AD

Actualidad

O violinista e compositor Ismael Cabaleiro presenta este xoves Fóra na Casa das Crechas

today3 junio, 2026

Fondo
share close
AD
  • O novo traballo do músico de Arcade, afincado en Santiago, explora novas sonoridades a partir do violín, mesturando influencias do jazz, da música tradicional e do bluegrass nun proxecto que se presentará o 4 de xuño ás 21:00 horas acompañado por Elena Domínguez e Juanjo Fernández

O violinista e compositor Ismael Cabaleiro presentará este xoves 4 de xuño na Casa das Crechas de Santiago de Compostela o seu novo EP, Fóra, o seu segundo traballo como líder tras a publicación de Intres en 2022.

Natural de Arcade e afincado en Santiago desde hai máis de cinco anos, Cabaleiro explicou nos micrófonos de Radio Líder Santiago que este novo proxecto chega nun momento de cambio persoal e musical, marcado pola necesidade de explorar novos camiños afastados do swing e do jazz máis clásico cos que estaba máis identificado ata agora.

O músico lembrou que Intres, o seu anterior traballo, nacera como unha homenaxe ao violinista Stéphane Grappelli coincidindo coa participación en varios festivais de swing en cidades como Lisboa ou Santiago. Segundo explicou, aquel primeiro traballo estaba moi ligado ao universo do swing e á figura de Grappelli, mentres que Fóra nace dunha procura moito máis persoal. “Tiña bastantes ganas de facer música, pero non acababa de atoparme”, recoñeceu durante a entrevista.

Un novo camiño musical

Ese proceso de procura coincidiu tamén coa chegada dun novo violín, un cambio que, segundo contou, o levou a experimentar con novas ideas e composicións a violín só.

Precisamente desa idea nace Fóra, un EP formado por cinco temas que parten dunha premisa moi concreta: que cada peza poida sosterse unicamente co violín. “O que quería era facer música a violín só que se afastara un pouco do que sería a música clásica e tamén do que eu estaba facendo ata agora”, explicou o compositor.

Cabaleiro contou tamén que a súa relación co violín non sempre foi sinxela. Comezou a estudar música con apenas catro anos e durante a adolescencia chegou a cuestionarse o instrumento porque as músicas que lle gustaban non encaixaban co que asociaba ao violín naquel momento. “Non pensaba que se puidera facer rock, pop, hip hop ou jazz co violín”, lembrou.

Foi precisamente durante esa etapa cando comezou a descubrir novas posibilidades sonoras e a construír unha voz propia como músico. “Sempre que me deixaba levar saíanme cousas un pouco diferentes”, explicou sobre unha evolución marcada polas influencias do jazz, da música tradicional, do bluegrass e doutras linguaxes contemporáneas.

O universo de Fóra inclúe tamén varias pezas audiovisuais. Un dos videoclips, realizado por Breikus, nace como unha homenaxe á contorna de Arcade e ás mariscadoras da ría. Ademais, Cabaleiro traballa noutra peza desenvolvida xunto ao alumnado de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela, que verá a luz proximamente.

Un directo especial na Casa das Crechas

A presentación deste novo traballo terá ademais un significado especial para o músico pola súa relación coa Casa das Crechas. “Para min é como unha segunda casa”, asegurou durante a conversa, destacando tamén o ambiente creativo e musical que rodea este espazo compostelán.

No escenario estará acompañado por Elena Domínguez ao violonchelo e Juanjo Fernández nos sintetizadores e piano, formando un trío que achegará novas capas sonoras ás composicións do EP. Segundo destacou Cabaleiro, ambos os dous músicos aportan “moitísima personalidade e forza” ao proxecto.

A presentación de Fóra celebrarase este xoves 4 de xuño ás 21:00 horas na Casa das Crechas. As entradas poden adquirirse anticipadamente a través de Woutick e tamén estarán dispoñibles en taquilla.

Tras o concerto en Santiago, o proxecto continuará o seu percorrido por outros escenarios galegos como Pontevedra, Vigo, Noia ou Arcade.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *