Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today10 julio, 2026
As e os socialistas critican que, mentres regresan as longas colas do estudantado para atopar piso, ningunha das dúas administracións puxo en marcha medidas efectivas para facilitar o acceso á vivenda.
Aitor Bouza reclama a creación da empresa municipal de vivenda, un banco público de alugueiro para mobilizar as máis de 6.000 vivendas baleiras que hai na cidade e o incremento das residencias universitarias públicas.
Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2026. O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado no Parlamento de Galicia, Aitor Bouza, denunciou hoxe que a crise da vivenda continúa agravándose en Santiago sen que nin a Xunta de Galicia nin o Concello impulsen medidas eficaces para aumentar a oferta de vivenda accesible. O socialista advirte de que a chegada dun novo curso universitario volve poñer de manifesto un problema que segue sen resposta.
Bouza asegurou que as imaxes destes días son a mellor proba da falta de actuación das administracións. «Durante as últimas semanas volvemos a ver as longas colas do estudantado para poder atopar unha vivenda», lembrou. Ao seu xuízo, a situación resume perfectamente a ausencia de solucións. «Cales foron as solucións? Ninguna.»
O dirixente socialista criticou que o Goberno da señora Sanmartín siga sen desenvolver ferramentas que contribúan a ampliar o parque público de vivenda, lamentando que «o Concello de Santiago non adopta ningún tipo das medidas que pode facer, como, por exemplo, crear a empresa municipal de vivenda», e denunciou que o executivo local leva «tres anos sen facer absolutamente nada respecto a esta cuestión, moito compromiso, moita rolda de prensa, pero absolutamente ningún avance nesta materia.»
Bouza considerou que esta falta de iniciativa tamén se repite por parte da Xunta de Galicia, á que responsabilizou de non impulsar políticas que faciliten o acceso á vivenda ás persoas mozas. Segundo advertiu, «a administración con competencias na materia, como é a Xunta de Galicia, o señor Rueda, tamén está na mesma parálise absoluta», polo que «non están a facer nada para que realmente se garanta que o alumnado ou os estudantes que poden vir aquí a Santiago de Compostela poidan ter onde vivir.»
Fronte a esta situación, o secretario xeral do PSdeG de Santiago reivindicou as propostas defendidas polos socialistas para aumentar a oferta de vivenda na cidade, entre elas máis residencias públicas e a mobilización das vivendas baleiras mediante un banco público. Ademais, lembrou que «tanto a señora Sanmartín como o señor Rueda votaron en contra de que se puidera facer ese banco público», malia tratarse, ao seu xuízo, de «posibles solucións a un drama que existe na nosa cidade.»
Para rematar, Bouza asegurou que continuará reclamando medidas que garantan o dereito á vivenda e instou ás dúas administracións a pasar das palabras aos feitos. «Esiximos que a señora Sanmartín e o señor Rueda deixen de mirar cara outro lado, que deixen de facer anuncios e que se poñan a traballar para garantir o acceso á vivenda a todos e a todas.»
Escrito por Líder Redacción




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)