AD

Destacado

O BNG pide un cara a cara «sen filtros» entre Pontón e Rueda na TVG

today2 enero, 2024

Fondo
share close
AD

 

 

 

  • O Bloque sae a por todas e anuncia a campaña máis intensa da súa historia, con centos de actos ao longo e ancho do País para dar a coñecer o seu programa
  • “Será unha campaña en positivo, lonxe das liortas das forzas estatais que nada teñen que ver coas as preocupacións da xente”, asegurou Rubén Cela

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro, 2023.  O coordinador da campaña do BNG, Rubén Cela, vén de remitir unha carta ao director xeral da CRTVG para solicitar a celebración dun debate entre Ana Pontón e Alfonso Rueda para que os galegos e as galegas podan coñecer “sen filtros” as dúas alternativas con posibilidades reais de liderar o próximo goberno da Xunta.

“É esencial en democracia o contraste das opinións e que a cidadanía poida contrastar os e as candidatas e as súas alternativas programáticas”, asegurou Cela, e por iso o BNG xa confirmou a súa participación nos tres debates que se propuxeron até o día de hoxe (na Cadena Ser o día 2, na TVG o 5 e en  TVE o 14).

A maiores,  a formación nacionalista reclama outro debate nos medios públicos galegos a celebrar na segunda semana da campaña electoral, así como un cara a cara entre a líder da oposición e o presidente da Xunta. “Non pedimos nada estraño, TVE xa o fixo no marco das pasadas eleccións xerais”, afirmou Cela, para quen un debate entre os dous candidatos con posibilidades reais de liderar o goberno que saia das urnas o 18-F, tal e como indican as primeiras enquisas publicadas, é “o lóxico, o normal, o democrático e o máis razoable”.

“É o que demanda a cidadanía galega”, engadiu, polo que emprazou a Rueda e ao PP “a que non se agochen, que non lle teñan medo a debater e que permitan que os medios públicos cumplan coa súa función nun proceso electoral como este”. Insistiu en que o BNG acudirá a todos os debates porque o contrario, dixo, “é covardía e un desprezo á cidadanía”.

Rubén Cela fixo estas declaracións tras reunión do comité de campaña,  unha campaña que “será a máis intensa da historia do BNG” con centos de actos ao longo e ancho do País para dar a coñecer as propostas da formación de cara á vindeira cita coas urnas. “Saimos a por todas” subliñou, cunha campaña “propositiva e en positivo” que será contrapunto “ás liortas das forzas estatais que pouco o nada teñen que ver coa realidade do País e coas necesidades e preocupacións da poboación galega”.

Homenaxe nacional a Castelao. A intensa axenda de actos do Bloque arrancará o vindeiro día sete en Rianxo. Será un “acto especialmente simbólico” na localidade natal de Castelao, ao que se renderá homenaxe aproveitando a efeméride do seu nacemento. Será o “pistoletazo de saída” a un programa que incluirá “actos masivos” e de carácter sectorial, así como algunha “sorpresa” que o BNG irá desvelando en vindeiras datas.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%