Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today29 abril, 2026
Santiago de Compostela, 29 de abril de 2026.- Representantes do BNG de concellos do contorno de Santiago e en concreto de Santa Comba, Negreira, Brión, Ames, Rois, Padrón, Ordes, Trazo, Oroso e Vedra, xunto coa responsábel comarcal, entregaron no Parlamento as 2.410 sinaturas de persoas usuarias recollidas co fin de esixir á área de Mobilidade da Xunta de Galiza que poña fin ao deterioro e á diminución do servizo na comarca.
As e os representantes municipais e as persoas membros das direccións locais dos concellos onde se realizou a recollida de sinaturas, acompañados pola responsábel comarcal do BNG, foron recibidos pola deputada nacionalista Saleta Chao Rivas e o deputado Paulo Ríos Santomé. Ambos participaron no acto de entrega das sinaturas, previo ás iniciativas que, no mesmo sentido delas, defenderán no Parlamento.
Con esta acción da campaña desenvolvida baixo o lema “Transporte público e de calidade, XA”, o BNG da comarca de Santiago recolle e faise eco da demanda das persoas usuarias do servizo que veñen sufrindo o seu deterioro. De maneira especial, as persoas que acoden aos centros de traballo e tamén aos centros de ensino e que se viron obrigadas a buscar, de maneira urxente, alternativas ao transporte público .
A campaña pon o foco en problemas recorrentes que comprometen o dereito á mobilidade e impactan directamente na vida cotiá da veciñanza. Frecuencias insuficientes ou non adaptadas ás demandas da poboación, prazas insuficientes en determinados horarios, supresión de liñas, cambios de horario sen información previa, mal estado de conservación dos autobuses ou falta de atención ás persoas usuarias son algúns dos problemas que sofre a veciñanza que quere facer uso dos autobuses.
Os servizos e, en concreto, o transporte público é básico para facilitar a vida no rural. A falta dun transporte público de calidade, que, cando menos, facilite a comunicación cos centros de traballo, de educación, de saúde ou administrativos, obriga ao uso do vehículo privado, contribuíndo ao despoboamento do rural e freando a transición cara a unha mobilidade sostíbel, especialmente preocupante no actual contexto de emerxencia climática.
A campaña tivo outras accións previas a nivel local que incluíron o debate nos Plenos municipais das principais demandas e continuará con outras iniciativas, encamiñadas todas a resolver os problemas actuais, que se resumen na necesidade de mellora da calidade do servizo con horarios que respondan ás necesidades da poboación, tanto traballadora como escolar.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)