Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today13 septiembre, 2024
Padrón. 13-9-2024.- O alcalde de Padrón, Anxo Arca, mantivo onte unha reunión coa subdelegada do Goberno na provincia da Coruña, María Rivas, e con representantes de ADIF e do Ministerio de Transportes a quen lles solicitou un arranxo integral da estrada N-550 ao seu paso polo municipio para mellorar a seguridade viaria, co repintado de todas as marcas viarias, pasos de peóns elevados e beirarrúas nas zonas máis poboadas. Anxo Arca tamén solicitou melloras na estación de tren da Matanza, para facilitar a accesibilidade e evitar que as persoas teñan que esperar á intemperie os trens rexionais, e na estación da Escravitude.
Anxo Arca trasladoulle a María Rivas e aos representantes de ADIF e de Transportes as necesidades máis urxentes para mellorar a seguridade viaria na N-550. A subdelegada do Goberno comprometeuse a trasladar estas peticións e a facer as xestións necesarias para por en marcha este proxectos o antes posible, para poder financiar algúns deles con fondos europeos.
Ademais do repintado de todas as marcas viarias e mellora do firme, Anxo Arca solicitou que todos os pasos de peóns que non estean regulados por semáforos pasen a ser pasos de peóns elevados con bandas rugosas previas ou sinalización lumínica. Fixo especial mencións aos pasos da Ponte, o que está fronte ao xardín botánico e o da Escravitude que está preto a Castaño Bascoy que é o máis utilizado polos peregrinos nesta localidade.
Así mesmo, o alcalde pediu que se constrúan beirarrúas a ámbolos lados da calzada no tramo que vai da Ponte ata Padrón; dende Iria (Fundación Cela) ata o hotel Sacala e no núcleo histórico da Escravitude. Unha medida, dixo, que mellorará a seguridade dos milleiros de peóns que pasan por estas zonas.
O goberno padronés tamén propón facer tres novas rotondas, na Picaraña (diante de gaseosas Feijó), na Escravitude (fronte a Castaño Bascoy) e en Iria (na intersección da Azucreira), ademais da mellorar estética da que está xunto ao hotel Scala. Tamén pediu trasladar o radar da Escravitude á zona limitada a 50 km/h no núcleo histórico desta localidade.
Accesibilidade na Matanza
O alcalde tamén tivo peticións para ADIF, ao que reclama elevar os andéns da estación da Matanza para facilitar que as persoas poidan subir aos trens, xa que a actual diferencia de nivel dificulta a accesibilidade aos vagóns, sobre todo para menores, persoas maiores ou con mobilidade reducida.
O concello tamén solicita unha cuberta e bancos no andén 2 desta estación, para que as persoas que utilizan os trens rexionais non teñan que esperar á intemperie. Anxo Arca pediulle a María Rivas que se elimine ou se arranxe o muro que linda coa avenida da Estación.
En canto a estación da Escravitude, actualmente en desuso, o concello pide a limpeza de todo o recinto e a retirada de materiais alí depositados; eliminar as árbores existentes preto da estrada N-550, e a cesión oa concello dos terreos desta estación pegados á N-550.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)