Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today5 marzo, 2024
«Agora a xente xa atopa sitio para aparcar», asegura Xan Duro, concelleiro de Mobilidade en Radio Líder Santiago
O responsable da área de Mobilidade en Santiago, Xan Duro abordou en Radio Líder Santiago a posta en marcha da zona ORA en distintas rúas na contorna do CHUS. Unha decisión que responde á complicada situación do aparcamento na zona. «Nestes días a xente xa atopa sitio para aparcar e antes non pasaba», afirma. Unha decisión que «é un parche» xa que a ORA non é a solución definitiva para dar resposta ao colapso diario que viven centos de persoas que tentan, con moita paciencia, estacionar o seu vehículo para acudir a unha cita médica ou visitar a un familiar ingresado no complexo.
Para Duro a solución pasa porque a Xunta de Galicia axilice con urxencia a construcción do moi necesario aparcadoiro que cubra as necesidades reais de mobilidade na zona do hospital compostelán. Tras a construcción desta nova infraestructura, o edil estudará de novo a situación das rúas próximas ao complexo coa posibilidade de retirar os parquímetros e a zona azul, algo que Duro, «non descarta».
O concelleiro tamén falou da lei de baixas emisións que afecta a todas as cidades de máis de 50.000 habitantes e que limita o uso de vehículos de combustión en determinadas zonas urbanas. No caso de Compostela, o edil confirma que nunha primeira etapa esta normativa só afectará ao casco vello e, precisa, «os residentes quedarán exentos desta medida», teñan o vehículo que teñan.
Na entrevista tamén se falou dos Orzamentos Participativos da área de Xuventude, cuxo prazo de votación ampliouse ata o 10 de marzo.
A Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude vén de ampliar, ata o próximo día 10, o prazo para votar nos Orzamentos Participativos de Mocidade. Faino despois de ter constatado un repunte da participación no proceso nos últimos días, e diante da solicitude de varios centros educativos de habilitar puntos para a votación presencial. A día de hoxe xa se tén superado o número de persoas participantes con respecto a anteriores procesos de Orzamentos Participativos de Mocidade impulsados desde o Concello de Santiago.
O prazo para votar nos Orzamentos Participativos de Xuventude ficará aberto ata o próximo 10 de marzo ás 23:59 horas. A través da web decide.santiagodecompostela.gal poden participar todos os mozos e mozas de entre 16 e 30 anos que residan, traballen ou estuden en Santiago. No caso de non estaren empadronados ou empadronadas, será preciso remitir algún documento que acredite o vínculo con Compostela, como unha copia do carné de estudante, da matrícula, ou do contrato laboral. Ao longo da semana, o departamento de Xuventude instalará puntos para a votación en diferentes centros de ensino, que xa se involucraran tamén no proceso a través de obradoiros formativos na fase de recollida de propostas.
Para a fase da votación dos Orzamentos Participativos da Concellaría de Xuventude foron validadas un total de 103 propostas, distribuídas en 15 categorías: Festivais de música e algo máis; Arte urbano e expresións artísticas; Culturas; Cine; Ciencia, Coñecemento, saberes; emprendemento; Ecoloxía e sostibilidade; Economía circular; Gastronomía saudable; eMocidade; Práctica deportiva; Igualdade, diversidade e educación sexual; Inclusión; Saúde; e Dereitos dos animais.
Na fase de recollida presentáronse ata 280 propostas, pero moitas delas foron agrupadas porque eran coincidentes, e outras non cumprían os requisitos técnicos en canto á súa viabilidade, límite orzamentario ou competencia municipal. Na votación, cada persoa deberá seleccionar obrigatoriamente tres propostas, indicando o seu grao de preferencia.
Written by: Líder Redacción
aparcadoiro chus compostela mobilidade radio lider santiago santiago xan duro
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)