AD

Deportes

O V Torneo de Pádel A Baña pecha con grande éxito e 78 partidos disputados

today19 octubre, 2026

Fondo
share close
AD

• A edición máis participativa ata o momento reuniu 55 parellas e obrigou a ampliar a competición desde o xoves ata a madrugada do domingo
• A organización procurou que todas as parellas xogasen un mínimo de dous ou tres partidos, favorecendo unha maior participación
• O alcalde, José Antonio Pereira, e a concelleira de Deportes, Ana Pensado, participaron na entrega de premios aos finalistas

A Baña. 19-10-2026.- O V Torneo de Pádel A Baña pechou esta pasada fin de semana cun balance moi positivo tanto no deportivo como no participativo. A cita, organizada polo Concello e disputada nas pistas de Lañas, reuniu 55 parellas e deixou un total de 78 partidos, desenvolvidos ao longo de catro xornadas, desde o xoves 15 ata pasada a medianoite do domingo 18 de outubro.

A elevada participación obrigou a ampliar o calendario inicialmente previsto e a adiantar o inicio da competición ao xoves. O esforzo organizativo permitiu encaixar unha programación moi intensa e, ao mesmo tempo, cumprir cun dos obxectivos marcados nesta edición: que todas as parellas puidesen disputar como mínimo dous ou tres partidos, garantindo así unha maior participación e máis tempo de xogo para as persoas inscritas.

O torneo desenvolveuse nun gran ambiente de deportividade, compañeirismo e convivencia, tanto dentro como fóra das pistas, confirmando o crecemento dunha cita que xa está plenamente consolidada no calendario deportivo municipal.

Na organización do torneo participou o técnico de Deportes da Baña, Adrián Vázquez, e tamén Daniel Guzmán, monitor de pádel das Escolas Deportivas Municipais da Baña, cuxo traballo resultou fundamental para a coordinación dos cadros, horarios e encontros ao longo das catro xornadas.

Así quedaron os resultados por categorías:

Iniciación masculina
1º posto: Beto e Pepiño
2º posto: Jon e José R.

3ª feminina
1º posto: Elena e Renata
2º posto: Alba e Nuria

2ª mixta
1º posto: Borja e Cristina
2º posto: Tito e Loreto

3ª masculina
1º posto: Jacobo e Julio
2º posto: Xoán e Nico

3ª mixta
1º posto: Cristina e Juancar
2º posto: Renata e Pablo I.

2ª masculina
1º posto: Daniel Guzmán e Víctor O.
2º posto: José E. e Enric G.

As parellas finalistas recibiron premios, mentres que todas as persoas participantes contaron tamén cun agasallo de benvida.

O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, e a concelleira de Deportes, Ana Pensado, achegáronse ás pistas de Lañas e participaron na entrega de premios, acompañando os deportistas no peche dunha edición que volveu superar as cifras de participación de anos anteriores.

Desde o Concello da Baña queren agradecer o comportamento, a colaboración e a comprensión de todas as persoas participantes ante a complexidade organizativa que supuxo encaixar un número tan elevado de encontros, así como o traballo de todas as persoas implicadas na organización.

O éxito desta quinta edición reforza a aposta municipal pola promoción da actividade física, os hábitos de vida saudables e a convivencia a través do deporte, e consolida o Torneo de Pádel A Baña como unha das citas deportivas con maior capacidade de convocatoria do municipio.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *