AD

Comarca

Arzúa adxudica a mellora de dúas pistas en Burres e A Castañeda

today14 octubre, 2026

Fondo
share close
AD

As obras, cun orzamento de mais de 68.000 € renovarán o firme de 950 metros na conexión entre a AC-240 e a N-547 e no camiño da Pena a Faraldo, con actuacións de drenaxe e nova sinalización.

Arzúa, 14 de outubro de 2026. O Concello de Arzúa adxudicou por 68.887,72 euros, IVE incluído, as obras de mellora de dous viarios nas parroquias de Burres e A Castañeda. A intervención permitirá reparar o pavimento e mellorar as condicións de circulación na vía que conecta a AC-240 coa N-547, en Burres, e no camiño da Pena a Faraldo, na Castañeda.

O proxecto abrangue un total de 950 metros e combina a renovación do firme coa mellora da evacuación das augas e da sinalización. Os traballos atenderán tanto a superficie pola que circulan os vehículos como as zonas deterioradas dos bordos da calzada, co obxectivo de facilitar os desprazamentos da veciñanza e conservar os accesos ás parroquias.

En Burres actuarase sobre dous treitos de 70 e 530 metros, ademais das zonas de acceso e dos puntos onde se amplía a calzada. Tras reparar as fochancas, estenderase unha capa de seis centímetros de aglomerado en quente.

Na Castañeda, a mellora do camiño da Pena a Faraldo cubrirá 350 metros de lonxitude. Neste caso, o proxecto prevé reparar as fochancas e os bordos deteriorados antes de aplicar unha nova capa de aglomerado de cinco centímetros de grosor. A actuación incluirá tamén as zonas de acceso ao viario.

Ambas as intervencións completaranse coa apertura de gabias e a limpeza dos pasos de auga para facilitar a drenaxe e evitar que a acumulación de auga deteriore o pavimento. Por último, pintaranse as liñas de bordo e os símbolos viarios previstos no proxecto.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *