porcentuais con respecto ás anteriores eleccións e máis de 6.000 votos, “mentres o PP sobe sobre 2.000 votos pero baixa case 2 puntos e o PSOE baixa porcentualmente e en número de votos”, indicou Xan Bello. O BNG é, por tanto, a única forza que sobe en Santiago de Compostela e consegue 20.848 votos.
Ademais, o responsábel local agradeceu publicamente a implicación das persoas que participaron nesta campaña das eleccións galegas. Destacou o intenso labor desenvolvido no reparto de material informativo coa distribución de 33.500 dípticos, coladas de cartaces, instalación de bandeirolas e de faixas. Isto levou a unha “asistencia masiva nos actos organizados no Castiñeiriño, nas Fontiñas e, en especial, no mitin-festa de peche de campaña no Multiusos Fontes do Sar”.
O BNG en Santiago, xunto con Vigo, converteuse na cidade onde máis porcentaxe de voto se conseguiu (37%), mesmo superando en 5,5 puntos a media nacional, que estivo nun 31,57%
Pola súa parte, a portavoz municipal do BNG en Santiago, Míriam Louzao, agradeceulle a Xan Bello e a todo o equipo da organización local “o inmenso traballo desenvolvido nesta campaña”. Destacou que o BNG foi primeira forza en 16 colexios electorais de Santiago grazas ao elevado apoio recadado nas Fontiñas, nos Concheiros, San Pedro, Belvís, A Estila, A Almáciga, Sar, Lamas de Abade e Pontepedriña, entre outros. A isto súmanse zonas como As Cancelas, O Castiñeiriño, San Lázaro, Santa Marta e Vite onde tamén tiveron altos resultados.
Impulso á actuación do Goberno municipal de Santiago
“Sen extrapolar datos, posto que cada proceso electoral ten as súas especificidades, isto supón un pulo á actuación do Goberno municipal de Santiago, porque ademais da veciñanza que xa collera a papeleta do BNG en eleccións anteriores houbo moitas outras persoas que tamén deron o paso por vez primeira”, explicou. “Queremos agradecerlle o apoio ás que repetiron e tamén ás que se uniron a coller a papeleta do BNG e trasladarlles que estamos convencidas de que non imos defraudar e de que non será a única vez que apoien o BNG”, engadiu Míriam Louzao.
O BNG é unha forza “en expansión e non ten teito”, afirmou, “dixéronnos unha e outra vez que chegaramos ao noso teito e nós, teimudas, unha e outra vez rompemos esa profecía e alcanzamos un resultado histórico tanto en votos como en escanos”.
Agradeceu o electorado que votou o BNG porque 467.074 persoas (20.648 en Santiago) acreditaron na necesidade de que facía falta un cambio da Xunta liderado por Ana Pontón. “No BNG somos teimudas, cremos firmemente no noso proxecto, e desde este mesmo luns seguimos a traballar para conseguir ese cambio na Xunta que estamos seguras de que vai chegar”, sinalou.
O BNG sae fortalecido deste proceso electoral “e iso dános forzas para seguir defendendo os intereses da maioría social e achegándonos a sectores sociais cada vez máis amplos”.
A organización do BNG de Santiago valora este resultado das eleccións galegas “como positivo para continuar con máis azos”, tanto desde o Concello como desde o tecido social compostelán, “como levamos facendo todos estes anos e non só en campaña electoral, porque sabemos que contamos co apoio de milleiros de persoas que se uniron ás que con anterioridade xa apoiaran o BNG nas eleccións municipais e votaron con esperanza e con orgullo”, proseguiu.
Míriam Louzao transmitiu o agradecemento tamén a todas as persoas que colaboraron na campaña e ás que asistiron aos actos do BNG, onde destacou o voluntariado que traballou no acto multitudinario organizado no Multitusos Fontes de Sar, porque son partícipes deste resultado histórico de conseguir 25 escanos no Parlamento desde os que van defender os seus dereitos e trasladar iniciativas “para mellorar a calidade de vida de galegos e galegas e, por suposto da veciñanza de Compostela, como capital do país”, concluíu.
“Demandámoslle a Borja Verea que apoie os intereses da cidade”
A preguntas de xornalistas, indicou que mentres os deputados do BNG van seguir traballando por defender os intereses de galegos e galegas e, por suposto, de composteláns, Borja Verea decidiu repetir de novo como deputado no Parlamento galego e entendemos que o principal líder da oposición en Compostela debería traballar polos asuntos municipais. Nese sentido, sinalou, “seguiremos demandando que, cando menos, defenda no Parlamento os intereses de Compostela, como concelleiro que é”.
“Os feitos non nos permiten ser optimistas, porque nos últimos anos votou en contra de todas as iniciativas do BNG no Parlamento relativas a ter un Conservatorio Profesional de Danza, dun centro de día nas Fontiñas, do novo centro de saúde de Conxo, de crear vivenda protexida nesta cidade, de incrementar as partidas para o Estatuto de Capitalidade e do Consorcio”, explicou. Por tanto, “demandámoslle que cambie esa posición e que apoie os intereses desta cidade; imos darlle un voto de confianza pero o feito até agora non nos permite ser moi optimistas”, advertiu Míriam Louzao.
Louzao aproveitou a súa intervención para responder a Borja Verea sobre as manifestación realizadas en Radio Líder Santiago o pasado luns onde o popular manifestou que «os socialistas de Santiago pagaron moi caro nas urnas o seu apoio a Goretti Sanmartín», e onde engadiu que «os votantes socialistas composteláns están dicindo claramente que non queren unha alcaldesa nacionalista». A nacionalista mostrouse respetuosa con resto de forzas, pero aseguraba, «non saber de onde saca os datos o señor Verea para facer esas afirmacións», xa que «o BNG foi o partido que máis sumou en votos na capital». Louzao insistía en que «por moito que se repita unha mentira non se converte en verdade» e finalizou lembrando que «en Santiago a suma de votos do BNG e PSOE segue sendo maioritaria a do PP».
Escrito por Líder Redacción
18F balance bng bng santiago compostela Eleccions miriam louzao radio lider santiago
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)