Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today1 junio, 2026
O arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández, nomeou este luns a Roberto Martínez Díaz, párroco de Padrón e da Colexiata de Iria Flavia, como novo canónigo da Santa Apostólica Metropolitana Igrexa Catedral de Santiago de Compostela.
O nomeamento supón un importante recoñecemento á traxectoria pastoral, á dedicación e ao compromiso de don Roberto ao servizo da Igrexa e das comunidades parroquiais que ten encomendadas. A súa incorporación ao Cabido Catedralicio convérteo nun dos responsables da vida litúrxica, pastoral e institucional da Catedral compostelá, ademais de custodio do sepulcro do Apóstolo Santiago, un dos símbolos relixiosos máis relevantes de Galicia e destino de millóns de peregrinos procedentes de todo o mundo.
A nova foi recibida con grande satisfacción en Padrón, onde a figura de don Roberto goza dun amplo recoñecemento polo seu labor pastoral e pola súa implicación na vida social e relixiosa da vila.
Desde a Cofradía do Santo Enterro expresaron tamén a súa ledicia por este importante acontecemento. A entidade considera o nomeamento unha merecida distinción e un motivo de orgullo para toda a comunidade parroquial padronesa.
Nun comunicado, a Cofradía destacou que a designación de don Roberto como membro do Cabildo Catedralicio representa un recoñecemento ao seu servizo á Igrexa e á sociedade, ao tempo que reforza os vínculos entre Padrón e a Catedral de Santiago.
A Cofradía do Santo Enterro uniuse ao gozo dos fregueses e veciños da vila e trasladou os seus mellores desexos ao sacerdote nesta nova etapa da súa vida ministerial, elevando oracións para que o Señor continúe guiando o seu labor sacerdotal e as responsabilidades que agora asume ao servizo da Igrexa de Santiago.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)