Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
O concelleiro de Sustentabilidade Ambiental e Servizos Básicos, Xesús Domínguez, informou, aproveitando unha iniciativa presentada no pleno polas concelleiras Non Adscritas, de que nas últimas semanas se pintaron case 200 bancos na contorna da Alameda. Ademais, o departamento que dirixe encargou unha memoria para a reparación dos bancos de Sargadelos, tamén situados na Alameda, co obxectivo de restauralos proximamente e seguir afondando na renovación e reacondicionamento do mobiliario urbano.
Estas actuacións súmanse á renovación das madeiras e pintado de 40 bancos en todo o barrio das Fontiñas, ámbito no que está prevista a reparación doutros 43 bancos desta mesma tipoloxía que xa están contabilizados.
Cómpre lembrar que nas obras que o Concello está a executar recentemente e nas que están en marcha tamén se incluíu a renovación total do mobiliario. Así, no barrio da Pontepedriña estanse instalando bancos novos, duplicando os preexistentes, e tamén se instalaron novos asentos deste tipo nas rúas do Hórreo, Triacastela ou Almáciga. E tamén se continuará coa colocación de bancos noutras rúas como Mallou. O Concello ten unha partida específica de 23.000 nos orzamentos de 2026 para mobiliario de carácter urbano.
E neste sentido, Xesús Domínguez tamén lembrou que o Concello está a reflexionar e impulsar un novo modelo urbano para o Ensanche, que se formalizará en primeiro lugar coa redacción do proxecto para a rúa Santiago de Chile. O Concello lanzou unha enquisa para coñecer a opinión da veciñanza na que se preguntou especificamente polo mobiliario urbano. A esta enquisa responderon 551 persoas, das cales máis da metade defendeu a importancia de ampliar o espazo peonil e favorecer a interacción social con espazos para sentar. “Concordamos con estes criterios. Este é o modelo que tamén defendemos para o Conector Central, para o espazo que se liberará na parcela do antigo Peleteiro ou para outros proxectos que se están a redactar para transformar a cidade”, afirmou Domínguez.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)