Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today9 abril, 2025
A Estrada, 9 de abril de 2025.- O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, regresou esta mañá ás aulas do que foi o seu instituto, o IES Manuel García Barros. O alumnado escolleu ao rexedor como protagonista da entrevista principal do programa “Fala que Fala”, un espazo co que a emisora Radio Líder, en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua, leva a radio en directo aos centros de ensino para fomentar o uso do galego entre o alumnado de 1º e 2º da ESO. No programa participou tamén o secretario xeral da Lingua, Valentín García.
Moi relaxado e recoñecendo a súa satisfacción ao atoparse nun instituto no que foi moi feliz, Louzao Dono compartiu cos alumnos que foi no García Barros onde medrou nel o gusto pola política. Lembrou que foi aquí delegado da clase e, despois, presidente da xunta de delegados. Aínda que coas dúbidas lóxicas ao remate do Bacharelato, sinalou que non tardou en encamiñarse cara o estudo de Ciencias Políticas e da Administración na Universidade de Santiago de Compostela (USC), estudos que completou con un mestrado en Marketing e Comunicación Política.
O alcalde explicou que pasou polas aulas do IES Manuel García Barros entre os anos 2006 e 2012. Os alumnos quixeron saber cal foi a súa materia de estudo preferida e el non lles ocultou que o seu gusto polas letras lle fixo preferir sempre Lingua Galega. “Pero aínda lembro con agarimo exercicios de Lingua Castelá, como a análise da frase Bocadillo de calamares caliente”, lembrou rindo o mandatario, dirixindo estas palabras á que foi a súa profesora, Maile Leis, tamén presente na sala.
Os rapaces reflexionaron sobre a importancia da figura dun alcalde como xestor dos recursos necesarios para tentar mellorar a vida dos seus veciños e preguntaron a Louzao Dono se, cando está a piques de cumprirse o seu primeiro ano na Alcaldía da Estrada, se sinte feliz como xefe do executivo local. O rexedor asegurou que, tras o período necesario de adaptación tras pasar de seren edil de Urbanismo e Medio Rural a coller o bastón de mando, está contento no cargo que ocupa, aínda que é moi consciente da responsabilidade e do esforzo que require polo ben común.
Aproveitando o micro aberto, Gonzalo Louzao animou aos estudantes a desfrutar ao máximo dos seus anos no instituto e a estreitar lazos de amizade que, dixo, de seguro se prolongarán no futuro. Atendendo á promoción da lingua galega que fai o programa, o mandatario recoñeceu que o galego é o idioma que emprega no seu día a día como alcalde e na súa vida persoal, avogando pola importancia de que o alumnado o utilice e o valore como lingua de seu.
Houbo tamén tempo para as recomendacións de libros e series en galego. Saíron nomes como o do libro “Uxa” ou a serie “A luz que non podes ver”. Pola súa banda, o mandatario deixou a súa propia, “tirando para a casa”: “A noite do Oso”, premio Manuel García Barros. O alumno Marcos Sesar puxo o broche a este bloque do programa: “Consume en galego!”, animou enérxico.
O programa “Fala que Fala” busca tamén poñer en valor o traballo realizado polos departamentos de lingua galega nos centros educativos, ao tempo que achega aos estudantes a figuras destacadas da súa contorna, reforzando así a conexión coa súa realidade máis próxima.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)