Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today29 junio, 2026
O sacerdote padronés Roberto Martínez Díaz tomou posesión este domingo como novo cóengo da Catedral de Santiago nun acto solemne presidido polo arcebispo de Santiago, monseñor José Prieto, ao que asistiron arredor de 200 veciñas e veciños de Padrón para arroupar ao párroco nesta nova etapa.
A representación institucional estivo encabezada polo alcalde de Padrón, Anxo Arca, acompañado da concelleira Marilo Saco Vigo e doutros membros da Corporación municipal, que quixeron trasladarlle persoalmente os seus parabéns.
Na mesma cerimonia tamén tomaron posesión como cóengos Alfonso Novo Cid-Fuentes, director do Instituto Teolóxico Compostelano, e José Sánchez Piso, administrador parroquial das parroquias de Lestedo, Sales, Vedra, Trobe e Illobre.
Licenciado en Teoloxía e profesor do Instituto Teolóxico Compostelano, Roberto Martínez leva dúas décadas á fronte da parroquia de Padrón e foi arcipreste de Iria-Santiago. A súa traxectoria estivo marcada polo compromiso coa conservación do patrimonio relixioso e coa atención aos peregrinos do Camiño Portugués.
O pasado mes de outubro foi distinguido co Premio Berce do Xacobeo e nomeado Peregrino de Honra polo Concello de Padrón, en recoñecemento ao seu labor na protección do patrimonio histórico e na acollida das persoas peregrinas.
Desde o Concello de Padrón expresaron a súa satisfacción por este nomeamento e desexaron a don Roberto «moitos éxitos nesta nova responsabilidade», destacando que a súa incorporación ao Cabido da Catedral supón un recoñecemento á súa ampla traxectoria pastoral e ao seu servizo á comunidade.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)