AD

Destacado

25N | Melide pon o foco na mocidade e na saúde física e mental das mulleres

today8 noviembre, 2023

Background
share close
AD
  • O alumnado do IES e dos centros de educación primaria e infantil participará nas actividades a través da elaboración de senllos vídeos e podcast pola igualdade.
  • O 25N terá lugar a lectura do manifesto e unha andaina por Melide

Melide 8 de novembro de 2023.-  O Concello de Melide organiza durante o mes de novembro un amplo programa con motivo do 25-N, Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller. Un ano máis, a programación fai fincapé na importancia dunha formación en igualdade para a mocidade, complementada con actividades de interese para mulleres de calquera idade.

O programa dá comezo o mércores 8 de novembro no IES de Melide, onde o alumnado traballará nun obradoiro para preparar o vídeo que proxectarán o propio 25 de novembro.

Este obradoiro continuará o luns 13. Pola súa banda, ese mesmo día, ao longo da mañá, o alumnado de 5ª de Educación Primaria do CEIP Nº1 e do CEIP Mestre Pastor Barral participará nun obradoiro de elaboración dun podcast para o 25N.O venres 17 de novembro, o alumnado de 5º do CEIP Martagona levará a cabo o seu propio obradoiro para o podcast.

Na mesma mañá do luns 13, o alumnado do IES de Melide participará na actividade “AgresiónOFF. Eu digo non á violencia sexual”. Será a partir das 9.30h.

O martes 14 de novembro, o Centro Social acollerá ás 17h a primeira das dúas charlas dirixidas á muller. O tema será “Saúde mental e muller”, e impartiraa Area López, técnica de FEAFES (Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia). Para inscribirse, abonda con chamar ao 981 50 57 06 ou facelo no propio centro social.

A segunda charla levará por título “Solo pelviano” e será impartida pola fisioterapeuta Lorena Pampín ás 17h no centro social o martes 28 de novembro. As inscricións poden facerse a través das mesmas canles que no caso da charla anterior.

O mércores 15 de novembro, o alumnado de 4º de Primaria dos CEIP Martagona e Mestre Pastor Barral participará no Obradoiro “Desbotando a violencia”. O alumnado do CEIP Nº1 fará o propio ao día seguinte, xoves 16.

O luns 20 de novembro, o alumnado de 3º curso do IES de Melide participará nunha Escape Room temática. Será en dúas quendas durante a mañá e a tarde. Pola súa banda, o martes 21 de novembro, o alumnado de Educación Infantil do CEIPS Melide asistirá á función teatral “Contos vellos, novos finais”. Trátase dunha peza que avoga pola igualdade entre mulleres e homes.

O venres 24 de novembro, o esforzo do alumnado de Melide terá a súa recompensa coa publicación nas redes sociais do vídeo elaborado nos distintos obradoiros con motivo do 25-N. Unha oportunidade única, novamente, de dar voz á mocidade contra a violencia de xénero e a prol da igualdade.

O sábado 25 de novembro procederase á lectura do manifesto ás 10h na Praza do Convento. Posteriormente, terá lugar unha andaina circular por Melide de 6,5 quilómetros para a que se abrirán as inscricións o vindeiro día 13, no departamento de Deportes do Concello ou por medio da APP Sporttia.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%