Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today9 diciembre, 2023
O concelleiro do Partido Popular, José Ramón de la Fuente, tivo oportunidade de comprobar, persoalmente, parte das deficiencias estruturais das piscinas de Santa Isabel, con ocasión da celebración do Open Promesas “Mireia Belmonte”, que se celebrou o pasado sábado, 2 de decembro.
De la Fuente lamentou que “para vergoña da cidade de Santiago, os membros dos equipos participantes doutros lugares (A Coruña, Arzúa, Monforte, Ferrol e Ponteareas, entre outros), tiveron que observar e mesmo padecer, incrédulos, que as instalacións se están, literalmente, desfacendo”. Así, nas gradas foi posible comprobar a existencia de cascotes por desprendementos do formigón que recobre partes do teito e paredes, que non provocaron algunha lesión por puro milagre.
Tal e como describiu o edil, a instalación en xeral atópase nunha situación moi preocupante: praia da piscina esvaradía e perigosa para usuarios por desgaste ou falta de baldosas; filtracións e goteiras; ou o forxado de todo o edificio corroído e moi deteriorado, son só algunhas das deficiencias detectadas.
O popular lembrou que, o pasado mes de xaneiro, hai xa un ano, o Concello anunciou unha intervención pero, a día de hoxe nin sequera consta o inicio do procedemento de licitación das obras, nin se albisca a curto prazo cando será posible, polo que “moito nos tememos que nos pasaremos, como mínimo, outro ano á espera de afrontar unha actuación que non admite demora”, denunciou.
Para De la Fuente, Santiago ten unha coñecida e grave carencia de instalacións para a práctica de deportes de auga, circunscritas a Sar e Santa Isabel, que non chegan nin de lonxe ao que precisan os clubs e afeccionados da cidade, “hai moitos deportistas de Santiago que teñen que desprazarse a concellos da contorna para adestrar”.
Para celebrar eventos e competicións deportivas só se conta con Santa Isabel, dado que as de Sar nin sequera teñen gradas, instalacións a todas luces insuficientes, que ademais non reúnen condicións minimamente aceptables.
Por todo iso o edil popular urxiu a execución da obra prevista para este pavillón ademais dunha nova instalación para os deportes de auga.
Desleixo do BNG polo deporte
Polo de agora, o único que demostrou este goberno do BNG é que para eles o deporte nesta cidade é totalmente secundario. Os nacionalistas seguen sen ambición e, a pensar no curto prazo, non lle prestan á concellería de Deportes a importancia que os clubs necesitan e os deportistas merecen, salientou De la Fuente.
Lamentou que, de continuar nesa liña, “seguiremos sen contar cunhas infraestruturas dimensionadas á potencialidade do noso Deporte, seguiremos co Deporte nun marco que, lonxe de crear as condicións para o seu crecemento, se restrinxa a xestionar o día a día”.
Nese senso, destacou que o Partido Popular de Santiago ten clara a súa aposta polo Deporte con maiúsculas, cremos no Deporte como ferramenta formativa e a súa potencialidade como elemento transformador de hábitos de vida.
“Somos coñecedores do alto nivel de clubs e deportistas en Santiago, por iso levabamos no noso programa un ambicioso proxecto para o Deporte da cidade, que incluía dous novos campos de fútbol en San Lázaro e unha piscina olímpica en Santa Marta, instalación, esta última, que tiña previsto contar tamén cunha pista polivalente, outra piscina de menor tamaño para iniciación e zonas de exercicios, ademais de saunas e outros servizos relacionados co benestar corporal” lembrou o popular.
Pola contra o goberno do BNG, segue sen explicar a que destinaron os 100.000 euros que se desviaron da área de deportes. Así, De la Fuente volveu insistir en pedir explicacións para aclarar dito desvío, que non ten en conta todas as necesidades que hai neste departamento.
O concelleiro popular pregúntase onde están eses 100.000 euros, posto que “os cidadáns teñen dereito a saber en que se usan os cartos de todos”, e polo de agora “o único que recibiron a cambio é escurantismo e falta de explicacións en cada decisión que toma o Goberno nacionalista”, concluíu.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)