AD

Comarca

O BNG de Ribeira reclama ao Concello que rectifique o recorte no servizo de conciliación

today9 septiembre, 2026

Fondo
share close
AD
  • Pérez Barral apoia ás ANPAS e pide recuperar a flexibilidade do curso pasado para que cada centro decida se destina a hora de monitorado a madrugadores ou comedor

Ribeira, 9 de setembro de 2026. — O Bloque Nacionalista Galego reclama ao Goberno municipal do Partido Popular que rectifique de inmediato as modificacións introducidas este curso no programa municipal de conciliación e que atenda as demandas trasladadas polas nove ANPAS dos centros educativos de Ribeira.

O BNG mantivo un contacto estreito e directo coas asociacións de nais e pais nos últimos días e considera plenamente razoables as súas reclamacións, especialmente tendo en conta que o curso escolar comeza sen que as familias conten coa información e coa planificación necesarias sobre un servizo fundamental para a conciliación da vida laboral e familiar.

Os nacionalistas lembran que esta medida pioneira do programa de conciliación púxose en marcha o ano pasado con Luís Pérez Barral como alcalde, quen se reuniu con todas as Anpas para acordar que o Concello sufragaría unha hora de monitorado en cada centro público do municipio, deixando ademais nas mans de cada ANPA a decisión de destinala ao servizo de madrugadores ou ao comedor escolar, en función das necesidades concretas de cada comunidade educativa.

“O que fixemos foi escoitar as ANPAS e darlles liberdade para decidir onde era máis necesaria esa hora de monitorado. Non todos os centros teñen as mesmas necesidades e non todas as familias teñen os mesmos horarios”, sinala o exalcalde e portavoz Luís Pérez Barral. Porén, o Partido Popular decidiu modificar este ano o funcionamento do programa, facendo que comece en outubro e establecendo que a hora de monitorado se destine exclusivamente ao servizo de madrugadores. Ademais, introduce un mínimo de oito nenos e nenas para que o servizo poida funcionar.

Grazas á presión exercida polas Anpas e o BNG rectifican e comezará o día 14 cando a pretensión era deixar tiradas ás familias todo o mes de semtembro. Mais tamén deben reunirse coa comunidade escolar e coñecer as necesidades e eliminar a imposición dos 8 nenos e nenas ou de que só se sufraga o servizo de madrugadores e non comedor.

Estas decisións supoñen un paso atrás e prexudican os centros máis pequenos das parroquias. “Non ten sentido aplicar unha mesma solución a nove centros que teñen realidades completamente diferentes. Nalgúns a principal necesidade é o servizo de madrugadores e noutros é o comedor. O Concello debe poñer os recursos públicos ao servizo das necesidades das familias, non obrigar as familias a adaptarse a unha decisión tomada desde un despacho”, afirma o portavoz nacionalista.

Luís Pérez, que estivo acompañado das concelleiras Cruz Rivadulla e Antía Alberte, considera especialmente grave que o Concello non mantivese unha reunión coas ANPAS para abordar estas modificacións. As asociacións xa trasladaran esta cuestión no Consello Escolar Municipal celebrado o pasado mes de maio e, segundo denuncian, desde entón non recibiron a información nin a resposta comprometida polo Goberno municipal.

“Se o Concello tivese escoitado as ANPAS, probablemente non estariamos hoxe nesta situación. Levamos todo o verán vendo a María Sampedro e o seu equipo do PP de festa en festa e de foto en foto, pero gobernar non é iso. Gobernar é escoitar, planificar e atender as necesidades da veciñanza. E hoxe, no primeiro día do curso, temos familias que non saben como vai funcionar un servizo básico de conciliación, ANPAS ás que non se lles dá resposta e problemas co transporte escolar. As fotografías poden quedar ben nas redes sociais, pero a prioridade dun goberno debe ser que os servizos públicos funcionen e dar solución aos problemas reais das familias”, denuncia Luís Pérez Barral.

O BNG reclama ao Goberno municipal que elimine o requisito mínimo de oito usuarios, recupere a flexibilidade para que cada centro poida escoller entre madrugadores e comedor e garanta o inicio do servizo desde o comezo do curso, ademais de establecer unha canle de comunicación directa e estable coas ANPAS.

Problemas tamén no transporte escolar

A esta situación súmase o mal funcionamento do transporte escolar no primeiro día do curso, con incidencias que afectaron alumnado de centros como Palmeira e Aguiño, así como a estudantado dos institutos. “É inadmisible que no primeiro día de curso teñamos novamente problemas co transporte escolar. As familias necesitan saber que os seus fillos e fillas poden acudir aos centros con normalidade e seguridade”, sinala o portavoz do BNG.

Para o Bloque, o comezo do curso está poñendo de manifesto unha falta de planificación e de capacidade de resposta por parte do Goberno municipal ante cuestións que afectan directamente ao día a día das familias. “Mentres o Goberno municipal está de festa en festa e de foto en foto, hai familias que están intentando saber como van conciliar, ANPAS que non conseguen reunirse co Concello e alumnado que ten problemas para chegar aos seus centros. A prioridade dun goberno municipal debe ser resolver os problemas da veciñanza”, critica Pérez Barral.

O BNG reclama, por tanto, ao Goberno do Partido Popular que rectifique, escoite as ANPAS e se poña a traballar para garantir un servizo de conciliación flexible, útil e adaptado á realidade de cada centro, así como para reclamar e coordinar as solucións necesarias ás incidencias do transporte escolar.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *