Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Ames, 27 de abril de 2026 – O Club Baloncesto Ames converteuse esta pasada fin de semana no novo campión da 3ª División Sénior Masculina da zona de Santiago. O club amesán, que esta tempada cumpre vinte anos, impúxose na final da fase eliminatoria ao ADB Fontiñas, a quen gañou tanto no partido de ida como no de volta cunha vantaxe de 18 puntos. Con este logro, o conxunto dirixido por Daniel Fentes poderá seguir facendo historia acadando o primeiro ascenso do seu palmarés.
O Club Baloncesto Ames é o novo campión da 3ª División Sénior Masculina da zona de Santiago logo de impoñerse a dobre partido na final da fase eliminatoria ao ADB Fontiñas. Deste xeito, o conxunto amesán engade por primeira vez este título ás súas vitrinas e poderá pechar a xesta se acada o ascenso de categoría neste treito final da tempada.
Logo de firmar unha excelente fase regular na que o equipo foi de menos a máis, o conxunto de Ames fixo o propio nunha fase de eliminatorias impecable, na que firmou resultados sólidos e folgados. Xa na final, venceron, tanto na ida como na volta, cunha vantaxe de 18 puntos ao, ata nese momento, campión da categoría.
Malia a diferenza de puntos no marcador tanto na ida como na volta, a eliminatoria foi moi disputada, o que supuxo unha gran festa do baloncesto. Ambos equipos firmaron un espectáculo vibrante, o que pon máis aínda en valor a xesta acometida polo Club Baloncesto Ames, que pode poñer o ramo ao seu vixésimo aniversario acadando o ascenso de categoría.
Fase de ascenso
Dito ascenso, neste punto, é unha oportunidade histórica para seguir construíndo o camiño da entidade, un fito inédito nos vinte anos de idade que o club celebra esta campaña. Para iso, deberán enfrontarse a unha fase de ascenso contra os campións e subcampións das oito delegacións galegas que conforman a 3ª División Sénior Masculina.
Dita fase confórmase como unha sorte de liguiña: o campión e subcampión de cada delegación entran nun sorteo puro do que se extraerán catro grupos de catro equipos. A partir de aí desenvolverase un calendario a ida e volta no que o campión de cada un destes catro grupos ascenderá de maneira directa á 2ª División Sénior Masculina.
Este título ligueiro é só o primeiro paso, xa que o Club Baloncesto Ames centra agora os seus esforzos na fase de ascenso, co obxectivo de seguir levando o nome de Ames ao máis alto do baloncesto galego.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)