Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today23 noviembre, 2023
23/11/2023.- O Goberno Local iniciou o procedemento para preservar a calidade ambiental e paisaxística da Finca do Espiño, unha peza clave do sistema de zonas verdes da cidade catalogada como finca singular no Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1). Con este obxectivo, proporá ao Pleno Municipal a vindeira semana a aprobación inicial dunha modificación puntual do PXOM e do PE-1 que suprima o aproveitamento lucrativo previsto na parcela privada de 8.012 m2 situada no perímetro do parque, eliminando a edificabilidade e os usos privados previstos no planeamento aprobado en 2004 para este espazo onde se funden a cidade histórica e a contorna natural de Compostela.
«A Finca do Espiño é un miradoiro excelente sobre a fachada oeste da cidade histórica, que constitúe o perfil máis característico e recoñecible de Compostela», explicou o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás. «Inscríbese, ademais, nunha contorna ambiental de gran valor, atravesada polo río Sarela e enmarcada polo monte Pedroso. Tamén dende a cidade histórica, e dende a propia praza do Obradoiro e dende a Alameda, resulta perfectamente visible o ámbito sobre o que se actúa co obxectivo de preservar os seus valores ambientais e paisaxísticos».
Segundo indicou o concelleiro, a modificación puntual que se somete a aprobación no Pleno deste mes «establece, ademais, condicións específicas de integración ambiental do conxunto, incluído o mantemento do arborado de interese e, na medida do posible, das trazas dos muros e dos bancais que definen o relevo do lugar».
O planeamento vixente distingue dúas zonas no ámbito suxeito a esta modificación puntual: unha zona cualificada como dotación pública, que inclúe os parques urbanos PU-14.1.b e PU-FE e mais o equipamento SC-FE; e unha zona edificable de titularidade privada, a parcela EM-FE, de 8.012 m2, disposta no perímetro do ámbito, con aproveitamento lucrativo, na que permite edificar un volume de 10.500 m2 construídos susceptible de albergar distintos usos de carácter privado: asistencial, sociocultural, sanitario, hoteleiro e residencial comunitario.
A ordenación vixente foi aprobada en 2004 como trasposición ao planeamento urbanístico dun anteproxecto asinado por Jean Nouvel hai máis de dúas décadas que non chegou a materializarse. Esta ordenación, incorporada ao PXOM a través da sús disposición transitoria cuarta, é hoxe dificilmente asumible, «pois alteraría notablemente a paisaxe e a mobilidade nun espazo de gran valor e fraxilidade ambiental», destacou o concelleiro. Ademais, o relevo do terreo fai que a implantación das edificacións previstas implique necesariamente realizar movementos de terra significativos e encaixalas contra un muro de contención dos terreos con difícil integración paisaxística.
A rede viaria existente, por outra banda, tamén condiciona a correcta materialización da ordenación prevista no planeamento que se pretende modificar, xa que o tráfico rodado tería que atravesar necesariamente a ponte do Carme de Abaixo ou a ponte de Santa Isabel, ambas as dúas de escasa capacidade para un intenso tránsito de vehíuculos polo seu ancho limitado. Tamén a ordenación vixente representa problemas de accesibilidade por mor das fortes pendentes lonxitudinais e transversais do ámbito.
De acordo coa nova ordenación proposta, ao solo cualificado como PU-FE aplicaráselle a ordenanza do sistema de parques, xardíns urbanos e espazos libres do PXOM (artigo 137). Ao solo cualificado como SC-FE, que inclúe o palacete e os xardíns vinculados a el, cuxo uso previsto é sociocultural compatible con calquera outro dotacional público que o Concello considere de interese, aplicaráselle a ordenanza de equipamentos públicos do PXOM (artigo 136).
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)