Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today2 octubre, 2024
O pleno extraordinario do Concello de Touro, celebrado o pasado 30 de setembro, resultou nunha importante decisión: a maioría dos grupos municipais (PP, BNG e un concelleiro de MVT) votaron a favor da cancelación da conta bancaria aberta polo alcalde no Banco Sabadell de Bertamiráns. A sesión, convocada a instancias do Grupo Popular, centrouse na polémica decisión do rexedor de transferir os fondos municipais a unha sucursal deste banco, situada fóra do concello.
O alcalde xustificou o traspaso argumentando que o Sabadell ofrece un 2,25% de intereses, fronte ao 2% que ofrece Abanca, entidade con oficina en Touro, o que se traduciría en entre 5.000 e 10.000 euros anuais de diferenza a favor das arcas municipais. Porén, a oposición considerou que esta medida prexudica os intereses dos veciños, ao comprometer a permanencia da única oficina bancaria local, a de Abanca.
O Grupo Popular, apoiado polo BNG e un concelleiro de MVT, denunciou a falta de transparencia do alcalde ao non seguir os procedementos legais para abrir a nova conta e alertaron de posibles conflitos de interese. Ademais, criticaron que a sesión fose convocada a unha hora que dificultaba a asistencia de todos os concelleiros, un intento fallido do rexedor por debilitar o voto da oposición.
Finalmente, o pleno aprobou, con 6 votos a favor e 4 en contra, o peche da conta en Bertamiráns e a convocatoria dun concurso para a contratación das contas municipais, priorizando entidades con presenza en Touro. A maioría da corporación espera agora que o alcalde execute esta decisión conforme ao acordo adoptado.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)