Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today18 julio, 2024
O Partido Popular de Santiago, a través do concelleiro José Ramón de la Fuente, denunciou hoxe en Rolda de Prensa a decisión do goberno nacionalista de rachar con case 40 anos de tradición e impedir que se leve a cabo a histórica Exposición de Automóbiles Antigos na Praza do Obradoiro.
Como ven ocorrendo desde hai case 40 anos, o Club Galego de Automóviles Antiguos, solicitou en marzo as autorizacións necesarias para celebrar na prazo do Obradorio, onde sempre se desenvolveu este evento, a Exposición de Automóbiles Antigos e o Concurso de Traxes de Época, na seguridade de contar, como ata agora, cos permisos e colaboracións necesarias do Concello de Santiago.
O Club estivo esperando máis de tres meses por unha resposta que non chegaba ata que optou por dirixirse directamente ao BNG para obter, con sorpresa e malestar, a resposta de que esa proposta “non encaixaba ben coa programación das Festas do Apóstolo”.
A Exposición de Automóbiles Antigos e o Concurso de Traxes de Época é un clásico das Festas do Apóstolo que atrae a grande cantidade de afeccionados ao mundo do automobilismo e da súa historia.
O único que pedían, como sempre, era autorización para ocupar unhas horas a praza do Obradoiro, correndo ao cargo do Club toda a organización.
Gobernos de todas as cores tiveron ata agora na súa programación de festas un oco para que os veciños de Santiago desfrutaran dun evento que xa se converteu nunha cita obrigada durante as festas do Apóstolo.
Pero nesta ocasión o goberno nacionalista abortou calquera posibilidade de celebración deste clásico das Festas ao denegar os permisos e colaboracións solicitadas, alegando a incompatibilidade cunha programación que nesas datas non podía estar pechada.
Para o concelleiro popular, esta claro que o BNG segue coa súa política de imposición sectaria de actos, recoñecementos e eventos, que se veñen a sumar á negativa a asistir aos actos do Apóstolo ou a poñer as pantallas para ver a Final da Eurocopa, ou á fabricación artificial e falsa dun relato turismofóbico na cidade que só pretenden rachar coas tradicións e costumes de todos, para substituílas subrepticiamente polas que reflicten o sectario catecismo nacionalista do BNG.
Goretti Sanmartin, manifestou De la Fuente, “esquece que non está lexitimada para impoñernos os seus gustos festivos, culturais e folclóricos, para iso debería ter obtido nas urnas un resultado que non ten, de feito preside o goberno municipal con menos concelleiros e menor respaldo popular da historia de Santiago de Compostela, aínda que sexa o máis custoso”.
Segundo o concelleiro popular, o PSOE investiuna para que xestionara e administrara o Concello, non para que impuxera o catecismo nacionalista a toda a cidade, “quere converter a Santiago no seu particular laboratorio de políticas nacionalistas, para o BNG Santiago é un ensaio para un posible goberno en Galicia, está poñendo a Santiago ao servizo do BNG, e para iso non ten mandato nin apoio popular nin, polo tanto, lexitimidade”.
“Esixímoslle que se quere ensaiar en Santiago o modelo republicano e comunista que representa o BNG (cousa que ocultaron no seu programa electoral), que nas próximas eleccións municipais se presente con ese programa e que os cidadáns decidan, pero mentres deben respectar a identidade e os sentimentos, costumes e tradicións da cidade; Santiago non é nacionalista, o BNG apenas representa o 23% do electorado, non pode impoñernos o seu modelo de lecer, cultural e social, como están a facer”, lamentou De la Fuente.
O concelleiro popular comprometeuse a que a Exposición de Automóbiles Antigos e o Concurso de Traxes de Época volverán a celebrarse cando o Partido Popular goberne a cidade.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)